CSAG Viva - CSAG
CSAG Viva
O Pontevedra defende este sábado o liderado ante o filial do Athlétic de Bilbao, pola primeira canle da TVG e AGalega

Santiago, 11.09.2026.- A TVG e AGalega.gal abren a fin de semana de retransmisións deportivas co fútbol da Primeira RFEF desde Pasarón, co enfrontamento da terceira xornada entre o Pontevedra e o Bilbao Athlétic. Os granates chegan a esta cita como líderes do grupo 1, tras un inicio de temporada sólido. A emisión comezará ás catro e cuarto da tarde do sábado, coa previa do partido dentro do ‘En Xogo’ da man de Óscar Benito e cos comentarios de Miguel Gallego, Javier Oreiro e Luisito.
O deporte continúa ás sete da tarde na segunda canle da TVG e en AGalega.gal coa final da Copa Galicia de baloncesto feminino, desde Ferrol. A cita reúne os catro grandes do baloncesto feminino galego: Celta Femxa Zorka, Durán Maquinaria Ensino e Baxi Ferrol, os tres representantes galegos na Liga Femenina Endesa, xunto ao Sparking Truth Maristas Coruña, procedente da LF Challenge. O Ensino chega como vixente campión, tras gañar na pasada edición ao Baxi Ferrol.
Xa o domingo, ás once da mañá, a G2 e AGalega.gal estarán en San Sebastián coa segunda e definitiva xornada da Bandeira da Concha, a proba máis prestixiosa do calendario de traiñeiras que é coñecida como ‘a olimpíada do remo’. Nesta edición, e tras quedar eliminadas as embarcacións galegas presentes na clasificatoria, Galicia non contará con representación na gran final, que se decidirá entre as mellores tripulacións do Cantábrico.
Cando rematen as traiñeiras chegará o Gran Premio da China de MXGP, unha nova cita do Mundial de Motocrós, en que o vigués Rubén Fernández (Honda HRC Petronas, dorsal 70) loita polo top 5 do campionato do mundo. Os espectadores poderán ver a primeira manga á unha e media do mediodía e a segunda partir das catro da tarde.
O fútbol estará presente en AGalega.gal coa xornada de Segunda RFEF desde as cinco da tarde. Desta volta a atención pasará pola Lomba co Arousa-Gernika, As Eiroas co Bergantiños-Amorebieta e O Vao co Coruxo-Raio Cantabria. Ao remate da xornada, contra as dez e vinte e cinco na G2 e logo da medianoite na TVG, o magazine deportivo semanal ‘En Xogo’ resumirá todo o sucedido cos nosos equipos nas principais categorías, con especial atención ao Celta-Málaga e ao Xetafe-Deportivo.
O luns seguirán as retransmisións deportivas. Desde Bulgaria, a G2 e AGalega.gal ofrecen desde Samokov (Bulgaria) a estrea europea do Río Breogán na Basketball Champions League 2026-27. O conxunto de Luis Casimiro abre a súa fase previa fronte ao anfitrión, o Rilski Sportist. O Breogán terá que gañar ata catro roldas consecutivas nun formato de sede concentrada para acadar o acceso á fase de grupos da competición continental, que arrinca o 6 de outubro. En caso de avanzar, o rival para o xoves sairía do cruzamento entre o Würzburg Baskets alemán e o Manchester Basketball británico.
Os partidos Celta-Málaga e Xetafe-Deportivo serán os protagonistas do 'Galicia en Goles' na tarde do domingo

Santiago, 11.09.2026.- A Radio Galega e AGalegaAudio.gal abren este venres a fin de semana de retransmisións co partido entre o Deportivo Abanca e o Real Madrid da Primeira División feminina. Desde as 20:00 h, Roberto Carlos Carballo repartirá xogo no ‘Galicia en Goles’ atendendo esta cita futbolística, xunto ás semifinais da 39ª Copa Galicia de baloncesto feminino no Pavillón da Malata. Completa o venres deportivo a xornada de inauguración do cuadrangular EncestaRías, no Pavillón Municipal de Pontevedra. O programa prestaralle especial atención ao Obradoiro-Valencia, que chega a dúas semanas do comezo da Liga ACB.
O sábado, desde as 14:15 h, o fútbol de Primeira RFEF estará presente cunha dobre cita. O Pontevedra recibe o Bilbao Athlétic en Pasarón e a U. D. Ourense visita a U. D. Logroñés. O baloncesto será outra das disciplinas con cobertura, xa que se disputará en Pontevedra a final do EncestaRías, e en Ferrol xogarán polo título da Copa Galicia feminina.
Xa o domingo, a xornada matinal reserva para as 11:45 h o Rácing de Ferrol-Real Unión, da Primeira RFEF. A partir das 14:00 h, na Primeira División, o Celta recibe o Málaga en Balaídos. Os célticos afrontan a cita sen coñecer aínda a vitoria en toda a temporada, con dúas derrotas na casa e tres empates a domicilio. Pola súa parte, o Málaga chega tamén necesitado, con dous puntos sumados na Rosaleda e tras sufrir cadansúa derrota no Metropolitano e no Bernabéu.
A sesión continua de Primeira terá a seguinte parada co Xetafe-Deportivo, no Coliseo. Os herculinos están invictos, con oito puntos e instalados na quinta praza, despois de sumar dous triunfos e dous empates. O rival rematou con dez futbolistas ante o Celta o pasado luns e foi quen de salvar un punto, o que lle permite sumar catro tras outros tantos partidos disputados.
Ademais, o ‘Galicia en Goles’ estará pendente durante todo o domingo das ligas da RFEF, con atención ao Lugo-Coria e ao Fabril-Ponferradina. Na Segunda RFEF destacan o Arousa-Gernika, o Bergantiños-Amorebieta e o Coruxo-Raio Cantabria, xunto ao calendario da Terceira.
#GaliciaEnXogo
Ao remate da xornada futbolística, o ‘Galicia en Goles’ dedicará a última hora do domingo ao proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo. Rodrigo Pérez ofrecerá ás 23:00 h a última hora do motor, con atención esta fin de semana á participación do vigués Rubén Fernández no Gran Premio da China de MXGP. A partir das 23:30 h, Toni López repasará a actualidade dos deportistas galegos que traballan neste ciclo olímpico co obxectivo de alcanzar a clasificación para os Xogos dos Ánxeles 2026.
'O musical. Mellor á Galega' presenta esta noite a nova programación da Televisión de Galicia

Santiago, 11.9.2026.- A gala ‘O musical. Mellor á Galega’ (21:45 h) achegará este venres as novidades, máis dunha ducia, da programación de outono na Televisión de Galicia. A sala Pelícano da Coruña acolleu esta semana o espectáculo, un gran musical que vai amosando as apostas da tempada, con moita música, humor, maxia e o talento dos profesionais da casa. Conducida por Xosé Ramón Gayoso, Laura Boado e Arturo Fernández, e con números musicais inspirados en programas e series da canle, a gala conta coas caras máis coñecidas da Galega.
Entre elas, actúan Roberto Vilar, Xosé A. Touriñán e Eva Iglesias; os presentadores dos magazines Rocío Durán, Quique Morales, Bernardo Montaña, Fran Cañotas, Marcial Mouzo, Loli Gómez, Eddy Insua e David Vilares. E ata Isabel Blanco e Silvia Jato, presentadoras de ‘Tarde piaches’ nas fins de semana, cantan a ritmo de ‘Grease’. Participan tamén, entre moitos outros os actores e actrices, María Mera, Lucía Regueiro e Luís Iglesia, así como Iago Pico e Nuria Lorenzo, xurados de concursos de talentos, entre outros moitos.
En ‘O musical. Mellor á Galega’ soarán, amais, artistas galegos como As Pampíns, Kidmount, Ortiga, Dirty Suc, DJ Quique Varela, Antía Muíño, Capitán Sabrosura, María Mera, Aitana del Mar, e Sabela Ramil. E o ilusionista e músico Nacho Samena abraiará os presentes coas súas intervencións de maxia. Un gran musical de dúas horas para dar a benvida ao outono na TVG.
TVG estrea temporada con máis dunha ducia de novas propostas, series, realities e moito entretemento

Santiago de Compostela, 09.09.2026.- ‘MELLOR Á GALEGA’, a programación de outono da Televisión de Galicia vestiuse de gala este mércores na sala Pelícano da Coruña, onde se desvelaron máis dunha ducia de novos contidos de entretemento que abranguen ficción, actualidade, realities, deportes e historia. A TVG presentou a grella da nova tempada cun musical presentado por Xosé Ramón Gayoso, Laura Boado e Arturo Fernández, que se emitirá o venres á noite, e que contou coa asistencia dos equipos de programas e producións da TVG para este outono.
A ficción propia viaxará ao pasado en ‘Clínica Miranda’, produción ambientada na Pontevedra dos anos 60; a crónica negra recente é o xénero de ‘O asasino do pelo roxo’, unha miniserie que descobre a historia real dun caso da recente crónica negra de Galicia; e, ademais, moito humor en ‘Millonarios’, formato de comedia que segue as divertidas situacións da vida de ricos de dous millonarios por accidente, con Xosé Antonio Touriñán e Eva Iglesias como protagonistas.
A canle pública aposta pola proximidade e o ton optimista ao amosar a vida real de persoas anónimas e famosas en cinco realities. ‘Orgullo de familia’ achegará a realidade e as raíces de tres familias xitanas. Máis que tratar sobre relixión, o programa de encontros ‘Bos hábitos’ convida a mirar os curas desde o seu lado máis persoal e a súa interacción coa contorna. Coa ollada posta no rural, ‘O campo é noso’ é un agroreality, que segue o día a día de mozos e mozas agricultores e gandeiros. O coñecido experto en conduta animal Octavio Villazala abre as portas do seu centro en ‘Octavio e os seus animaliños’. E a artista Pili Pampín será a protagonista xunto coa súa familia no reality ‘Planeta Pampín’.
Servizo público, alfabetización mediática e investigación
A historia como nunca se viu chega con ‘Os Crononautas’, un espazo presentado por David Vilares e Trisha Fernández que viaxa no tempo para coñecer momentos clave da nosa historia, con recreacións de grande impacto visual, apoiadas no uso da IA. Amais, a TVG ten prevista a estrea dun espazo cunha clara vocación de servizo público, ‘Desaparecidos’, que intentará atopar respostas aos centos de casos de desaparicións sen causa aparente e que se suma ao programa de investigación ‘Expediente oculto’.
Os espazos de decoración e rehabilitacións, ‘Casa de cor’ e ‘Galicia bonita’, veranse complementados con ‘A miña casa ten flow’, no que Yayina Torres desenvolverá reformas orientadas a mellorar a funcionalidade dos espazos. E no apartado da divulgación, cómpre salientar a estrea de ‘Conexión segura’, programa de investigación que se introducirá no lado oculto da Internet para revelar como operan os cibercarrachos e, sobre todo, como hai que protexerse deles; ademais, ‘Mirada allea’ achegará as historias de persoas que deciden asentarse en Galicia e ‘Cos pés no mar’ dará a coñecer as historias de persoas que fan unha aposta vital polo mar.
Máis ‘Land Rober’, ‘En compañía de Loli’, ‘Luar’ ...
E, por suposto, seguen os clásicos comandados por ‘Luar’ e ‘Land Rober’, aos que se lle suman novas temporadas de ‘Bailamos anónimos’, ‘A liga dos cantantes extraordinarios’, ‘Talentos extraordinarios’ e ‘A orquestra perfecta’. Tamén se seguirá gozando das novas entregas de espazos queridos polos espectadores como ‘Curando o mundo’ ou ‘Latitude galega’, así como os magazines que achegan en directo o día a día da nosa comunidade: ‘O termómetro’, ‘Hora galega’, ‘En compañía de Loli’ e ‘Tarde piaches’, neste caso nas fins de semana.
Máis fútbol, Primeira RFEF e Celta Fortuna e Liga Endesa de baloncesto
O compromiso co deporte galego poténciase: TVG e AGalega.gal son a fiestra de referencia para os afeccionados ao fútbol coa emisión en aberto dun partido por xornada da Primeira RFEF grupo primeiro, con cinco equipos galegos -Pontevedra, Rácing de Ferrol, Club Deportivo Lugo, Unión Deportiva Ourense e Fabril Deportivo-. A canle pública seguirá de preto tamén o Celta Fortuna, o filial celeste que debuta na Segunda División, e do que retransmitirá 12 partidos ata maio do 2027.
E os domingos ao mediodía será a quenda do baloncesto. Cada xornada emitirase un partido da Liga Endesa con presenza galega -Río Breogán, Monbus Obradoiro e Leyma Coruña-. En total, serán retransmitidos seis derbis e 34 encontros da competición regular. E a G2 retransmitirá tamén os partidos europeos do Río Breogán.
TVG reforza a información de proximidade e a presenza no territorio galego na nova temporada

Santiago, 07.09.2026.- Televisión de Galicia presenta este luns a súa programación informativa para a temporada 2026-2027, cunha oferta que sitúa Galicia e a información de proximidade no centro da súa proposta. A presenza no territorio galego, os directos, o xornalismo propio e a vontade de ofrecer máis contexto e profundidade marcarán unha temporada que contará con María Cheda, Raúl Quián, Marta Darriba, Pablo Muñoz, Chus Tanoira e David Valverde entre as súas principais caras.
Máis territorio galego e directos desde primeira hora
María Cheda estará á fronte do ‘Bos Días’, de luns a venres entre as 08:00 e as 10:30 horas. O programa reforzará a súa vocación galega e terá nos directos e nas conexións co territorio galego un dos seus principais fíos condutores, coa intención de estar alí onde se produce a actualidade. O ‘Bos Días’ potenciará tamén a explicación dos asuntos que marcan a xornada, incorporando especialistas en diferentes ámbitos para ofrecerlle á audiencia claves e contexto sobre a actualidade galega.
Un mediodía con máis proximidade e profundidade
A información de proximidade terá un protagonismo especial no ‘Galicia Noticias’, que presentará Raúl Quián de 13:55 a 14:25 horas. O espazo centrará a súa atención nos sucesos, na sociedade comarcal e nos asuntos que afectan directamente á vida cotiá galega, cunha cobertura territorial equilibrada que lle dea presenza ao conxunto de Galicia.
Ás 14:25 h, Marta Darriba tomará o relevo no ‘Telexornal’, o principal informativo do mediodía, que abordará con maior profundidade as grandes cuestións da actualidade galega.
Pablo Muñoz, á fronte da edición serán do ‘Telexornal’
A edición da noite, a partir das 21:00 h e presentada por Pablo Muñoz, apostará especialmente por facer avanzar as noticias ao longo do día, actualizando os asuntos tratados ao mediodía con novos desenvolvementos, novas voces e novos enfoques. O obxectivo é que o espectador atope cada noite un informativo que incorpore valor á actualidade galega e que constrúa tamén unha axenda propia de Galicia.
Chus Tanoira e David Valverde, na fin de semana
A oferta informativa reforzarase tamén durante a fin de semana. Chus Tanoira presentará o ‘Bos Días’ dos sábados e domingos, cunha posta ao día áxil da actualidade e atención tamén á axenda cultural e de lecer galego.
David Valverde será a cara do ‘Telexornal’ na fin de semana, tanto ao mediodía como pola noite. A edición de mediodía combinará a actualidade galega coa información útil e de servizo, con atención ao tráfico, á meteoroloxía e ás propostas culturais e de lecer de Galicia. Pola noite, apostarase pola profundidade, a explicación e os directos, desenvolvendo os asuntos clave da xornada con novos materiais e enfoques para ampliar e contextualizar a información ofrecida ao mediodía.
A fin de semana incorporará ademais ‘Atmosféricos’, un novo formato presentado por Diego Viaño que tomará a meteoroloxía como fío condutor para contar Galicia a través do clima, a natureza e o medio ambiente galego.
‘En Xogo’, nova referencia para a información deportiva galega
A información deportiva afronta tamén unha nova etapa. Os principais espazos de deportes de TVG agrúpanse baixo a marca ‘En Xogo’, co obxectivo de construír un selo recoñecible para a audiencia e cunha aposta por un xornalismo deportivo máis próximo e narrativo.
O compromiso co deporte galego poténciase durante esta campaña. A TVG e AGalega.gal seguirán sendo a fiestra de referencia para os afeccionados ao fútbol profesional, coa emisión en aberto dun partido por xornada da Primeira RFEF, grupo primeiro, en que compiten cinco equipos galegos: Pontevedra, Rácing de Ferrol, Club Deportivo Lugo, Unión Deportiva Ourense e Fabril Deportivo.
A canle pública seguirá de preto tamén a participación do Celta Fortuna no fútbol profesional. O filial celeste, que debuta esta temporada na Segunda División, contará con 12 partidos retransmitidos pola primeira canle da TVG e de AGalega.gal ata maio de 2027.
Os domingos ao mediodía será a quenda do baloncesto. A TVG e AGalega.gal emitirán cada xornada un partido da Liga Endesa con presenza galega: Río Breogán, Monbus Obradoiro e Leyma Coruña. En total, ofreceranse seis derbis galegos cun total de 34 encontros da competición regular. Tamén a G2 retransmitirá os partidos europeos do Río Breogán.
Carlos Macía presentará o ‘En Xogo’ do mediodía, con Terio Carrera nos exteriores; Lorena Pose estará á fronte da edición da noite de luns a venres, e Irene Lourido presentará as edicións de mediodía e noite da fin de semana. Óscar Benito estará á fronte dos espazos ligados ás retransmisións dos sábados e domingos, mentres que Gustavo Varela presentará o resumo da xornada do domingo na G2.
A nova proposta deportiva ten como prioridade o deporte galego, desde os principais equipos de fútbol ata as categorías con ampla representación de clubs de Galicia, o baloncesto e as competicións femininas.
Xornalismo en profundidade e información especializada
A programación informativa mantén ademais a súa oferta de xornalismo especializado. ‘No Foco’, presentado por Marcos Sueiro, continuará afondando nos temas e protagonistas que marcan a axenda, ofrecendo o contexto e a perspectiva que non sempre poden desenvolver os informativos diarios. A oferta complétase con ‘Vivir o Mar’, ‘Labranza’, ‘Parlamento’, ‘Café sen Gotas’ e ‘Zigzag’, reforzando a presenza na programación da información do mar galego, do rural galego, da actividade parlamentaria galega e da cultura galega.
Javier Romero, Noelia Rey e Bernardo Montaña toman o mando de 'O termómetro' nas mañás da TVG

Santiago, 24.08.2026.- Pouco a pouco vanse desvelando as novas facianas da próxima temporada da Televisión de Galicia, e a volta de ‘O termómetro’ ás mañás da TVG despois do verán chega con sorpresas. A primeira, os presentadores que sentarán na mesa e no sofá do magazine. Serán Javier Romero, Noelia Rey e Bernardo Montaña quen acompañen a audiencia na nova temporada do programa desde o próximo luns 31 de agosto.
Os tres xornalistas marcarán a temperatura de ‘O termómetro’. Javier Romero, que chega avalado por unha sólida traxectoria como correspondente en Italia, será quen conduza o espazo de principio a fin, guiando os espectadores por cada un dos bloques de contidos. Noelia Rey achegará o punto máis desenfadado do programa, facéndose cargo da sección de sociedade e da saúde xeral. E os dous estarán acompañados por Bernardo Montaña, o home dos datos na gran pantalla do estudio do matinal.
Esta é a terceira temporada na Televisión de Galicia de ‘O termómetro’, un espazo de entretemento e actualidade en directo para as mañás de luns a venres. O magazine combina entrevistas, reportaxes, mesa de debate sobre asuntos do día e un gran espazo para charlar con convidados e especialistas en temas diversos.
Nesta temporada, os contidos do programa organízanse en grandes bloques temáticos sempre desde a perspectiva galega para falar de consumo, saúde, sociedade, actualidade etc. Os presentadores conectan tamén cada mañá cun gran equipo de reporteiros espallados por toda Galicia, a pé de praia, de mercado e de rúas, tomando cada día a temperatura das catro provincias, e o programa contará tamén cos seus habituais colaboradores nas mesas de debate e con algunha nova incorporación sorpresa.
A Televisión de Galicia e AGalega.gal retransmitirán 12 partidos do Celta Fortuna na Segunda División

Santiago, 4.8.2026.- A Televisión de Galicia seguirá de preto a participación do Celta Fortuna no fútbol profesional. O filial celeste, que debuta esta temporada na Segunda División, contará con 12 partidos retransmitidos pola primeira canle da TVG e da plataforma AGalega.gal desde agosto do 2026 ata maio do 2027.
O Celta Fortuna abrirá a súa andaina televisiva o vindeiro luns 31 de agosto, ás nove e media da noite. O estadio de Balaídos acollerá a visita do Castelló, un dos equipos sinalados como candidatos ao ascenso a Primeira División.
Esta aposta da TVG polo Celta Fortuna dá continuidade ao compromiso da canle autonómica co fútbol galego profesional. No curso anterior, a canle autonómica emitiu 11 partidos do Deportivo, que acabou ascendendo á Primeira División. Agora, con 12 encontros do conxunto vigués programados para esta campaña, a TVG reafirma a súa vontade de seguir sendo a fiestra de referencia para os afeccionados coa emisión en aberto.
Últimos partidos da pretemporada
A TVG continúa coa emisión de todos os partidos da pretemporada do Celta e do Deportivo, antes do comezo oficial do campionato da Primeira División o próximo 15 de agosto. Así, o mércores día 5 ás oito da tarde os espectadores poderá seguir pola primeira canle e por AGalega.gal o Sassuolo-Celta. O xoves día 6, a TVG e AGalega.gal ofrecerán o Fiorentina-Deportivo. O sábado día 8 haberá programa dobre, coa emisión por TVG do Nápoles-Celta ás nove da noite e á mesma hora, pola G2, o Genoa-Deportivo. As dúas citas chegarán tamén en directo por AGalega.gal.
Xa o mércores día 12, ás nove da noite, a TVG e AGalega.gal retransmitirán desde Riazor o trofeo Teresa Herrera desde Riazor, co enfrontamento entre o Deportivo da Coruña e o Real Madrid. A edición feminina, programada para o xoves 13 ás cinco da tarde no estadio coruñés, estará en antena a través da G2 e de AGalega.gal co Deportivo e o Porto como protagonistas.
Primeira RFEF, na TVG e AGalega.gal
A primeira canle da TVG e AGalega.gal ofrecerán desde o sábado 29 de agosto un partido por xornada da Primeira RFEF, grupo primeiro, no que compiten cinco equipos galegos: Pontevedra, Rácing de Ferrol, Club Deportivo Lugo, Unión Deportiva Ourense e Fabril Deportivo. O primeiro está programado para o día 29 ás seis e media da tarde, entre o Arenas de Getxo e o Rácing de Ferrol.
Xosé A. Touriñán contará 'Moito Chiste' no 'prime time' de luns a xoves

Santiago, 31.07.2026.- O vindeiro luns 3 de agosto chega á TVG ‘Moito Chiste’, un novo programa que, nas noites de luns a xoves (21:45 h), levará polos bares e tabernas de Galicia o mellor humor, da man de Xosé A. Touriñán.
Cada día, catro veciños de cada localidade competirán contando os seus mellores chistes no “mellor programa, pero peor concurso da televisión”, en palabras de Touriñán, en que non gaña o máis simpático, senón quen máis familia leve como público.
Na súa estrea, ‘Moito Chiste’ estará en Vedra, na histórica Taberna do Mosqueiro, epicentro do viño da Ulla, que xa foi estudio de televisión nalgunhas temporadas da serie ‘Era Visto!’. Alí, Touriñán estará acompañado por Inés, Héctor, José e Cañete. Só un deles poderá facerse coa Cunca de Ouro.
Volve este luns á TVG 'Magnum', a serie policial que marcou os anos 80 e fixo de Tom Selleck un ídolo

Santiago, 24.07.2026.- A Televisión de Galicia recupera a partir do vindeiro luns, 27 de xullo, unha das series de produción allea máis icónicas da súa historia: ‘Magnum’, a ficción policial que lanzou ao estrelato a Tom Selleck e que marcou os anos 80. Ofrecerase durante este verán de luns a venres arredor das 11:15 h, desde o primeiro episodio e a razón de dúas entregas diarias.
Esta serie estadounidense, mestura de comedia, acción e drama, foi transmitida orixinalmente pola canle CBS de 1980 a 1988 e contou con 8 temporadas. Narra as aventuras de Thomas Sullivan Magnum, un investigador privado que vive en Hawái co mordomo Higgins, un exmilitar co que se leva como o can e o gato e que o ameaza cos seus cans gardiáns Zeus e Apolo. Magnum dedícase a resolver grandes casos, contando sempre coa axuda incondicional dos seus compañeiros Rick e TC, e mesmo de Higgins.
‘Magnum’ foi unha das series máis representativas da televisión popular dos anos 80. Un detective aposto e simpático, coas súas sempiternas bermudas e camisas floreadas, resolvendo os seus casos no idílico arquipélago de Hawái, rodeado de luxo e cartos a esgalla, foi unha das apostas gañadoras desa década. O Ferrari que conducía Selleck na ficción, un 308 GTS, era un participante máis do elenco e a día de hoxe, un obxecto de coleccionista que segue vinculado á fama da serie. O sopro de aire fresco que supuxo a súa aparición tivo influencia en moitas series posteriores que intentaron copiar ese novo estilo máis lixeiro e desenfadado.
Durante as súas oito temporadas, estivo entre as producións máis vistas tanto nos EUA como en todos os países onde se emitiu. Estreada pola TVG en 1985, converteuse automaticamente nunha das series máis seguidas da canle pública galega polo gran traballo de tradución e adaptación dos diálogos, con moitas frases feitas e retranca local.
O regreso de ‘Magnum’ á grella da Televisión de Galicia únese á recuperación da serie ‘Dallas’, un dos maiores fenómenos televisivos de todos os tempos, do que os espectadores están podendo gozar durante este verán no late night de luns a venres.
Televisión de Galicia retransmitirá o Trofeo Teresa Herrera entre o Deportivo e o Real Madrid o 12 de agosto

Santiago, 10.07.2026.- A Televisión de Galicia retransmitirá o 12 de agosto, ás nove da noite, unha nova edición do Trofeo Teresa Herrera, que este ano ten como protagonistas o Deportivo da Coruña e o Real Madrid. O equipo herculino aproveitará a cita para presentarse ante a súa afección días antes de debutar ante o Elx no regreso á Primeira División. O Deportivo e o Real Madrid son os clubs máis laureados deste clásico do verán no fútbol español. Entre os dous suman 35 torres das 80 finais disputadas.
Este verán, a TVG adquiriu os dereitos das pretemporadas do Deportivo e do Celta, os dous equipos galegos que oito anos despois volverán coincidir na elite do fútbol profesional español.
Os telespectadores poderán desfrutar dos sete partidos programados polo Deportivo ante o Compostela, Oviedo, Lugo, St Pauli, Fiorentina, Génoa e Real Madrid e dos cinco previstos polo Celta. Os rivais confirmados dos celestes son o Braga, o Spórting de Xixón, o Sassuolo e o Nápoles. O quinto partido, que tamén será retransmitido pola TVG, está pendente de confirmación de rival e datas.
Onde e como ver a pretemporada na TVG e a G2
Á espera da confirmación do quinto partido do Celta, así queda o calendario de pretemporada:
• Os dous primeiros partidos son coincidentes en data e horario. O sábado 18 de xullo a TVG emitirá a partir das 20:30 h a estrea do Celta ante o Braga, e a partir das 20:00 h pola G2 poderase ver o Compostela-Deportivo.
• O día 25 intercámbianse os papeis para o dobre duelo galaico astúr. A partir das 19:30 h pola TVG poderase ver o Oviedo-Deportivo, e pola G2 a partir das 20:00 h o Celta-Sporting de Xixón.
• O mércores 29 de xullo, ás 19:30 h, a TVG ofrecerá o Deportivo–Lugo, que se xogará no estadio da Magdalena, en Vilalba.
• O sábado 1 de agosto, ás 18:30 h, a TVG retransmitirá o encontro entre o St. Pauli e o Deportivo, desde o estadio Millerntor, en Hamburgo.
• O mércores 5 de agosto, ás 20:00 h, será a quenda do Sassuolo-Celta, desde o Ricci Stadium. Un día despois, o xoves 6 de agosto, tamén ás 20:00 h, o Fiorentina-Deportivo, desde o estadio Artemio Franchi, en Florencia. Os dous partidos, pola TVG.
• O sábado 8 de agosto volverán coincidir os compromisos dos dous equipos galegos nun dobre duelo italiano. A partir das 21:00 h, a TVG ofrecerá o encontro entre o R. C. Celta e o Nápoles, que se disputará no estadio Teofolo Patini, e á mesma hora, a G2 retransmitirá o Genoa-Deportivo, desde o estadio Luigi Ferraris.
• A cobertura da pretemporada culminará o mércores 12, ás 21:00 h, coa retransmisión pola TVG do Trofeo Teresa Herrera, onde o Deportivo se vai enfrontar ao Real Madrid.
A Televisión de Galicia retransmitirá todos os partidos de pretemporada do Deportivo

Santiago, 07.07.2026.- A Televisión de Galicia retransmitirá toda a pretemporada do R.C. Deportivo da Coruña nun percorrido que levará o cadro herculino por Galicia, Asturias, Alemaña e Italia antes do inicio da temporada oficial de La Liga.
Primeiras citas
O primeiro partido será o sábado 18 de xullo, ás oito da tarde, co encontro que o Deportivo disputará ante a SD Compostela no estadio Vero Boquete de Santiago. Unha semana despois, o sábado 25 de xullo, ás sete e media da tarde, o equipo dirixido por Antonio Hidalgo visitará o Real Oviedo no Carlos Tartiere.
O terceiro compromiso terá lugar en Vilalba, onde o mércores 29 de xullo, ás sete e media da tarde, o Deportivo enfrontarase ao CD Lugo no estadio da Magdalena.
Xira internacional
A xira internacional comezará en Alemaña o sábado 1 de agosto, ás seis e media da tarde, cun desprazamento a Hamburgo para enfrontarse ao FC St. Pauli no Millerntor Stadion. A preparación continuará en Italia con dous encontros de alto nivel: o xoves 6 de agosto, ás oito da tarde, ante a Fiorentina no Stadio Artemio Franchi, e o sábado 8 de agosto, con horario pendente de confirmación, fronte ao Genoa no Stadio Luigi Ferraris.
A CSAG presenta en Pontevedra a serie documental 'Camiño ao podio', dispoñible en AGalega.gal

Santiago, 03.07.2026.- A CSAG presentou este xoves no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra a serie documental ‘Camiño ao podio’, unha produción de cinco episodios que segue o día a día de dez promesas do deporte galego que se forman neste centro.
Coincidindo coa súa chegada á plataforma AGalega.gal, onde desde hoxe se poden ver todas as entregas, o salón de actos do CGTD acolleu a presentación oficial da serie, coa participación de María Sabucedo, en representación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia; Suso López, director do CGTD; e Damián Varela e Manuel Darriba, produtores e directores da serie.
A produción, realizada por Miramemira, foi un dos proxectos seleccionados na convocatoria de contidos dixitais de AGalega.gal e foi gravada ao longo do primeiro semestre de 2026 nas instalacións do centro e noutros espazos vinculados ao adestramento dos deportistas.
‘Camiño ao podio’ amosa o esforzo, a disciplina e os soños de cinco rapazas e cinco rapaces chamados a converterse na futura elite deportiva galega, ao tempo que ofrece unha visión do funcionamento do centro nos ámbitos deportivo, académico, residencial, sanitario e nutricional.
Ademais de en AGalega.gal, ‘Camiño ao podio’ pode verse na primeira canle da Televisión de Galicia, onde se emite os sábados e os domingos á sobremesa, arredor das 15:25 h.
Volve 'Dallas' á Televisión de Galicia

Santiago, 3.7.2026.- Ambición, poder, cartos, traizóns e conflitos familiares. A mítica serie ‘Dallas’, un dos maiores fenómenos televisivos de todos os tempos, regresa este verán á TVG co malvado X. R. Ewing á fronte. Televisión de Galicia recupera a emisión de ‘Dallas’ para a súa oferta de entretemento, desde o 6 de xullo en horario de late night -00:05 horas-.
De luns a venres, a canle galega emitirá dous episodios diarios desta produción centrada nos Ewing, unha das familias máis poderosas de Texas (EUA), que constrúe a súa fortuna arredor do petróleo e a gandaría, entre loitas polo control do imperio petroleiro, romances, vinganzas, alianzas cambiantes e segredos familiares.
No centro de todas as intrigas atópase X.R. Ewing, interpretado por Larry Hagman, un dos grandes viláns da pequena pantalla. Astuto e implacable nos negocios, o herdeiro de Ewing Oil comparte o rancho Southfork cos seus pais, o seu irmán Bobby e a súa cuñada Pamela. O seu infeliz matrimonio con Sue Ellen deu lugar a algunhas das escenas máis lembradas da televisión e a expresións que quedaron gravadas na nosa memoria.
A chegada de ‘Dallas’ á TVG en 1985 constituíu un auténtico acontecemento social. Para moitos espectadores foi unha das primeiras grandes producións internacionais, con 150 capítulos, que seguiron en galego de maneira regular, contribuíndo á normalización da lingua e facendo que frases escoitadas na serie pasasen a formar parte das conversas cotiás dos galegos. A serie foi, ademais, unha das producións máis exportadas e dobradas da historia da televisión.
A Televisión de Galicia triplica o seu consumo dixital e supera os 300 millóns de reproducións ata xuño

Santiago, 2.07.2026.- Nos primeiros seis meses de 2026 os medios dixitais da CSAG seguiron batendo as súas marcas. A fonda conversión dixital da Corporación desta última década reflíctese nestes resultados, e as cifras evidencian a modernización da Corporación e a súa adaptación aos hábitos de consumo audiovisual da sociedade galega.
Ao distribuír os seus contidos adaptados a cada unha das ventás, tanto dixitais como lineais, a relevancia da Televisión de Galicia e da Corporación xa se expresa tamén a través dun modelo de medición crossmedia, superando a etapa analóxica da TDT.
Os datos agregados nas principais redes da Corporación (Instagram, Facebook, TikTok, «X» e YouTube) revelan que entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2026 a CSAG obtivo:
• 899 millóns de reproducións (+93%)
• 1.320 millóns de impresións (+115%)
• 34,4 millóns de interaccións (engagement) (+74%)
• 2,93 millóns de seguidores (+31%), o que supón 700.000 seguidores máis que no mesmo período do ano anterior.
Na desagregación só das tres principais marcas:
-A Televisión de Galicia protagoniza o maior crecemento da súa historia nas redes sociais, e achégase ao millón de seguidores.
Entre xaneiro e xuño acadou:
• 343 millóns de reproducións dos seus vídeos (+192%)
• 432 millóns de impresións (+177%)
• 13 millóns de interaccións (+205%)
• 995.264 seguidores (+42%)
_G24 practicamente duplica a súa comunidade neste período e medra cara a superar o millón de seguidores antes de final de ano.
• 494 millóns de reproducións (+57%)
• 777 millóns de impresións (+103%)
• 21 millóns de interaccións (+68%)
• 742.432 seguidores (+102%)
_A Radio Galega protagoniza a maior evolución porcentual de todas as marcas da CSAG nas redes sociais.
• 15,4 millóns de reproducións (+27.264%)
• 22 millóns de impresións (+4.147%)
• 784.185 de interaccións (+7.074%)
• 78.519 seguidores (+33%)
As redes do Xabarín seguen a medrar tamén en 2026 e xa teñen unha comunidade de máis de 37.000 seguidores. Tamén o fan as marcas do “En Xogo”, “DígochoEU” ou “Galicia por diante” que cos seus datos complementan o agregado final xunto coas tres principais.
AGalega.gal medra un 5% e G24.gal supera o millón de usuarios
Fóra das redes sociais, a OTT a AGalega.gal tamén segue medrando e achégase aos 800.000 usuarios (781.717) cun crecemento do 5%, e un incremento do 15% de sesións ata superar a barreira dos 3 millóns.
A web informativa G24.gal marca tamén rexistros históricos ao superar por vez primeira o millón de usuarios:
• 1.034.256 usuarios (+32%)
• 3.072.732 sesións (+37%)
• 8.342.015 páxinas vistas (+82%)
Con Google Analytics e Emplify Social Analytics como fontes, os datos da Corporación neste período de 2026 baten xa en moitos casos as marcas de todo 2025, que foi á súa vez tamén un ano de récord.
O thriller da TVG 'Punto Nemo' gaña o premio á Mellor Serie nos Galardóns La Alcazaba de Ávila

Santiago, 30.6.2026.- A serie de suspense e ciencia ficción ‘Punto Nemo’, que conta co apoio da Televisión de Galicia, recibiu este luns o premio á Mellor Serie/Thriller nos XXI Galardóns La Alcazaba, en Ávila, que recoñecen cada ano o talento e a excelencia no ámbito da cultura, o audiovisual e o entretemento. O galardón foi recollido por Mamen Quintas e Julio Casal, produtores executivos de Ficción Producciones.
‘Punto Nemo’ é unha coprodución de Ficción Producciones e Ukbar Filmes, realizada coa colaboración da Xunta de Galicia, a Radiotelevisão Portuguesa (RTP), a Deputación de Pontevedra e a Televisión de Galicia. A súa primeira tempada foi emitida na TVG, e a segunda xa foi rodada e chegará proximamente á canle galega.
Dirixida por Denis Rovira, ‘Punto Nemo’ é un thriller de ciencia ficción que segue unha expedición oceanográfica no Pacífico para concienciar sobre a contaminación mariña causada pola acumulación de plásticos. A serie converteuse nunha das producións máis destacadas da ficción televisiva recente e está protagonizada por Óscar Jaenada, Alba Flores e Maxi Iglesias.
Os novos capítulos, rodados entre Galicia, Portugal e as illas Canarias e dirixidos por Álex Rodrigo, retomarán a historia tras a explosión do laboratorio ruso, cun grupo de superviventes que deberá facer fronte a unha illa cada vez máis hostil, marcada pola escaseza de recursos, os experimentos soviéticos, criaturas híbridas e unha ameaza biolóxica con potencial alcance global.
A TVG bate marcas e lidera a audiencia en Galicia co 26,9% de cota, segundo os datos do Estudo Xeral de Medios

Santiago, 30.06.2026.- Os datos do Estudo Xeral de Medios outorgan a TVG nesta segunda onda de 2026 o seu segundo mellor dato histórico, cun 26,9%, só por detrás do 27,1% acadado nesta mesma onda de 2025, o que reflicte a consistencia do liderado dos medios públicos galegos ao longo do tempo.
A TVG lidera de forma nítida na franxa da sobremesa (13:30-17:00), que engloba os informativos ‘Galicia noticias’ e ‘Telexornal mediodía’, cun 42,7%, chegando a picos do 54% durante a emisión do ‘Galicia noticias’. Á tarde lidera cun 25,9% e o prime time, a franxa máis competida e de maior consumo do día, é a máis vista de Galicia, cun 20,7%.
Televisión de Galicia supera en máis de dez puntos a Televisión Española (15,7%) no conxunto da semana e acada tamén o liderado entre as canles autonómicas.
A Radio Galega medra un 19,3%
A Radio Galega medra de forma exponencial un 19,35% na segunda onda do Estudo Xeral de Medios e acada os 111.000 oíntes de luns a venres. Así, cos 32.000 oíntes de Radio Galega Música, a cifra da emisora pública galega dispárase ata os 143.000 oíntes entre semana, e todo isto nun contexto de perda de oíntes da radio xeneralista.
Discrepancias con Fifty5Blue
Os datos do Estudo Xeral de Medios, elaborado e avalado pola AIMC (Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación), volven poñer de relevo as discrepancias cos emitidos por Fifty5Blue (antiga Kantar Media), empresa actualmente propiedade do fondo de investimento HIG Group.
Estas discrepancias aumentaron nos dous últimos anos precisamente cando, por primeira vez na historia, a TVG se viu na obriga de executar as cláusulas de penalización do contrato de Kantar Media en 20 dos 24 meses entre 2024 e 2025 por desviacións nas medicións da canle pública galega. Eses 20 meses de desviacións coinciden coa caída, segundo Kantar Media, da audiencia en 2,5 puntos. Fifty5Blue segue no foco da polémica tras múltiples protestas de diferentes operadores e tras, por exemplo, outorgar o liderado a un programa dunha canle pública estatal incluso durante os 17 minutos que estivo sen emitir por un corte eléctrico o pasado 15 de maio.
Aumento da publicidade
A fortaleza da TVG amósase tamén nos datos de publicidade. A 31 de maio de 2026 o investimento en publicidade galega na TVG medrou un 18% con respecto ao mesmo período do ano anterior. E no apartado dixital, o investimento medrou un 321% con respecto tamén do mesmo período do ano anterior. Isto sucede nun escenario de forte contracción da publicidade a nivel nacional e europeo, o que reflicte tamén a confianza dos anunciantes na capilaridade e relevancia dos medios públicos galegos.
'Decorado', participada pola TVG, gaña o Premio Paul Grimault no Festival de Animación de Annecy

Santiago, 29.06.2026.- A cinta ‘Decorado’, participada pola TVG, acaba de gañar esta fin de semana o Premio Paul Grimault no Festival de Animación de Annecy, onde competiu na Sección Oficial dun dos galardóns máis prestixiosos do mundo da animación, que recoñece a singularidade artística, a innovación e a personalidade da obra.
A cinta galega goza dunha espectacular traxectoria de premios, gañando o Premio Forqué e o Premio Goya á Mellor Película de Animación, o Premio Días de Cine e a Medalla CEC na mesma categoría, así como o Premio Quirino, o Premio Especial do Xurado no Festival de Cine de Animación e unha Mención Especial do Xurado no Fantastic Fest de Austin, Texas, entre moitos outros recoñecementos. A película foi nomeada á Mellor Película de Comedia nos Premios Feroz e competiu con propostas de 23 países de fala hispana e portuguesa nos Premios Platino de Cine Iberoamericano.
‘Decorado’, do director coruñés Alberto Vázquez, é unha fábula distópica, que combina humor e terror para construír unha alegoría sobre o control social e o artificio da vida contemporánea. Estreouse ademais nos cines estadounidenses o 15 de maio, distribuída por GKIDS Films, o selo estadounidense líder en cine de animación dirixido tanto ao público familiar como ao adulto.
A película está producida por Chelo Loureiro (Abano Producións), Iván Miñambres (Uniko), José María Fernández de Vega (The Glow) e Nuno Beato (Sardinha em Lata). O proxecto conta co apoio de TVG, RTVE, ETB, Movistar Plus+, ICAA, Agadic, a Deputación de Badaxoz, o Goberno Vasco e a Deputación Foral de Biscaia.
A G2 amplía as súas franxas infantís, desde este luns, durante todo o verán

Santiago, 21.6.2026.- Coas vacacións escolares, a G2 e a plataforma infantil Xabarin.gal seguen sumando estreas e contidos para o público máis novo. A partir deste luns 22 de xuño e ata setembro, a segunda canle da Galega amplía ata as tres horas diarias a súa oferta para a rapazada con novas series e programas. Esta nova franxa infantil de mañá estenderase entre as 9:30 e as 11:00 h e estreará títulos como ‘As tartarugas ninja’ e ‘Inventa que inventa’, espazo de produción propia da canle. Ademais, na banda de 7:00 a 8:30 h incorporarase ‘A patrulla canina’ e a serie irlandesa ‘O mundo de Alva’, nunha oferta que combina diversión, aprendizaxe e entretemento para diferentes idades.
Ciencia, seguridade dixital e alfabetización mediática
Entre as estreas destaca o espazo de produción propia ‘Inventa que inventa’, en que o robot iMigui vai achegar a ciencia, a creatividade, o pensamento crítico e a experimentación ao público infantil. A través dos inventos ideados por nenos e nenas, o programa convida a observar e aprender dun xeito divertido. Súmase tamén a serie ‘O mundo de Alva’, que achega aos máis pequenos ferramentas para desenvolverse con seguridade no ámbito dixital, mediante historias ambientadas nun mundo fantástico inspirado en Internet e nas redes sociais. Creada polo galardoado estudio de animación Kavaleer Productions, e todo un éxito desde a súa estrea en 2021, a serie aborda cuestións vinculadas á alfabetización mediática e dixital, axuda a identificar riscos, e promove o pensamento crítico e o uso responsable da tecnoloxía.
Os famosos cachorros de ‘A patrulla canina’, a serie ‘Aventureira Carly’, que fomenta a curiosidade, o espírito explorador e a superación persoal ou o popular título ‘As tartarugas ninja’, chegan tamén á canle, e poden seguirse na app e plataforma Xabarin.gal.
A programación de verán manterá, ademais, algúns dos títulos favoritos da audiencia infantil, como as aventuras da superheroína adolescente ‘Ladybug’ e do afamado ourizo azul ‘Sonic Boom’. Para os que prefiran os contidos baixo demanda, Xabarin.gal continuará ampliando o seu catálogo durante todo o verán coa incorporación de novos títulos cada venres. A plataforma infantil da Galega, que xa suma 4.046 contidos dispoñibles, consolídase así como o gran espazo dixital de referencia para o público infantil e familiar, cunha ampla oferta estable de series, programas e propostas de entretemento accesibles en calquera momento.
Os documentais e a diversidade protagonizan as novas estreas de AGalega.gal

Santiago, 19.6.2026.- AGalega.gal continúa ampliando o seu catálogo cunha nova selección de estreas que inclúe ficción, documentais e programas de entretemento. Coincidindo coa celebración da Semana do Orgullo 2026, a plataforma incorpora tamén novos contidos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero. Estas novidades súmanse á cobertura dos grandes eventos semanais da grella da TVG, como o especial de San Xoán, a Romaría do Corpiño ou as retransmisións deportivas que a plataforma ofrece en directo.
Entre as incorporacións destacadas figura a estrea de dous documentais. O mércores 24 chegará ‘O país dos cen mil hórreos’, unha viaxe pola historia, a evolución e a diversidade destas construcións tradicionais, símbolo do patrimonio cultural galego.
Uns días despois, o venres 26, estrearase ‘Dereito a amar’, unha achega íntima á realidade das persoas maiores LGTBIQ+, centrada nas súas experiencias de vida, identidade, envellecemento e pertenza. Este documental estará dispoñible durante 21 días. A plataforma incorporará tamén o luns 22 ‘Todas as cores do amor’, unha nova sección dedicada a contidos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero.
O martes 23 estarán dispoñibles novos capítulos de ‘Lambóns de viaxe’, o videopodcast presentado por Carlos García Verdugo, que propón descubrir destinos e experiencias sen saír da casa. Ademais, o luns 29 estrearase unha nova temporada de ‘O mellor tractor do mundo’, o formato dixital que percorre Galicia para coñecer as historias, habilidades e tractores das persoas candidatas a esta singular distinción, coa participación do público na elección final e un novo episodio cada luns.
As novidades complétanse con novos capítulos de ‘Padre Casares’, dispoñibles desde o xoves 18. A popular serie segue as peripecias dun novo cura destinado a unha vila costeira, onde terá que convivir e confrontar as súas diferenzas co alcalde local, un declarado ateo e marxista.
No apartado cinematográfico, AGalega.gal ofrecerá varias estreas ao longo dos próximos días. O venres 19 chegará ‘A morte chega a Venecia’, dispoñible durante 30 días, unha intriga arredor da investigación dunha viúva que, tras a morte do seu marido nun canal veneciano, descobre unha trama relacionada coa falsificación e o roubo dunha obra de Botticelli. O sábado 20 incorporarase ‘A cea perfecta’, tamén dispoñible durante 30 días, a historia de dúas persoas cuxas vidas están relacionadas co mundo da alta gastronomía. Finalmente, o xoves 25 estrearase ‘Crónica dunha relación pasaxeira’, que relata o inesperado vínculo que xorde entre unha nai solteira e un home casado que inicialmente buscan unha relación sen compromiso sentimental.
O equipo da nova serie da TVG, 'Pensión incompleta' na gala do Festival Internacional Ría de Vigo

Santiago, 12.06.2026.- O equipo de actores e actrices da nova produción da Televisión de Galicia ‘Pensión incompleta’ acudíu este venres en Vigo ao Festival Internacional de Series Ría de Vigo, punto de encontro clave do sector audiovisual, creadores, intérpretes e público afeccionado ás series. A proxección do tráiler da serie, a primeira que se grava nas catro linguas oficiais –galego, castelán, éuscaro e catalán- tivo lugar na gala de clausura do certamen, no que tamén se preestreou a comedia ‘Millonarios’ que chegará á grella da TVG o vindeiro outono.
'Pensión incompleta’ é unha comedia con aires de thriller en que un grupo de viaxeiros do Imserso procedentes de distintas rexións de España se ve envolto nunha trama de roubos de obras de arte. Coproducida por TVG, EiTB e 3Cat, é a primeira serie rodada nas catro linguas oficiais do Estado -galego, éuscaro, catalán e castelán-. Voz Audiovisual produce esta road movie pensada para ser gozada en versión orixinal que pasa por todas as comunidades e na que mandan os maiores de 60.
Como media partner do certame, a Televisión de Galicia tamén adiantou na gala de clausura do festival, o primeiro capítulo da comedia ‘Millonarios’ unha das grandes apostas de ficción da TVG para a vindeira temporada. Protagonizada por Xosé A. Touriñán e Eva Iglesias, a serie narra as aventuras de Telmo e Luísa, unha parella que ve como a súa vida dá un xiro radical tras gañar o Euromillón. Haberá tamén espazo para o coloquio sobre esta comedia que constrúe unha divertida mirada sobre o contraste entre os códigos de luxo e o sentido común máis galego, seguindo as peripecias dos protagonistas na súa nova realidade.