div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Noticias corporativas

Publicador de contidos

Televisión de Galicia arranca o seu 40 aniversario cunha espectacular festa en Vigo

Santiago, 14.09.2024.-  Vigo acolleu este sábado pola tarde a gala de presentación das novidades da Televisión de Galicia e da Radio Galega para a temporada 2024/2025, coa que os medios públicos galegos inauguran a celebración dos seus 40 anos de vida. Desde a terraza do centro comercial Vialia, TVG emitiu en directo pola plataforma AGalega.gal o programa especial ‘Cantando as 40’, presentado por Arturo Fernández e Noelia Rey que contou coa participación do público e de varios centos de convidados .

Pola alfombra rosa desfilaron as caras máis coñecidas da TVG, actores, actrices e os presentadores máis queridos de televisión e radio, así como moitas celebridades galegas que quixeron acompañar á CRTVG nesta celebración. Tamén, numeroso público que seguiu a emisión en directo dun programa que rematou coa actuación dun coro sorpresa moi especial: Xosé Ramón Gayoso, Paco Lodeiro e Antón Reixa, entre outros, cantaron o mítico tema ‘Fai un sol de carallo’ de Os Resentidos que foi multitudiariamente coreado. O programa contou ademais coas actuacións de Ortiga, Xisco Feijóo, Wanila, Christian Pensado, G-Face, e a orquestra Cinema, entre outros artistas, como a actriz María Mera.

En total, un programa de dúas horas, que foi emitido en directo pola plataforma dixital AGalega.gal, e no que se anunciou que o 40 aniversario da canle será celebrado cunha xira de actos por toda Galicia.

O programa será emitido mañá domingo na TVG ás 22.55 h.

 

ler máis

A Televisión de Galicia renova a grella na temporada do seu 40 aniversario

Santiago, 12.09.2024.-  A Galega está...“onde estás ti”. E este sábado estará na cidade de Vigo para presentar as novidades da programación 2024/2025, coa que os medios públicos galegos inauguran a celebración dos seus 40 anos de vida. Desde a terraza do centro comercial Vialia, TVG emitirá en directo pola plataforma AGalega.gal (19:00 h) o programa especial ‘Cantando as 40’, presentado por Arturo Fernández e Noelia Rey e aberto ao público. O programa contará coas actuacións de Ortiga, Xisco Feijóo, Wanila, Christian Pensado, G-Face, e a orquestra Cinema, entre outros artistas. Unha das actuacións máis especiais será a da actriz María Mera e un coro sorpresa conformado por caras moi coñecidas da canle. Serán dúas horas en directo en que se despregará a alfombra rosa de celebridades galegas e presentadores da TVG.

Nova temporada en informativos

​​​​​​​Nesta temporada a TVG segue a ser unha televisión de directo, pegada á rúa. O ‘Bos días’, de 8:00 a 11:00 da mañá, será o despertador, con Almudena de Urzáiz á fronte. A temporada arranca xa cunha novidade. Antes do ‘Bos días’, de sete a oito da mañá, emitirase pola TVG en directo o ‘Galicia por diante’ da Radio Galega, nun novo exemplo de innovación multicanle dos medios públicos. Tras ‘Bos días’, as noticias máis locais retoman o pulso na franxa de televisión informativa líder en Galicia, con Sevi Martínez á fronte do ‘Galicia noticias’, que dará paso ao ‘Telexornal mediodía’, presentado por Marta Darriba. A información volve á noite co ‘Telexornal serán’ cunha das novas caras da canle á súa fronte: o xornalista Pablo Muñoz. Na fin de semana segue o esquema de información en directo. ‘Bos días’ estará presentado por Chus Tanoira, o ‘Galicia Noticias’ por Alberto Mancebo, o ‘Telexornal mediodía e serán’ por Raquel Domínguez e os deportes por Irene Lourido.

Óscar Benito, con Gustavo Varela e todo o equipo seguen unha temporada máis á fronte dos deportes na fin de semana e do decano ‘En xogo’; mentres que María Solar e Pilar García Rego traerán todas as novas do eido cultural no multipremiado ‘Zigzag’.

Estreas en todos os tramos horarios

A temporada arranca con novidades en todos os tramos horarios. Pola mañá a TVG estrea novo magazine: ‘O Termómetro’, presentado por Rocío Delgado e Bernardo Montaña. Pola tarde, os espectadores poderán seguir contando no ‘Quen anda aí’ con Roberto Vilar, Eva Iglesias, Juan Fuentes, Raquel Atanes e Marcial Mouzo e con Rocío Durán e David Espiño en ‘Hora galega’. A estes espazos hai que sumarlles novas incorporacións na fin de semana, como o concurso ‘Gaña a túa aldea’, que descubrirá quen é o que máis sabe das comarcas de Galicia.

Novidades de prime time

A semana comeza coa estrea da terceira e impactante temporada de ‘Operación Marea Negra’ na noite dos luns, precedida por ‘Historias de aquí’, serie documental sobre acontecementos, personaxes históricos e fitos que deixaron unha pegada imborrable na memoria colectiva dos galegos: ‘Os sen nome’, sobre o accidente aéreo de Montrove no 1973;  ‘Os 9 aneis de Santo Estevo’; ‘O Mar Exeo’ ... son algúns dos temas tratados.

As noites dos martes serán para ‘Quero un xardín’ (22.30 h), programa en que un equipo de expertos se enfronta ao reto de darlle unha nova vida a espazos verdes que moitas veces semellan irrecuperables. Os mércores volve a música con ‘A liga dos cantantes extraordinarios’ (22.30 h), que contará cun novo xurado de excepción: Antón Reixa. Os xoves, ‘Land Rober Tunai Show’ non falla á súa cita en directo con Roberto Vilar, Eva Iglesias e Miguel Canalejo á fronte do equipo do programa máis divertido da televisión. Os venres seguen sendo para ‘Luar’, con Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez no programa de variedades decano da televisión en España e que arranca a temporada con moitas sorpresas.  

Bamboleo’, o programa máis lingoreteiro da grella, segue nas noites dos sábados con Lucía Regueiro, e os domingos chegan máis novidades da man de ‘Pesca total’ (22.30 h), en que seis concursantes competirán para converterse en mariñeiros. E tras ‘Pesca total’ vén ‘Curando o mundo’ (23.30 h), coas incribles experiencias do médico coruñés Diego González Rivas arredor do mundo, en que aplica a técnica de cirurxía da que é creador e referente mundial.

E antes de todas estas novidades do prime time, o ‘Atrápame se podes’, con Paco Lodeiro, seguirá fiel á súa cita cos concursantes máis sabios de Galicia. Con ‘Fila 1’, o teatro segue presente na TVG e, despois da exitosa estrea a temporada pasada de ‘Somos criminais’, Tania Veiras levará os espectadores da Galega por novas creacións escénicas. No xénero da docuficción, chega á TVG un dos formatos de máis éxito da plataforma AGalega.gal: ‘A gran epopea’, (sábado, 19:15 h.) unha viaxe pola memoria dos grandes fitos da emigración galega do século pasado. E no espazo divulgativo ‘Din que non falan’, as mulleres que son referentes pola súa traxectoria terán un espazo de seu (domingo, 19:15 h.).

Novidades por vir

Nesta temporada do 40 aniversario haberá aínda máis novidades. A TVG está preparando a produción do concurso realityO salvaxe’. Tamén estreará a adaptación do formato da BBC ‘Hit list’ para ver quen sabe máis de música en Galicia, e unha nova serie de ficción, ‘A coral’, con Carlos Blanco na pel do director dunha coral moi especial.

Máis contidos en AGalega.gal e Xabarin.gal, coa volta de Shin Chan
    
AGalega.gal seguirá estreando contidos semanalmente, destacando a chegada do contido dixital ‘Terapia de parella’, unha ficción contada a través das redes sociais que amosará tres parellas de idades diferentes, procedencias e xéneros que acoden á consulta dunha terapeuta para tratar de salvar as súas relacións. Outra das novidades é ‘Sexo con senso’, espazo de contido afectivo sexual cun enfoque integral e divertido, presentado por Lidia Lestegás. Máis cine tamén na plataforma, coas estreas ‘Noises off’ ou ‘Mimosas’, do director galego Oliver Laxe. Ademais, AGalega.gal ofrecerá en directo este sábado, 14 de setembro, tres concertos do Festival Revenidas: The Rapants (15.20 h), El Kanka (20.00 h) e Rebeliom do Inframundo (01.50 h).
     
Na plataforma infantil, Xabarin.gal, volve ‘Shin Chan’, que irá sumando cada semana 10 novos capítulos. Nas vindeiras semanas tamén se estreará a segunda temporada de ‘Bloques de cores’, o filme de animación ‘Houdini’ e a serie galega ‘Picariños’.    

AGalega.gal é de balde, e é a plataforma de contidos audiovisuais en galego máis grande do mundo. Nos seis primeros meses de vida xa chegou a 200 países e desde o seu nacemento, en xaneiro de 2024, está no Top 20 de plataformas máis vistas de España.

ler máis

Radio Galega Música estrea temporada con dúas novidades: 'O Rancho' e 'De lá para cá'

Santiago, 11.09.2024.-    Radio Galega Música estrea este luns 16 de setembro unha nova temporada en que volven os programas temáticos de autor, a modo de escaparate para as distintas tendencias e estilos, sempre con óptica e ollada galega. Estes espazos consolidan un formato musical que busca acompañar os seus oíntes 24 horas ao días con ritmo e sen estridencias. Unha radiofórmula enfocada ás preferencias do público galego, que ofrece unha coidada selección dos grandes éxitos de todos os tempos e das cancións favoritas dos galegos na actualidade.

A cultura musical portuguesa e os grandes clásicos da música americana  artellarán as novidades desta temporada en Radio Galega Música. Os venres, ás 22.00 h, ‘O Rancho’, presentado polo xornalista da CRTVG Eduardo Herrero, ofrecerá unha aproximación ao mellor country, country-rock, bluegrass, folk americano e heartland rock, dando conta das novas tendencias e sen perder de vista os grandes clásicos.

Ademais de dar conta das novas tendencias, sen perder de vista os grandes clásicos da música americana, cada programa de ‘O Rancho’ porá en valor os grupos e artistas galegos que teñen o seu particular xeito de achegarse aos estilos musicais orixinarios da outra beira do Atlántico.

As noites dos domingos será a artista de Arzúa MJ Perez a encargada de estreitar lazos co país veciño co seu ‘De lá para cá’. Un formato que desde as 22.00 h traerá a música portuguesa actual e mergullarase tamén no seu panorama dos últimos tempos. Mainstream e música independente, proxectos consolidados ou colaboracións entre artistas, e tamén fado e música tradicional terán espazo nesta proposta, que atende así mesmo a relación co cine.

María José Pérez Ferreira, máis coñecida como MJ Pérez (o seu nome artístico), é a creadora e condutora de ‘De lá para cá’. Natural de Arzúa, destaca polas súas raíces lusas e coñecemento do país veciño. Se ben é máis coñecida entre o público polo seu proxecto musical, ademais de ser cantautora e estar vinculada ao mundo da música, MJ é tamén produtora audiovisual e comunicadora.

Regreso de programas veteranos

A partir desta semana tamén volven a Radio Galega Música programas veteranos como ‘Tres Peixes Voando’, unha fiestra aberta ás músicas do mundo, da man de Xavier Díaz e Guillerme Fernández, os domingos na sobremesa (15.00 h). Emilio Españadero retomará a súa remuda co seu ‘Lume na Palleira’, programa especializado na música folk e tradicional, pero con atención ás propostas chegadas doutros lugares, que se poderá escoitar a partir das 17.00 h.
    
Os espectadores comezarán a semana viaxando por todo o mundo con ‘Raizame’, o espazo conducido por Óscar Losada, que ofrece cada luns ás 22.00 h a lista europea das músicas internacionais, ademais da actualidade dos artistas conectados coa lusofonía, a música de raíz dos países europeos e a creatividade sonora máis alá do pop estándar.
    
Tamén ás 22.00 h, o rock volverá ser protagonista os martes, co histórico Charli Domínguez, membro do grupo Los Suaves, ao micro de ‘O Lobo Urbano’, e os mércores será Manuel de Lorenzo quen acompañe os oíntes, con ‘Cara B’, un programa sobre as pequenas grandes anécdotas que enchen a historia da música. 

Novidades, concertos, festivais ou entrevistas serán algunhas das paradas que farán nas noites dos xoves en ‘Ondas Indies’, un programa presentado por Víctor López que funciona a modo de escaparate para a música indie pop que se fai no mundo.
    
Todos os espazos de Radio Galega Música estarán accesibles na plataforma AGalegaAudio.gal.

Coa súa aposta musical, sempre pegada ás preferencias dos oíntes galegos, a emisora pretende acompañar a audiencia durante os distintos momentos das súas actividades cotiás. Así, Radio Galega Música organiza a súa oferta en catro grandes bloques temáticos, desde as primeiras horas do día, coa fórmula espertador, pasando polas horas laborais, en que se ofrece música para o traballo, e a sobremesa, cunha proposta máis melódica. Xa á última hora da tarde, a chamada ‘música para a volta á casa’ acompaña os condutores no tramo final da tarde e primeira hora da noite.

A esta oferta musical súmanse as outras propostas da Radio Galega: Son Galicia Radio, a radio que, as 24 horas do día e os 365 días do ano, ofrece música de artistas galegos cantando en galego, e Radio Picariña, a canle infantil e xuvenil que continuará coas súas variadas propostas musicais este outono-inverno. Ambas as dúas están dispoñibles en AGalegaAudio.gal.

ler máis

AGalega.gal marca o seu máximo histórico

Santiago, 02.09.2024.-   O Netflix da TVG, AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, marcou o seu máximo histórico nesta temporada de verán, segundo os datos do informe do medidor SigmaDos30.

AGalega.gal sitúase nun 2,8 % de cota mercado, a cifra máis alta desde o seu nacemento, sobe tres décimas con respecto ao último informe, e mantense entre as 20 plataformas máis vistas de España. AGalega.gal está dispoñible en IOS e Android, e é de balde.

A estas boas cifras no eido dixital hai que sumarlles as do consumo a través da TDT. Nun mes de agosto marcado polos Xogos Olímpicos, a Galega foi quen de ser a canle autonómica con maior crecemento e rematar o mes entre as tres canles máis vistas da FORTA, cun 8,7 % de cota de pantalla no total día e un 9,3 % no prime time, segundo os datos do medidor Kantar Media.

Se a suba do total día é salientable, máis aínda é o comportamento do prime time, a faixa de maior consumo do día. No mes de agosto a audiencia nese tramo incrementouse case un 30 % para deixar a cota no 9,3 %.

A fortaleza do prime time vén acompañada de novo pola fortaleza dos informativos. Unha vez máis, a TVG acada o liderado neste eido, en que a segue a canle privada Antena 3. A Galega chegou en agosto a 1.661.000 persoas, o que supón o 63,1 % dos galegos de 4 e máis anos. Esta cifra ascende a 1.756.000, o 66,7 % da poboación, se falamos do conxunto de canles de televisión da CRTVG, xa que a G2 acadou o 1 % de cota nese mes.

ler máis

Arranca nova temporada da Radio Galega máis interactiva, con novas voces e todo a un clic en AGalegaAudio.gal

Santiago, 01.09.2024.-   A Radio Galega pon en marcha este luns 2 de setembro a súa nova programación para o curso 24-25, o do 40 aniversario dos medios públicos galegos. Esta é a primeira temporada que comeza xa con toda a despregadura dixital a través de AGalegaAudio.gal, que naceu o pasado mes de xaneiro.

Seguindo coa tendencia dixital e multicanle, o ‘Galicia por Diante’ vaise emitir por primeira vez tamén a través da TVG no tramo de 7 a 8 da mañá da man de Celia Rúa e Luís Ojea. Na súa parte informativa, comezará ás 06:00 h, irá ata as 09:30 h e contará con novas voces para analizar a actualidade diaria. Así, aos faladoiros da Radio Galega súmanse as voces de Xosé Gago, Carme Adán, Elías Torres Feijóo, Cristina Ares, José Julio Fernández, Marta Rodríguez Arias, Pablo Vázquez e Julia Rodríguez. Outra das novidades desta nova temporada do programa é unha mesa deportiva que contará como voces como as de Fernando Romero e Mariano Raskin.

A partir das 09:30 h e ata as 14:00 h segue o ‘Galicia por Diante’, capitaneado por Kiko Novoa, con Cristina García e todo o seu equipo para afondar na actualidade do día desde a súa particular perspectiva. O humor e o entretemento seguirán a ser dous dos eixes vertebradores do programa, en que a audiencia seguirá sendo a protagonista nos temas que cada día marcan a actualidade. Dentro do ‘Galicia por Diante’ seguirá habendo espazo para a hora máis falangueira da Radio Galega en ‘A Bóla Extra’.

Deseguido, Xosé Valiñas presenta a edición das 14.00 h de ‘A Crónica’ para achegar toda a actualidade diaria. E, tras a información, chega ‘A Tarde’, con Antón Rebollido, a partir das 15:00 h.  Na tripulación de Antón, entre outros, non faltará  Virtudes ‘A Repunante’, coa súa visión anacrónica do mundo e opinando de todo sen saber de nada. Como novidade esta temporada, o programa sumará unha mesa de actualidade para abordar desde todos os puntos de vista os temas que están nas conversas do día a día.

A información segue con Silvia Pereira partir das 19:00 h cunha nova edición de ‘A Crónica’, ata as 22.00 h. Con novas voces tamén no faladoiro e con toda a actualidade da xornada, cun especial interese nas novas de proximidade e coa interpretación máis plural dos temas do día.  Ademais, incluirá os espazos temáticos ‘Mar de Ardora’, ‘Lambóns de Viaxe’, ‘Lambóns Dixitais’ e ‘Efervesciencia’, de luns a xoves ás 21:00 h.

No ámbito deportivo, ‘Ao Contrataque’ adianta a súa emisión ás 22.00 h para  analizar a actualidade do deporte galego. Ata as 00:00 h, o programa, dirixido por Pedro Pablo Alonso, incluirá a análise dos protagonistas e faladoiros con colaboradores expertos.

O ‘Pensando en ti’ tamén presenta novidades nas madrugadas da Radio Galega. Raquel Rosa será a encargada de conducir o mítico programa líder das noites galegas de luns a xoves, pero non estará soa, xa que contará cos humoristas Pepe Capelán e Isi para darlles voz aos verdadeiros protagonistas, os oíntes.

Piñeiro volve ás fins de semana
    
Xosé Manuel Piñeiro volve á radio coa súa ‘Sesión Vermú’, dúas horas de entretemento musical fresco e divertido en que os artistas galegos, as orquestras do país, as charangas, as bandas de música, as comisións de festas e, por suposto, os oíntes poranlle ritmo ás mañás do sábado na Radio Galega, de 12:00 a 14:00 h.

Piñeiro tomará a remuda de Isabel Pichel, que esta temporada será a voz que traslade o relato xornalístico do ‘Galicia por Diante’, de 09:30 a 12:00 h da mañá. O cardiólogo Juan Antonio Juanatey, o físico Jorge Mira, o xornalista Manuel de Lorenzo e o divulgador musical Javier Becerra contarán esta temporada cunha nova compañeira, Carlota Mosquera, quen lle porá un toque de humor fresco ás fins de semana.

E toda a emoción do deporte galego chega, coma sempre, con Xoán Galán, Rodrigo Pérez Pardo e con todo o equipo do ‘Galicia en Goles’, o programa decano da Radio Galega. Os sábados e domingos, a narración dos partidos desde decenas de campos e pavillóns de Galicia e os faladoiros seguirán nun dos programas máis seguidos e queridos da emisora pública.

Máis voces no ‘Diario Cultural’

Na cultura tamén hai voltas esperadas e novas sorpresas. No ‘Diario Cultural’, ao equipo habitual da Radio Galega incorpóranse novas voces en novos eidos, algúns pouco explorados ata o de agora, como pode ser o heavy metal. Será Patty Castro a que leve os oíntes da Radio Galega a través dese universo sonoro, sen esquecer outros estilos dos que é especialista. Con Manel Cráneo, o ‘Diario Cultural’ abordará a banda deseñada, e Pablo Sánchez Quinteiro guiará a audiencia a través da música clásica.

Todo en AGalegaAudio

E toda esta programación pode seguirse desde xa en AGalegaAudio.gal, a maior plataforma de contidos de radio en galego do mundo, con  toda a programación da Radio Galega, un amplo abano de podcasts e contidos nativos exclusivos. AGalegaAudio.gal é gratuíta, pode accederse a ela vía web e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store.

ler máis

O Vilarreal-Celta da TVG arrasa no prime time en Galicia

Santiago, 27.08.2024.-   A TVG asinou un espectacular comezo de semana tanto en informativos como no prime time, liderando este luns as faixas do mediodía e a noite. A cota de audiencia do día ascendeu ao 12,3 %, sendo a primeira canle pública de Galicia.

Esta cifra susténtase nos bos resultados da programación durante todo o día, e especialmente nos informativos e o prime time. Nos informativos, na faixa do mediodía, que corresponde ao ‘Galicia Noticias’ e ao o ‘Telexornal Mediodía’, chegou ao 16,3 %, liderando en Galicia.

Xa pola noite, o prime time da TVG elevouse ata o 19 %, liderando tamén, con máis de 5 puntos de vantaxe sobre o seguinte competidor. O prime time da Galega tamén acadou o liderado entre as canles autonómicas, con máis de 4,6 puntos de vantaxe.

O partido entre o Vilareal e o Celta foi o programa máis visto da xornada, cunha audiencia media de 160.000 telespectadores e unha cota do 23,8 %. A TVG tamén se fixo onte co minuto de ouro (o minuto de maior audiencia na xornada tendo en conta todas as canles que se poden ver en Galicia). Foi ás 22:46 h, e a TVG contou cunha audiencia de 193.000 telespectadores e unha cota de pantalla do 27,8 %. O pico máximo de cota de pantalla da TVG acadouse onte ás 23:17, cun valor do 28,5 %.

Tamén a través de AGalega.gal

A esta audiencia hai que sumar os 16.481 contactos que tivo o encontro do Celta en AGalega.gal, a maior plataforma de contidos en galego do mundo, que tamén distribuíu o sinal do partido.

ler máis

A CRTVG participará en 5 novos proxectos de cine: 2 longametraxes, unha cinta de animación e 2 documentais

Santiago, 26.07.2024.-    Televisión de Galicia segue apostando polo cine coa participación en cinco novos proxectos, tres películas -unha delas de animación- e dous documentais que se poderán ver tanto na TVG como na plataforma dixital: www.agalega.gal.

As dúas longametraxes cinematográficas son óperas primas: ‘Vidas perras’, unha película intimista con marcado acento feminino que será o salto á gran pantalla da recoñecida directora de series de ficción Gisele Llanio e presentada por Indígena Films; e unha proposta de Matriuska Producións, ‘O pesadelo das vacas’, película cunha ollada con perspectiva de xénero sobre a sociedade no ámbito rural, dirixida por Rafa de los Arcos, director de curtametraxes e traballos documentais que se caracterizan pola súa exploración narrativa.

A terceira longametraxe é a cinta de animación ‘Decorado’, a nova proposta cinematográfica de Alberto Vázquez, que tras a repercusión internacional do seu filme ‘Unicorn Wars’ achega agora unha historia emocional de humor acedo e que segue a mesma fórmula dos seus traballos anteriores, que tamén parten dunha curtametraxe.

En relación ás longametraxes documentais, a selección componse dun documental producido por Claqueta Coqueta, ‘Máis vivas’, que espera axudar mulleres vítimas da violencia de xénero a xerar ferramentas para o seu apoderamento persoal e inclusión social, e ‘Fomos ficando sós’, de Zeitun Films, documental que parte da motivación persoal do director, Adrián Canoura, que indaga sobre o presente, pasado e futuro dunha longa tradición pesqueira: O Gran Sol.

Toda a información sobre esta resolución está dispoñible na páxina web da CRTVG.

ler máis

A TVG foi a canle máis vista no Día de Galicia

Santiago, 26.07.2024.-  Os galegos celebraron o Día de Galicia da man da TVG, xa desde a noite do 24, en que o ‘Especial Fogos do Apóstolo’ foi a emisión audiovisual con máis audiencia de Galicia, cunha cota do 22,7%. A Televisión de Galicia case duplica as audiencias do seu competidor máis próximo, durante a emisión deste espazo en directo desde as festas de Compostela.

Os fogos foron emitidos no marco da ‘Gala do 24 de xullo’, o espazo que,  presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Veiga, chegou ao maior número de galegos na xornada previa ao 25 de xullo.

O 25, Día de Galicia, TVG volveu ser a canle líder e a súa retransmisión da ‘Ofrenda Nacional ao Apóstolo’ foi o programa máis visto durante a súa franxa de emisión, cunha cota media do 17,1%. Despois deste espazo, o ‘Telexornal Mediodía’ recuperou as mellores imaxes da celebración nunha emisión especial desde a praza do Obradoiro. A audiencia da TVG nestes días 24 e 25 de xullo foi de 690.000 galegos (de máis de catro anos).

A Televisión de Galicia está a celebrar a Semana Grande de Galicia cunha programación especial que inclúe unha ampla despregadura de programas en directo desde as rúas de Santiago e conexións con toda Galicia, ademais de cinema galego e máis música.

Este mesmo venres á noite (22:00 h) TVG convida os seus espectadores a asistir en primeira fila á última actuación que ofreceu unhas das orquestras máis importantes de Galicia e de España no centro monumental de Santiago de Compostela: ‘Panorama. O meu último concerto no Obradoiro’.

ler máis

A TVG lanza unha nova convocatoria de 300.000 euros para proxectos dixitais

Santiago, 12.07.2024.-    A Corporación de Radio e Televisión de Galicia lanza este venres unha convocatoria de contidos dixitais, dotada de 300.000 euros, para a produción de 12 novos proxectos destinados ás súas canles dixitais, nomeadamente á plataforma dixital AGalega.gal. A CRTVG dá continuidade deste xeito ao seu apoio aos profesionais galegos deste sector galego e á difusión de proxectos audiovisuais a través das súas canles. Así o comunicou hoxe o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento de Galicia, onde presentou a Memoria de Servizo Público de 2023.

Sánchez Izquierdo salientou que “2023 foi o exercicio no que se desenvolveron todas as melloras tecnolóxicas e de recursos que estamos a utilizar xa neste 2024, como o novo plató dos Servizos Informativos ou a plataforma dixital estreada en xaneiro pasado”.

O director xeral destacou tamén “a aposta pola televisión en directo, o selo de identidade dunha canle que aposta pola proximidade e a información de aquí. Nesta liña é moi salientable, e máis se se compara con outras canles autonómicas, o feito de que o 94,9% dos contidos emitidos por Televisión de Galicia son producidos en Galicia. Nesta aposta pola proximidade enmárcase o compromiso coa industria audiovisual galega, co talento e o tecido empresarial galego”.

Respecto da presenza e identificación dos medios públicos galegos no día a día dos galegos, Izquierdo sinalou a intensa relación co “maior número posible de eventos e festivais culturais, dos eidos do cine, o audiovisual, a música e o teatro, e de interese público” e “no eido máis social, a Corporación seguiu a súa colaboración con entidades como FAGAL, UNICEF, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, ou a Cruz Vermella”.

Sánchez Izquierdo achegou datos da enquisa desenvolvida en 2023 e recollida na súa totalidade no informe ‘Estados de Información non Financeira’ publicado no Portal de Transparencia e que indica, entre outros baremos, que: “o 85% dos galegos estima que a TVG é necesaria para que os galegos estean informados das noticias da comunidade e provincia, e o 86% di que TVG reflicte e fomenta a cultura galega e o seu idioma”.

Así mesmo, Izquierdo salientou a riqueza do intercambio social, educativo e lingüístico entre Galicia e Portugal e “a liña de traballo aberta coa RTP e o sector coa coprodución conxunta da serie de ficción ‘Motel Valkirias’, que acadou o Premio europeo CIRCOM, o décimo premio internacional para unha produción da CRTVG, ou o programa ‘Aquí Portugal’ emitido simultaneamente por ambas canles”. Este pasado domingo unha nova entrega do ‘Aquí Portugal’ desde A Guarda, con arredor de 6 horas de directo, acadou unha audiencia acumulada de preto de 2 millóns de persoas entre a RTP e a TVG.

No ámbito da igualdade, o director xeral tamén indicou que a CRTVG recibiu “unha vez máis -e xa van cinco anos seguidos- o indicador ‘Empresa Igual en Xénero’ do informe empresarial publicado polo servizo ARDÁN do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Produción de contidos, atención informativa e igualdade plena na xestión dos recursos humanos conforman o preciso para seguir obtendo este recoñecemento que non é un fin en si mesmo, senón un apoio ao proceder da CRTVG neste eido, co que a Corporación se atopa absolutamente comprometida”, explicou.

ler máis

TVG pecha a temporada 23/24 como líder en cultura e informativos

Santiago, 03.07.2024.-   Televisión de Galicia pecha a temporada 2023/2024 (setembro- xuño) como a canle líder nos informativos, líder en tempo de programación dedicada a contidos de música, e líder en cota de pantalla nas artes escénicas e nos programas  culturais. Estes son os datos que se desprenden do informe do medidor Kantar Media do balance da temporada 23/24.

No eido informativo, o medidor sinala a fortaleza de TVG moi especialmente na franxa de mediodía co ‘Galicia Noticias’, cun 18,4 %, e o ‘Telexornal Mediodía’, cun 16,7%. Os informativos da TVG chegaron a máis de 2.360.000 espectadores nesta temporada, o 90% (89,7 %) da poboación galega de máis de catro anos.

Aposta pola cultura, música e artes escénicas
    
#Cultura365 é o eixo baixo o cal a CRTVG programa os seus contidos arredor da escena cultural galega. O resultado desta estratexia reflicte que a TVG é a primeira canle en cota de pantalla no xénero de artes escénicas, cun 12,5 %. En xeral, sobre programas culturais, a TVG é tamén a canle que acada máis cota de pantalla de España, e a segunda en canto a maior duración dedicada a eles. A Galega é tamén a canle con máis tempo de programación dedicado á música, cun 10 % de cota.

Por días de semana, os máis fortes en audiencias foron os laborables, de luns a venres; os luns media un 9,7 % de cota, os martes un 9,4 %, os mércores un 9,7 %, os xoves 10,6 % e os venres 10,7 %. Na franxa do prime time cómpre salientar as cotas de xoves (11,1 %) e venres (10,5 %) para unha media do 9,5 %.

Pola súa parte, a G2, cun 1 %, segue a ser unha das mellores segundas canles da FORTA e foi a canle que máis medrou en Galicia, un 11 % con respecto á temporada 2022/2023.

ler máis

A Radio Galega é a emisora de Galicia que máis medra e alcanza os 123.000 oíntes

Santiago, 02.07.2024.-  A Radio Galega é a emisora que máis sobe en Galicia, segundo os datos da segunda onda do Estudo Xeral de Medios publicados este martes. Con 123.000 oíntes de luns a domingo, Radio Galega medra un 19% con respecto á primeira onda deste 2024.

Tamén sobe de forma exponencial Radio Galega Música, chegando aos 19.000 oíntes de luns a domingo, o que supón un incremento do 111,11% con respecto ao período anterior. Así, o conxunto das emisoras de radio da CRTVG alcanza os 142.000 oíntes durante toda a semana, o que supón un incremento do 26% da súa cota de audiencia.

O dato da Radio Galega, nesta segunda onda do EXM, é especialmente significativo se o comparamos coa situación da radio xeralista, que apenas medra un 0,3% neste período. A Radio Galega é a canle pública ou privada que máis medra en Galicia, e é a única pública de Galicia que medra, quintuplicando en audiencia a outra emisora pública que emite no país.

ler máis

O Estudo Xeral de Medios sinala a TVG como a canle líder en Galicia

Santiago, 02.07.2024.-   Televisión de Galicia segue a ser a canle máis vista en Galicia e tamén entre as televisións autonómicas, segundo a segunda onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) publicada este martes, baseada na mostra recabada entre o 20 de marzo e o 4 de xuño.  A TVG medra ata o 21,4% de cota de pantalla no conxunto da semana, o que significa 8 puntos máis de share que o seguinte competidor privado e o dobre que a outra canle pública, La1 (10,8%).

Os galegos elixen TVG para informarse na franxa das mañás, cun 18,6% ao mediodía e á noite. No mediodía (entre as 13:00 e as 17:00 h), destaca especialmente o bloque do ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’, en que a TVG acada o 33,9% de cota de pantalla con picos de audiencia do 45% no Telexornal.

O EXM salienta tamén que no prime time, a franxa de maior consumo da xornada, TVG acada un 17,8% de cota media, superando en 5,8 puntos a Telecinco. Por días da semana, destaca a audiencia acadada os xoves (22,7%), venres (31,3%) e domingos (26,4%).

Líder tamén das canles autonómicas os sete días da semana

Entre as televisións autonómicas reunidas na FORTA, a Televisión de Galicia é tamén a máis vista todos os días da semana, superando en cinco puntos as seguintes canles máis vistas da Federación de Organismos Autonómicos.

ler máis

'Navarra', a representante de Lugo, elixida Miss Vaca 2024 no 'Luar' da Televisión de Galicia

Santiago, 29.06.2024.-    A gran final de Miss Vaca no programa 'Luar' da TVG deste venres á noite rematou con Navarra, de Lugo, elixida como a vaca máis fermosa de Galicia. As catro finalistas, unha por provincia, competiron no estudio polo voto do público e a vencedora recibiu a banda que a acredita como gañadora e un premio de 3.000 euros.

A gran final de Miss Vaca, o xa tradicional concurso de 'Luar' por estas datas do verán, é un dos momentos máis agardados de toda a temporada. O concurso vai xa pola súa décimo sexta edición e cada ano convértese nun auténtico acontecemento, acadando cada vez máis repercusión, sobre todo nas redes sociais e entre os máis novos, tamén fóra de Galicia.

A vaca lucense enfrontouse a Parrula, de Pontevedra; Cuca, da Coruña, e Gallarda de Ourense, as outras tres elixidas polo público nas fases anteriores do concurso para esta final. Ademais, o xurado do concurso entregou outras distincións, como Miss Lindos Ollos, Miss Poderosa, Miss Aloumiños e Miss Donaire. Historicamente, a provincia de Lugo gañou xa 12 o concurso, A Coruña fíxoo en dúas ocasións e Ourense e Pontevedra, unha vez cada unha.

ler máis

A CRTVG pecha as contas en positivo por 15º ano consecutivo, cun superávit de 2,1 millóns de euros

Santiago, 28.06.2024.-  Por décimo quinto ano consecutivo, a CRTVG rematou o exercicio pasado coas contas en superávit. A Corporación pechou 2023 cun resultado orzamentario positivo por un importe de 2,1 millóns de €, como reflicten as contas anuais presentadas este venres no Parlamento de Galicia polo director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo.  

Estes resultados orzamentarios consolidados poñen de manifesto a eficacia da xestión e o saneamento das contas da CRTVG. Sánchez Izquierdo lembrou que a actual dirección recibiu en 2009 unha Corporación cunha débeda de 51 millóns de euros, e que a través da nova xestión e control de gastos, e con orzamentos menores que en anos precedentes, en 2013 conseguiuse eliminar a débeda bancaria e, en 2023, pechar o ano co saneamento do 88% da débeda herdada. Entre outras cousas, isto supuxo pasar dun período de pagamento a provedores superior a 6 meses en 2009, a 6 días en 2023, o que se traslada a unha maior eficiencia e solvencia do sector audiovisual galego.

De cara ao futuro e coa solidez financeira que sinalan as contas anuais, o director xeral salientou que a CRTVG mantén unha perspectiva estratéxica e que incorporará á xestión operativa “unha visión de permanente estado de cambio que precisa dun esforzo adicional para abordar os desafíos da transformación dixital asociada a unha crecente competitividade, mantendo as capacidades das marcas tradicionais TVG e Radio Galega, e simultaneamente atendendo as necesidades crecentes dos medios dixitais, baixo o obxectivo de manter unha coherencia nos custos”.

Así mesmo, Izquierdo achegou datos da enquisa de percepción do servizo público desenvolvida en 2023, que reflicte, entre outras conclusións, que preto do 70% da cidadanía  apoia o cumprimento da TVG coa súa misión de servizo público, entendendo que a TVG ten notoriedade social e económica, e preto do 80% cualifica a TVG como socialmente útil, “algarismos que reflicten a relevancia e a aceptación orgánica da CRTVG entre a sociedade galega”.

Cadro de persoal

A CRTVG segue actualmente implementando unha Oferta Pública de Emprego (OPE) para a consolidación do 100% do cadro do persoal, salientou Sánchez Izquierdo, quen explicou que un ano máis segue a reducirse a contratación temporal implantada na xestión desde o ano 2010, e lembrando que esta temporalidade superaba o 40% no ano 2009.

O director xeral especificou que as remuneracións do persoal laboral se situaron en 2023 en 38,3 millóns, fronte aos 37,8 millóns de euros de 2022. Deste xeito, o cadro de persoal segue a supor máis da metade da execución de gasto, cun total de 52,8 millóns en 2023.

Audiencias

Respecto dos datos de audiencias, Sánchez Izquierdo fixo tamén balance desta primeira metade do ano e da temporada 23/24 (de setembro a xuño). Explicou o director xeral que nestes primeiros meses de ano a TVG acadou unha cota de pantalla do 8,6%, superando a media da FORTA en máis de medio punto. En canto á temporada 23/24, a CRTVG remata tamén nos postos de liderado da FORTA, cun 9,6%, xunto con TV3 e Aragón TV, tras os datos achegados pola consultora Barlovento.

Preguntado polas oscilacións de audiencias dos últimos meses reflictidas polo medidor Kantar Media, o director xeral explicou que o medidor asumiu unha penalización pola mingua do panel que representa a CRTVG nestes primeiros meses de 2024. Esta penalización só tivo que ser activada dúas veces nos últimos 15 anos, en 2019 e neste 2024 tras a análise das anomalías nos resultados das medicións. O outro medidor en que están todos os grandes grupos de comunicación de España, o EXM, outorgoulle a TVG na primeira onda de 2024 o liderado tanto en Galicia como entre as televisións autonómicas.

Destacou así mesmo os datos da plataforma de AGalega.gal, a OTT da CRTVG, lanzada en xaneiro de 2024, que se colocou de entrada entre o TOP 20 das plataformas máis vistas de España, chegou a 194 países, acadou máis de 795.000 usuarios únicos e máis de 80.000 descargas entre dispositivos IOS e Android.

ler máis

“Agalega.gal multiplica a posibilidade de levar a lingua e o cinema galego a todo mundo”

Santiago, 26.06.2024.- O director de Contidos da CRTVG, Fernando Ojea, participa esta semana no Promercat-València Film Market, foro dedicado ás producións audiovisuais que buscan a coprodución en linguas cooficiais, e interviu no debate Promercat Autonómico, no que explicou o modelo que segue a CRTVG para a selección e contratación de proxectos tanto de apoio ao cinema como de ficción de produción propia externa.

    Ojea salientou que nos últimos anos se observa “un aumento do interese dos proxectos que conectan co imaxinario colectivo dos galegos e se inspiran en feitos reais”, así como que a Corporación promove especialmente a súa participación en proxectos con valores de produción galegos, empezando pola lingua, e proxectos de creadores emerxentes con potencial de percorrido por festivais. “A CRTVG non ten vocación de organismo subvencionador, senón de medio de comunicación que aspira a levar o noso talento creativo ao público e aos mercados internacionais”, rematou.

    O director de Contidos da canle galega sinalou tamén que “a nova plataforma AGalega.gal é unha magnífica ferramenta que multiplica as posibilidades de levar a lingua e o cinema galego a todo mundo” destacando que “nos seus primeiros 5 meses de vida a Agalega.gal chegou xa a máis de 193 países”. Neste debate sobre o papel das televisións públicas na coprodución autonómica interviron tamén Alfred Costa, director xeral de À Punt; Oriol Sala-Patau, xefe de Ficción e Cine de TVC; Marta Comín, directora de IB3 e Vanesa Fernández Guerra, directora de Cultura e Euskera de EITB.

    Organizado polo Institut Valencià de Cultura, Promercat-València Film Market celébrase ata mañá día 27 no Institut Valencià d’Art Modern (IVAM), coorganizador do evento e conta coa colaboración de Cinema Jove e a canle autonómica À Punt.
……………………………………

ler máis

Gala de preestrea en Santiago da terceira temporada de 'Saudade de ti', que chega a TVG e á plataforma AGalega.gal

Santiago, 25.06.2024.-     A Televisión de Galicia presentou este martes en sociedade, cunha preestrea en Santiago de Compostela, a terceira temporada da serie ‘Saudade de ti’, que esta mesma noite chega ás pantallas e, a partir do mércores, á plataforma AGalega.gal. Os protagonistas e todo o equipo técnico desta produción de Voz Audiovisual para a TVG citáronse nos cines As Cancelas para celebrar a volta desta serie de éxito, que espertou unha grande expectación na audiencia galega nas dúas primeiras temporadas.

O elenco de ‘Saudade de ti’, entre os que se encontran, entre outros, os actores Manuel San Martín, Mayka Braña, María Tasende, Adrián Castiñeiras, Fran Nogueira, César Cambeiro e María Costas, entre outros, asistiu á posta de longo desta nova etapa da ficción.

A serie que namorou a toda Galicia emitirase este verán de martes a xoves despois do renovado ‘Atrápame se podes’. Realizada por Voz Audiovisual, regresa con 60 novos capítulos despois do éxito que acadaron no prime time as dúas primeiras temporadas. A terceira inclúe novos personaxes e novas tramas, como a construción dun novo porto deportivo que dividirá a vila de Abrente. Algúns veno como unha oportunidade de progreso, mentres que outros temen que desapareza o seu estilo de vida.

Tamén seguirá sendo protagonista o conflito amoroso do triángulo formado por Celia, Santi e Raúl. A temporada comezará coa doutora e o enfermeiro metendo as maletas nun coche. Marcharán xuntos a Verín ou, tristemente para Santi, as cousas non serán o que parece?

ler máis

'Raíña-me' chega esta semana á plataforma AGalega.gal coas súas transformacións de 'drag queens'

Santiago, 18.06.2024.-    A plataforma AGalega.gal suma esta semana novos contidos, entre os que se atopa ‘Raíña-me’, un contido exclusivo de AGalega.gal en que a artista Alexa Evans abre as portas do seu ‘Odragoiro’ a un convidado ou convidada especial en cada programa para transformar o seu aspecto por completo. Ademais, con retos sorprendentes e entrevistas lixeiras, comprobarase se os convidados teñen o que fai falta para converterse nunha nova raíña do drag. Estará dispoñible desde o xoves 20.

E este martes 18 de xuño quedará accesible ‘Música no foco’, dez cápsulas musicais visuais que se estrean coa artista Hydn, quen interpreta o seu primeiro tema en galego, ‘Augurio’, nas Torres de Oeste, en Catoira. Nesta serie de contidos, distintos autores da música contemporánea galega interpretan un dos seus temas nun marco natural. Cada semana engadirase unha nova peza, e a oferta comeza hoxe.

A oferta de cinema segue crecendo: o venres estréase ‘Os demos de barro’, unha coprodución galego-franco-portuguesa inspirada visualmente na cerámica tradicional portuguesa, que combina stop-motion e animación 2D. Dirixido a maiores de 7 anos, é un filme cun gran percorrido por festivais que conta a historia de Rosa, unha gran profesional e a estrela da súa empresa. Así e todo, destrúe a súa computadora fronte a todos os seus compañeiros de traballo e vaise da cidade para sempre.

Ademais destas estreas, o mércores 19 publicaranse novas entregas do programa ‘Historias mínimas’, que presenta historias contadas por persoas anónimas ante a cámara nun set móbil único que viaxa por toda Galicia. Ademais de poñer a disposición os capítulos que se estrearán esta fin de semana na TVG, publicaranse as primeiras temporadas do espazo, xa emitidas.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.

ler máis

A película de animación ‘O soño da Sultá’, participada por TVG, acada o Premio Contrechamp do Festival de Annecy (Francia)

Santiago, 17.06.2024.- A longametraxe ‘O soño da sultá’, da directora Isabel Herguera e participada pola TVG, alzouse esta fin de semana co máximo galardón da sección Contrechamp do Festival de Annecy, referencia mundial do cine de animación. A película, que suma un novo premio internacional, é unha produción de Abano Producións, El Gatoverde Producciones, UniKo Estudio Creativo, Sultana Films, Fabian&Fred (España, Alemaña), co apoio da canle pública galega.
 
            A cinta baséase no conto escrito en 1905 por Rokeya Hossain, escritora nacional de Bangladesh (1880-1932), no que narra a súa historia persoal e a de Ladyland, un mundo utópico gobernado por mulleres. Herguera emprega distintas técnicas de animación, como a tradicional 2D en acuarela na primeira parte, os recortables en referencia ao teatro de sombras, e o estilo ‘mehndi’ ou tatuaxe temporal no que se emprega a henna.
 
            ‘O soño da sultá’ foi o primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial do Festival de San Sebastián. Ademais, logrou alí o Premio Irizar ao cine vasco e mais o Premio da Asociación Vasca de Guionistas Euskal Gidoigileen Elkartea.
 
            A nivel internacional acadou xa o Premio á Mellor Coprodución internacional no Festival de Hamburgo, o premio á mellor longametraxe de animación no Anima, Festival Internacional de Animación de Bruxelas e en maio alzouse en Tenerife co Premio Quirino de animación iberoamericana no apartado Mellor Desenvolvemento Visual. Tamén obtivo candidaturas aos premios máis destacados a nivel nacional: os Goya, os Forqué e os premios Feroz.

...............................................

ler máis

GFace, co tema ‘Vaivén’, gañador do concurso ‘A canción do verán 2024’ da CRTVG

Santiago, 13.06.2024.-       O concurso ‘A canción do verán 2024’ da CRTVG xa ten gañador. O tema ‘Vaivén’, do artista galego GFace, será a banda sonora dos medios galegos durante os vindeiros meses. GFace é Gabriel Fandiño, cantante e compositor de Tomiño (Pontevedra), de 22 anos, que xa conta con varias obras no mercado.
 
            Os ritmos latinos e próximos á bachata de ‘Vaivén’ convenceron o xurado do certame, que se reuniu este xoves en Santiago. O xurado da oitava edición do concurso estivo composto por Fernando R. Ojea, director de Contidos da Corporación; Montse Besada, xefa de Contidos da TVG; Natalia Penas, xefa de Contidos da Radio Galega; o coordinador de contidos dixitais da Corporación, Carlos Amado, e o presentador Xosé Manuel Piñeiro, que valoraron a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical dos traballos presentados.
 
            O premio está dotado de 1.500 euros e a visibilización durante todo o verán do tema gañador en todas as canles dixitais, de televisión e radio da CRTVG.
 
            Ademais da  canción de GFace que resultou gañadora, os membros do xurado elixiron catro finalistas máis: Nando Llon e Maxy Mini, co tema ‘O Chimpín’; Christian Pensado, con ‘Es d´aquí ou vés á festa?’; Fran Allo, con ‘A terra do mar’, e Jonathan Dasilva-Jonydasvie, con ‘Prty’.
 

 

ler máis

‘Ondas indies’ da Radio Galega Música despide a temporada cunha homenaxe a Los Planetas no seu 30 aniversario

Santiago, 12.06.2024.- A quinta temporada de ‘Ondas indies’ chega ao seu final este xoves 13 de xuño en Radio Galega Música. 198 capítulos desde que arrincou esta aventura, presentada por Víctor López, Eladio Santos e Marcos Vázquez, que aos poucos se foi facendo un oco no panorama musical galego sendo o lugar de difusión para a música feita en Galica e na nosa lingua.

​​​​​​​    Este xoves 13 de xuño, visita ‘Ondas indies’ Susana Laya, directora do Atlantic Fest que se celebra este verán en Vilagarcía de Arousa, e que vai reunir un bo número de artistas galegos, e ademais celebrará os 30 anos do primeiro disco da banda granaína Los Planetas, os pais do indie español, aos que o programa renderá a súa particular homenaxe.

    Lembramos as bandas que pasaron cada xoves ás 22:00 horas por este espazo da Radio Galega música: Galician Army, Triángulo de Amor Bizarro, Grande Amore, Berlai, Mondra, Capital Voskov, Pamela Rodríguez, Dios Ke Te Crew, Caamaño&Ameixeiras, Zavala, The Bo Derek´s. Terbutalina, Blanco Palamera, Silvia Penide, Nicolás Pastoriza, Amoebo, Candy´s Freckles, Maneiro, Carlos Ares, The Rapants, Anxo Araújo, Vértebras, Boyanka Kostova, Devalo, Santi Araújo, Lina de Sol, Grampoder, Mundo Prestigio, Leria, Isius, Bala ou Luis Fercán.Mais tamén, grandes artistas como Los Zigarros, Arde Bogotá, ou Mujeres fixeron oco no seu paso por Galicia para falar da súa relación co público galego nos micrófonos da Radio Galega Música.

    ‘Ondas indies’ tamén visitou os festivais de música como o Atlantic Fest, Son do Camiño, Portamérica, Terraceo, Ourense Sound Fest, FIV de Vilalba ou mesmo no Primavera Sound de Porto ou con proxectos musicais como o Galicia Muscalidade. E cada semana deu espazo ás novidades musicais de bandas emerxentes ou das que xa teñen un oco gañado para as indianas e indianos do universo indie galego.  O programa, xa convertido xa nun prescritor da nosa música, volverá en setembro na sexta temporada na que cumprirá 200 capítulos de boa onda.  
 

 

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 69 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade