div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Presentación

Presentación

Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia

A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia é unha sociedade mercantil pública autonómica que integra os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os programas, contidos e servizos que estes producen, editan e difunden no marco da sociedade dixital. Créase no ano 2025 en virtude da publicación no DOG da Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.

A CSAG é herdeira da CRTVG, a Corporación Radio e Televisión de Galicia, unha sociedade anónima de capital público creada pola Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, que á súa vez procedía da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, creada pola Lei 9/1984 para desenvolver, xestionar e explotar os medios de comunicación de titularidade pública da Comunidade. Estes medios representaban entón unha nova oportunidade que brindaba o marco estatutario para construír o país e a súa identidade. Dentro desa estrutura, a Radio Galega comezou as súas emisións regulares o 29 de marzo de 1985 e a Televisión de Galicia (TVG) o 24 de xullo, véspera do Día de Galicia, dese mesmo ano.

A misión da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia vai máis alá do concepto tradicional de servizo público para se centrar no achegamento de valor público á sociedade galega, ofrecendo contidos de alto interese informativo, cultural e social a través dunha oferta de proximidade única.

A Corporación opera mediante unha ampla infraestrutura de medios televisivos, radiofónicos e dixitais, que completan a maior oferta informativa e de entretemento audiovisual en lingua galega. Retransmite 24 horas ao día, os 365 días do ano, a través de máis dunha vintena de canles, tanto en emisións convencionais como dixitais, que permiten o acceso global á realidade e á cultura galegas.

Historia e impulso ao sector audiovisual

A Televisión de Galicia (TVG) comezou as súas emisións o 24 de xullo de 1985, véspera do Día de Galicia, desde as instalacións de San Marcos (Bando, Santiago de Compostela). A súa programación regular arrincou o 29 de setembro dese mesmo ano con 39 horas semanais. Desde entón, converteuse nun motor esencial do sector audiovisual galego, favorecendo o seu crecemento, profesionalización e proxección internacional.

A Radio Galega iniciou as súas emisións en probas o 24 de febreiro de 1985, coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. A programación regular comezou o 29 de marzo dese ano. Desde aquela, emite de maneira ininterrompida, 24 horas ao día, en lingua galega, cunha grella que abrangue informativos, deportes, cultura, música, espazos para a diáspora e máis.

Innovación e vangarda dixital

A Corporación foi pioneira no ámbito dixital en Europa. En 1995, a TVG estreou a súa presenza en Internet e, en 1997, comezou a emitir televisión en tempo real pola rede, coincidindo co Día das Letras Galegas, sendo a primeira en Europa en facelo. Ese mesmo espírito innovador levou á Radio Galega a ser das primeiras emisoras en emitir en directo por Internet no ano 1996.

Hoxe, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia continúa á vangarda coa creación de AGalega.gal, a maior plataforma dixital audiovisual en galego. A través desta estrutura dixital ofrécense contidos de ficción, entretemento, cinema, animación, documentais, podcasts, directos e programas exclusivos. AGalega.gal, que xa foi descargada en máis de 200 países, está acompañada doutras dúas plataformas: ‘Xabarín’, orientada ao público infantil, e ‘AGalega Audio’, con toda a oferta da Radio Galega integrada.

Oferta multicanle e alcance global

A CSAG conta con oito canles principais:

  • Televisión (4 canles): TVG e G2 (en TDT, en UHD e HD), TVG Europa e TVG América (vía satélite).

  • Radio (4 canles): Radio Galega, Radio Galega Música, Son Galicia Radio e Radio Picariña.

A esta oferta súmanse as canles dixitais en redes sociais como Facebook, TikTok, Instagram ou X, a canle de 24 horas en directo en YouTube, o portal de noticias G24.gal e a app G24Play, que permiten á Corporación conectar cun público máis amplo e diverso, chegando a impactar diariamente a unha media dun millón de persoas maiores de 4 anos.

Compromiso coa lingua e a produción local

A Corporación sitúa os seus produtos e a lingua galega nas principais plataformas OTT de streaming do mundo. A proxección internacional combínase cun forte compromiso co tecido audiovisual galego: o 95 % dos contidos emitidos pola TVG son producidos en Galicia e por empresas galegas, mantendo esa liña ao longo da última década mediante produción propia e coproducións co sector galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

Presentación - Historia

div-crtvg-top2

Publicidade