O Pontevedra defende este sábado o liderado ante o filial do Athlétic de Bilbao, pola primeira canle da TVG e AGalega - CSAG
O Pontevedra defende este sábado o liderado ante o filial do Athlétic de Bilbao, pola primeira canle da TVG e AGalega
Desde o luns, os partidos do Breogán na previa da Champions pola G2 e a OTT

Santiago, 11.09.2026.- A TVG e AGalega.gal abren a fin de semana de retransmisións deportivas co fútbol da Primeira RFEF desde Pasarón, co enfrontamento da terceira xornada entre o Pontevedra e o Bilbao Athlétic. Os granates chegan a esta cita como líderes do grupo 1, tras un inicio de temporada sólido. A emisión comezará ás catro e cuarto da tarde do sábado, coa previa do partido dentro do ‘En Xogo’ da man de Óscar Benito e cos comentarios de Miguel Gallego, Javier Oreiro e Luisito.
O deporte continúa ás sete da tarde na segunda canle da TVG e en AGalega.gal coa final da Copa Galicia de baloncesto feminino, desde Ferrol. A cita reúne os catro grandes do baloncesto feminino galego: Celta Femxa Zorka, Durán Maquinaria Ensino e Baxi Ferrol, os tres representantes galegos na Liga Femenina Endesa, xunto ao Sparking Truth Maristas Coruña, procedente da LF Challenge. O Ensino chega como vixente campión, tras gañar na pasada edición ao Baxi Ferrol.
Xa o domingo, ás once da mañá, a G2 e AGalega.gal estarán en San Sebastián coa segunda e definitiva xornada da Bandeira da Concha, a proba máis prestixiosa do calendario de traiñeiras que é coñecida como ‘a olimpíada do remo’. Nesta edición, e tras quedar eliminadas as embarcacións galegas presentes na clasificatoria, Galicia non contará con representación na gran final, que se decidirá entre as mellores tripulacións do Cantábrico.
Cando rematen as traiñeiras chegará o Gran Premio da China de MXGP, unha nova cita do Mundial de Motocrós, en que o vigués Rubén Fernández (Honda HRC Petronas, dorsal 70) loita polo top 5 do campionato do mundo. Os espectadores poderán ver a primeira manga á unha e media do mediodía e a segunda partir das catro da tarde.
O fútbol estará presente en AGalega.gal coa xornada de Segunda RFEF desde as cinco da tarde. Desta volta a atención pasará pola Lomba co Arousa-Gernika, As Eiroas co Bergantiños-Amorebieta e O Vao co Coruxo-Raio Cantabria. Ao remate da xornada, contra as dez e vinte e cinco na G2 e logo da medianoite na TVG, o magazine deportivo semanal ‘En Xogo’ resumirá todo o sucedido cos nosos equipos nas principais categorías, con especial atención ao Celta-Málaga e ao Xetafe-Deportivo.
O luns seguirán as retransmisións deportivas. Desde Bulgaria, a G2 e AGalega.gal ofrecen desde Samokov (Bulgaria) a estrea europea do Río Breogán na Basketball Champions League 2026-27. O conxunto de Luis Casimiro abre a súa fase previa fronte ao anfitrión, o Rilski Sportist. O Breogán terá que gañar ata catro roldas consecutivas nun formato de sede concentrada para acadar o acceso á fase de grupos da competición continental, que arrinca o 6 de outubro. En caso de avanzar, o rival para o xoves sairía do cruzamento entre o Würzburg Baskets alemán e o Manchester Basketball británico.