CSAG Viva - CSAG
CSAG Viva
AGalegaAudio.gal estrea 'Expediente oculto, o pódcast', con Patricia Abet e o xuíz Vázquez Taín

Santiago, 6.11.2026.- AGalegaAudio.gal estrea ‘Expediente oculto, o pódcast’, unha serie que leva ao relato sonoro os casos abordados polo programa de TVG do mesmo nome. Patricia Abet e o xuíz Xosé Antonio Vázquez Taín acompañan a audiencia nun percorrido por historias reais que deixaron pegada na crónica galega, desde os primeiros indicios ata as claves que permitiron esclarecer o sucedido.
A proposta amplía a experiencia do programa de televisión cunha narración pensada para escoitar con atención. Cada entrega aborda o mesmo caso que o correspondente episodio televisivo e estréase en paralelo a el, ofrecendo outra maneira de achegarse aos feitos a través da voz, dos detalles e da reflexión.
A voz de Taín e as introducións de Patricia Abet
A xornalista Patricia Abet presenta cada caso e dá paso ao relato de Vázquez Taín, autor e narrador destas historias sonoras. Cunha escrita de carácter narrativo e un ton calmo, pausado e próximo, o xuíz reconstrúe os crimes, explica o avance das pescudas e detense nas circunstancias que marcaron o seu desenlace xudicial.
O ritmo permite reparar en detalles que poden pasar inadvertidos nun primeiro achegamento: unha pegada, unha declaración ou unha contradición que acaba por orientar a investigación. Ao longo dos episodios, Taín incorpora tamén reflexións nacidas da súa experiencia nos tribunais sobre as condutas humanas, as motivacións dos crimes e as consecuencias da violencia.
Trece casos para seguir o fío da investigación
A serie reúne trece entregas que convidan a descubrir como se resolve un crime e que se agocha detrás de cada historia. Que detalle fixo avanzar unhas pescudas que parecían estancadas? Cando deixou de encaixar unha versión dos feitos? Que levou os investigadores a mirar onde ninguén mirara antes?
A estrea chega cos tres primeiros episodios, tres historias con preguntas que tardaron en atopar resposta. ‘O crime de Elisa Abruñedo’ abre a serie cunha investigación que necesitou dez anos para identificar o seu asasino. En ‘Manda’, dedicado ao asasinato de Samuel Luiz, o relato segue o minucioso traballo policial para reconstruír unha agresión colectiva e determinar a participación dos implicados. E en ‘Pola boca morre o peixe’, sobre a morte por estricnina de Felisindo González, un engano agocha a clave dun crime no que o xeito de administrar o veleno acaba por delatar o asasino.
A partir destas primeiras entregas, títulos como ‘Prexuízos’, ‘A morte da inocencia’ ou ‘Verbas’ abren novas historias en que cada indicio pode mudar o rumbo das pescudas. Na voz de Vázquez Taín, a audiencia acompaña ese proceso de descubrimento, entre incertezas, contradicións e achados que permiten reconstruír o sucedido.
O suspense nace dos propios feitos e da maneira en que se vai desvelando a verdade. Cun relato pausado e próximo, cada episodio deixa espazo para escoitar, facerse preguntas e reparar nos detalles. Tamén para reflexionar sobre a condición humana e sobre a pegada que un crime deixa nas persoas que o sofren.
A TVG e AGalegal.gal retransmiten este domingo o Barcelona-Breogán, da Liga Endesa de baloncesto

Santiago, 06.11.2026.- A primeira cita deportiva desta fin de semana nos medios públicos chegará pola G2 e AGalega.gal na tarde do venres co Leganés-Baxi Ferrol, da sétima xornada da Liga Feminina de baloncesto. O equipo de Lino López chega nun bo momento, xa que é oitavo na táboa, con catro vitorias e dúas derrotas, tras gañar na cancha do Mirai Euskotren por 85-91 con Claire Melia como xogadora chave ao asinar 20 puntos.
O Baxi compaxina a liga coa Eurocup Women, á que accedeu ao asumir a praza que deixou vacante precisamente o Leganés. No Grupo D ocupa a terceira posición cunha vitoria e tres derrotas, a última o martes ante o Olympiacos (58-77). O Leganés, que adestra Javier Fort, é undécimo, con dúas vitorias e catro derrotas, e acaba de caer en Zaragoza ante o líder invicto (76-51), arrastrando un problema nos lanzamentos de tres puntos, xa que só leva un 20 % de acerto.
O sábado, a segunda canle da TVG e a plataforma AGalega.gal traerán ás 16:30 h un derbi galego da undécima xornada da Primeira RFEF desde Pasarón. O Pontevedra é sétimo con 15 puntos, a só un do quinto clasificado que marca os postos de promoción de ascenso. A U. D. Ourense, pola súa parte, derrotou a pasada semana a Cultural Leonesa e o mércores anunciou a fichaxe de Agustín Ruiz como novo adestrador, nun intento de fuxir dos postos de descenso.
O domingo, ás 11:45 h, a TVG e AGalega.gal retransmiten o Barcelona-Río Breogán, da sétima xornada da Liga Endesa, desde o Palau Blaugrana. O conxunto de Luis Casimiro chega como quinto clasificado, con catro vitorias e dúas derrotas (+36 de diferenza de puntos) e despois de gañar o derbi galego en Fontes do Sar ao Monbus Obradoiro por 90-110. O cadro azulgrá, sétimo na clasificación cun balance idéntico de 4-2 (+12), acaba de conseguir en Málaga a súa primeira vitoria a domicilio da temporada (89-92).
Na tarde dominical, a plataforma ofrecerá o multifútbol da décima xornada do Grupo 1 de Segunda Federación con dous partidos simultáneos. Na Lomba, o Arousa-Compostela enfronta dous recentemente ascendidos desde Terceira Federación, e no Couto, o Ourense C. F. recibe o Portugalete, outro acabado de chegar que se instalou na metade da táboa.
O domingo rematará con ‘En Xogo’, desde as 22:30 h pola G2 e AGalega.gal e a partir da unha da madrugada na redifusión a través da TVG. Durante 90 minutos, Gustavo Varela repartirá xogo entre o equipo de analistas para comentar os resumos dos partidos Español-Deportivo, Celta-Levante, Burgos-Celta Fortuna e visionar todos os goles das ligas da RFEF.
As xemelgas Twin Melody e as rancheiras do Mariachi Mezcal encherán esta noite o escenario de 'Luar'

Santiago, 06.121.2026.- No seu primeiro programa do mes de novembro, ‘Luar’ (21:45 h) contará coa presenza no escenario de todo un fenómeno nas redes sociais que deu o salto aos escenarios: o grupo Twin Melody. As irmás xemelgas Aitana e Paula Etxebarria, tiktokers e cantantes, que se deron a coñecer para o gran público no Benidorm Fest de 2023, teñen máis de 20 millóns de seguidores nas redes sociais. Esta noite interpretarán para os espectadores da TVG algúns dos seus grandes éxitos na música, como ‘Siempre eras tú’ e ‘Chao’.
No ‘Luar’ desta noite tamén soarán sons mexicanos, da man do cuarteto Mariachi Mezcal, que ofrecerá as súas mellores rancheiras. Os ritmos verbeneiros chegarán da man da orquestra Fuego e a música tradicional será cousa das pandeireteiras da formación Ata o Mandil, Dolores.
Ademais, o programa contará coa maxia do Mago Vituco e co humor de Sabela Grilo, o personaxe interpretado por María Foscaldo, e de Carla e Marcos, de Todo Mal.
Contra o final da noite, chegará, coma sempre, unha nova entrega do concurso ‘Recantos’. Desta volta, medirán o seu talento sobre o escenario Óscar Villanueva, procedente do Carballiño, e Jesús Sánchez, representante da comarca de Bergantiños.
Español-Deportivo e Celta-Levante, partidos da xornada no ‘Galicia en goles’

Santiago, 5.11.2026.- A programación deportiva da fin de semana comeza o venres, ás oito do serán, na Radio Galega e AGalegaAudio.gal con atención especial ao fútbol e ao baloncesto. A primeira edición de ‘Galicia en goles’ dará cobertura ao Cacereño-Lugo, da Primeira RFEF. Na mesma faixa horaria haberá tres partidos da Liga Feminina de baloncesto: Leganés-Baxi Ferrol, Ensino-Biskaia e Celta-Araski.
O sábado, desde as dúas e cuarto da tarde, o punto de directo será o estadio de Cornellá. O Deportivo chega oitavo, tras cortar o luns ante Osasuna unha serie de seis xornadas sen gañar, cunha remontada firmada por Mario Soriano, de lanzamento de falta directa, e por Bil Nsongo, no minuto 87. A pasada xornada foi tamén a do regreso de Aubameyang, que saltou ao céspede de Riazor no minuto 69 despois de pasar polo quirófano o 24 de setembro por unha lesión de menisco. O Español ocupa o décimo cuarto posto e ven de gañar en Vilarreal tras cesar días antes ao adestrador galego Manolo González e fichar a Eder Sarabia.
Durante a tarde, o programa tamén seguirá a Segunda División. O Celta Fortuna visita o Burgos despois de empatar 2-2 co Córdoba e perder 5-1 en Xirona unha semana antes. A axenda futbolística complétase coa Primeira RFEF, que reserva dous partidos para este día. O Rácing de Ferrol (cuarto, 17 puntos) recibe o U. D. Logroñés (segundo, 20 puntos), o equipo que máis goles marcou do grupo, con 20. O Pontevedra (sétimo, 15 puntos) mídese á U. D. Ourense (19º, 8 puntos), que cambiou de adestrador e malia a vitoria do pasado domingo continúa sendo o equipo menos goleador do grupo.
O sábado é tamén día de baloncesto. O Obradoiro xoga no Congost ante o pechacancelas da Liga Endesa, o Manresa. O equipo santiagués chega tras perder o derbi ante o Breogán (90-110) e, unha semana antes, por 106-76 en Tenerife. En fronte estará un rival que leva seis derrotas e que acaba de incorporar o ala-pivote Isaiah Mobley por dous meses.
O domingo, a partir das doce menos cuarto, o Palau Blau Grana acollerá o Barcelona-Breogán, da Liga ACB. O conxunto lucense é quinto cun balance de catro vitorias e dúas derrotas, sendo o segundo equipo da liga con máis puntos anotados só por detrás do Real Madrid. O cadro azulgrá, mentres, é sétimo cun balance de catro vitorias e dúas derrotas, gañou os seus tres partidos no Palau e vén de impoñerse 89-92 en Málaga ao Unicaja.
A partir das dúas e cuarto, Balaídos converterase no punto de referencia. O Celta recibe o Levante tras caer 3-0 en Vallecas o 31 de outubro. un resultado. O rival está en zona de descenso tras perder por 0-2 ante o Atlético de Madrid, pero aférrase a estatística da temporada pasada cando gañou 2-3 en Vigo. O baloncesto tamén estará presente durante a tarde dominical xa que Básquet Coruña xoga ante o Andorra no Coliseum co obxectivo de encadear dúas vitorias consecutivas logo de superar o pasado sábado ao Tenerife.
#GaliciaEnXogo
O domingo pola noite, entre as once e as doce, o ‘Galicia en goles’ abre unha ventá ao proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo. Na primeira media hora, Rodrigo Pérez repasa a actualidade do motor e a continuación Toni López convida a deportistas que están preparando os próximos Xogos dos Ánxeles 2028.
Conta atrás para máis aventuras da 'Patrulla Canina' en Xabarin.gal: chegan o 20 de novembro

Santiago, 05.11.2026.- Xabarin.gal estreará este mes de novembro nova temporada da ‘Patrulla Canina’, unha das propostas estrela da canle infantil e que chegará o día 20. Mentres tanto, a oferta complétase con máis capítulos de ‘Shin Chan’ e ‘Doraemon’, ademais de cine para gozar en familia, xa este mesmo venres.
As cintas son ‘Ernest e Célestine’ e ‘Sopa de pedras’. A primeira proposta conta as aventuras dun oso amante da música que acolle na súa casa unha pequena ratiña afeccionada ao debuxo. ‘Sopa de pedras’ reúne cinco curtametraxes que lles achegan aos espectadores máis cativos o mundo das historias audiovisuais a través da imaxinación, a fantasía e as relacións entre a infancia, as familias e a veciñanza.
O venres 13, Xabarin.gal sumará 25 novos capítulos de ‘Shin Chan’. Co seu carácter irreverente, as súas ocorrencias inesperadas e o seu sentido do humor, o pequeno Shinnosuke vive situacións disparatadas na casa, na escola e co seu grupo de amigos. As súas aventuras ofrecen unha ollada cómica sobre as relacións familiares e o día a día, sempre desde a perspectiva imprevisible do protagonista.
O 20 de novembro chegarán máis capítulos de ‘Patrulla Canina’, a serie protagonizada por un equipo de cans de rescate liderado polo neno Ryder. Xuntos afrontan misións en que a cooperación, o traballo en equipo e a axuda aos demais son fundamentais. E o 27 de novembro, a plataforma incorporará 50 novos capítulos das aventuras de Nobita e do gato cósmico ‘Doraemon’, cos seus sorprendentes aparellos do futuro para axudar o seu amigo a resolver problemas.
Xabarin.gal renova e amplía periodicamente as propostas de animación e cinema para públicos infantís e familiares, con historias de humor, aventura e aprendizaxe. Entra en xabarin.gal ou baixa a app para iOs e Android.
A estratexia de marca da CSAG 'Mellor á Galega', finalista nos Premios Paraugas

Santiago, 4.11.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) opta con dúas candidaturas aos Premios Paraugas 2026, nas categorías de mellor campaña publicitaria e a de mellor acción ou estratexia vinculada a Galicia.
Na primeira, a CSAG compite coa peza ‘Na Galega os anuncios duran para sempre’, desenvolvida pola axencia Tío Phill. O proxecto é finalista xunto a ‘Hielo Estrella Galicia’, de Imaxe, Havas Media e Evercom para Hijos de Rivera, e ‘Menos Smart’, de Recados Carmen para Fnac.
A estratexia ‘Mellor á Galega’ da Corporación é candidata na categoría de mellor acción ou estratexia vinculada a Galicia, coa que os Premios Paraugas recoñecen iniciativas que contribúen á promoción da identidade, a lingua, a cultura e o territorio galegos. Esta estratexia de reposicionamento competirá con ‘Lenzos, as letras en cor’, de Nasas para Gadis, e ‘O galego xa é teu’, de Nasas para a Comisión Interuniversitaria de Galicia.
Os XI Premios Paraugas reúnen 39 candidaturas finalistas, distribuídos en trece categorías de distintos ámbitos da comunicación e o márketing. Na gala de entrega de galardóns, desvelaranse, amais, o Paraugas de Ouro e o Paraugas de Honor Galicia Calidade. A selección dos candidatos correu a cargo dun xurado integrado por quince profesionais vinculados a Galicia e presidido pola directora creativa executiva Xisela López.
Estes galardóns, organizados polo Clúster da Comunicación de Galicia, entregaranse o vindeiro 13 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol, nunha gala que se emitirá por primeira vez en directo a través de AGalega.gal, a plataforma de contidos dixitais da Corporación.
A G2 e AGalega.gal retransmiten o martes, o mércores e o venres partidos da Eurocup e da Liga co BAXI Ferrol e o Ensino Lugo en xogo

Santiago, 2.11.2026.- A G2 e AGalega.gal volven apostar polo mellor baloncesto feminino con tres retransmisións en directo ao longo desta semana. A programación permitirá seguir dous encontros da EuroCup Women, co protagonismo dos representantes galegos BAXI Ferrol e Durán Maquinaria Ensino, e un atractivo duelo da Liga Feminina Endesa entre o Innova-TSN Leganés e o conxunto ferrolán.
A primeira cita chegará este martes 3 de novembro, ás oito e cuarto do serán, co enfrontamento entre o BAXI Ferrol e o Olympiacos. O conxunto de Lino López afronta un partido importante na cuarta xornada da fase de grupos da EuroCup Women. As ferrolás ocupan a terceira posición do grupo D, cunha vitoria e dúas derrotas, mentres que o equipo grego é segundo, con dous triunfos e unha derrota. Unha vitoria permitiríalle ao BAXI dar un paso importante nas súas aspiracións europeas ante un rival de entidade.
A segunda retransmisión terá lugar o mércores 4 de novembro, ás oito do serán, desde Lugo, co encontro entre o Durán Maquinaria Ensino e o BLMA francés (Basket Lattes Montpellier). As lucenses tamén afrontan unha xornada importante para as súas aspiracións de clasificación na EuroCup. O equipo de Suso Garrido ocupa a terceira praza do grupo J, cun balance dunha vitoria e dúas derrotas, mentres que o conxunto francés figura na segunda posición, con dous triunfos e unha derrota. O Ensino buscará facerse forte no Pazo dos Deportes e mellorar o resultado do encontro da primeira volta, en que caeu en Montpellier por 89-64.
A semana pecharase o venres 6 de novembro, ás sete da tarde, cun novo compromiso do BAXI Ferrol, desta volta na Liga Feminina Endesa, fronte ao Innova-TSN Leganés. O encontro corresponde á sétima xornada da competición nacional e enfrontará dous equipos que buscan consolidarse na clasificación. O BAXI chega situado na oitava posición, con catro vitorias e dúas derrotas, mentres que o Leganés ocupa a undécima praza, con dous triunfos e catro partidos perdidos. As ferrolás tratarán de prolongar o seu bo inicio ligueiro nunha pista sempre esixente.
Tres partidos, dúas competicións e moito en xogo para os representantes galegos nunha semana especialmente intensa. A G2 e AGalega.gal achegan así aos afeccionados tres citas de primeiro nivel do baloncesto feminino, coa emoción da competición europea e a igualdade da Liga Feminina Endesa.
A película ‘A nadadora’, participada pola TVG, presentada na Seminci de Valladolid

Santiago, 28.10.2026.- A película ‘A nadadora’, ópera prima de ficción da directora Sandra Sánchez e participada pola Televisión de Galicia, presentouse na 71ª edición da Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci), dentro da sección oficial Punto de Encontro.
Ambientada na Costa da Morte dos anos 90, a longametraxe narra a historia de Nico, unha adolescente interpretada por Nuria López que, marcada por unha contorna familiar atravesada pola droga, desexa fuxir da realidade que a rodea. A moza sofre, ademais, misteriosos esvaecementos.
Producida por Setembro Cine, a primeira proxección reuniu unha ampla representación do equipo artístico e técnico, entre eles a directora, Sandra Sánchez, e os intérpretes Nuria López, María de Dina, Diego Anido e Melania Cruz. Tamén asistiron Cristina Zumárraga, Sandra Filippelli, de Antaviana, e Mercedes Peón, responsable da música da película.
A creación musical de Mercedes Peón, unha das grandes referentes da música galega contemporánea, achega ao filme unha dimensión sonora propia. A súa traxectoria, tan vinculada á recuperación da tradición musical galega e á experimentación sonora, achega un valor artístico e cultural moi especial ao proxecto.
Tras a proxección celebrouse un coloquio co público en que participaron Sandra Sánchez e as intérpretes Nuria López, María de Dina, Diego Anido e Melania Cruz, mentres o resto do equipo seguiu o encontro desde a primeira fila. A conversa estivo moderada pola xornalista Marta Medina. O equipo de ‘A nadadora’ amosouse especialmente satisfeito coa acollida da película neste primeiro encontro cos espectadores.
A CSAG busca a banda sonora do Nadal 2026

Santiago, 26.10.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) abre hoxe o prazo de presentación de propostas ao concurso ‘A canción do Nadal 2026’. Un ano más, a canción gañadora deste certame soará nas canles dos medios públicos no mes de decembro, e levará ademais un premio de 1.500 euros brutos.
O prazo estará aberto ata o 9 de decembro, e despois o xurado, formado por cinco persoas designadas pola dirección da canle, seleccionará o tema gañador, valorando súa a orixinalidade, calidade técnica e valor audiovisual.
Tanto as bases como o formulario oficial de participación atópanse en www.csag.gal. Entre outras cuestións, as bases recollen que o tema ten que ser orixinal, inédito e estar escrito integramente en lingua galega. As propostas poden enviarse en formato audio MP3 e, de xeito opcional, acompañadas por un vídeo musical, ao enderezo electrónico canciondonadal2026@csag.gal.
Esta será a décimo segunda edición deste popular certame, que o ano pasado gañou Hugo Torreiro coa canción ‘Fogar’.
O novo programa 'O campo é noso' chega este luns á TVG para descubrir o medio rural galego como nunca antes se vira

Santiago, 23.10.2026.- A Televisión de Galicia estrea este luns, ás 19:30 h, ‘O campo é noso’, un novo programa dedicado ao sector primario galego que amosará as historias e o traballo das persoas que viven do campo e do mar. O formato, que xa triunfou noutras televisións autonómicas, aposta pola proximidade, o humor e a autenticidade para achegarlles aos espectadores unha visión diferente do rural galego.
Lonxe dos tópicos e das visións tradicionais do campo, o programa propón unha ollada fresca, dinámica e entretida sobre a vida das persoas que traballan na agricultura, na gandaría e no mar. Unha oportunidade para descubrir como é o seu día a día, pero tamén para coñecer as súas inquedanzas, os seus soños, as súas relacións persoais e as súas formas de entender a vida.
Deste xeito, ‘O campo é noso’ poralles cara e voz a homes e mulleres que representan un sector primario vivo, diverso e en constante transformación. Persoas que, ademais de traballar, tamén se divirten, discuten, fan plans de futuro e protagonizan situacións tan sorprendentes como divertidas. O programa amosará un mundo cheo de actividade, de retos e de oportunidades, nun sector en que conviven a tradición e a innovación, en que hai espazo para o esforzo, pero tamén para o humor, as amizades e as pequenas aventuras de cada día.
Un elenco de protagonistas novos con moito que contar
O programa percorrerá diferentes puntos da xeografía galega da man dun grupo de protagonistas que abrirán as portas das súas explotacións, dos seus negocios e, sobre todo, das súas vidas. Todos son xente nova que representa o relevo xeracional dun sector moi vivo. Entre eles estarán Lucía Casal, unha moza gandeira de Melide; Víctor Bascoy, que amosará os segredos e as rutinas dunha explotación leiteira; Saúl Rouco, un mozo de Vilalba que cría porcos nunha fraga e que ten unha maneira moi particular de entender a vida no campo; Aitor Jamardo, que traballa a horta en Romai; Aitor Lata, dedicado ao cultivo de produtos como as sandías en Cesuras, e Manuel Vázquez, vinculado ao mundo do viño e á produción de uva godello en Castrelo do Val. O mar tamén terá un papel destacado coa presenza de María Maceiras, que achegará os espectadores á realidade do marisqueo, un oficio tan esixente como descoñecido para boa parte do público.
‘O campo é noso’ adapta á realidade galega unha fórmula televisiva que xa demostrou a súa capacidade para conectar co público noutras televisións autonómicas, especialmente en Aragón TV, onde ‘El campo es nuestro’ se converteu nun dos formatos máis recoñecibles da súa programación.
A combinación de historias reais, personaxes carismáticos, humor e proximidade é unha das claves dun formato que consegue achegar o campo a públicos de todas as idades. A versión galega manterá esa esencia, pero cunha identidade propia, marcada pola diversidade do territorio, a riqueza dos seus oficios e, especialmente, polo carácter dos seus protagonistas.
AGalega.gal estrea o mércores ‘Amor con interese’, un novo formato dixital que mestura citas e intelixencia artificial

Santiago, 13.10.2026.- AGalega.gal incorpora esta semana novas propostas de entretemento, divulgación e cine, entre as que destaca a estrea de ‘Amor con interese’, un novo formato dixital que pon a intelixencia artificial ao servizo das citas amorosas. A plataforma da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) ofrecerá tamén novas entregas de ‘BenLidos’, ‘Sexo con Senso’ e ‘Bótalle azucre’, así como unha selección de películas de distintos xéneros.
O mércores 14 chega ‘Amor con interese’, un programa de entretemento seleccionado na última convocatoria de contidos dixitais da CSAG. En cada entrega, o influencer Salseología recibe unha persoa solteira que busca parella, sen saber que entre os seus pretendentes se agocha un cibercarracho: alguén que segue un guión creado mediante intelixencia artificial. No primeiro capítulo, o tiktoker Miguel García buscará o amor sen sospeitar que participará nunha cita dobre nin coñecer a verdadeira identidade dun dos participantes. O formato terá unha nova entrega cada mércores durante catro semanas.
Novas entregas de ‘BenLidos’, ‘Sexo con Senso’ e ‘Bótalle azucre’
A divulgación tamén terá o seu espazo na programación semanal. O xoves 15, ‘BenLidos’, presentado por Alba Mancebo, dedicará un novo capítulo a ‘Memorias dun neno labrego’, a obra de Xosé Neira Vilas publicada en 1961 que Iria Aldegunde adapta por primeira vez á banda deseñada. A xornada completarase cun novo episodio de ‘Bótalle azucre’. O venres 16 será a quenda de ‘Sexo con Senso’, o espazo de divulgación sobre sexualidade presentado pola matrona Lidia Lestegás, que nesta entrega abordará o erotismo e afondará no papel do desexo, a imaxinación e o xogo no pracer.
A oferta cinematográfica comezará o martes 13 con ‘Fátima’, película inspirada nas aparicións marianas que narra a historia de Lucía, Jacinta e Francisco, os tres nenos que afirmaron que viran a Virxe María e que tiveron que afrontar o escepticismo dunha parte da sociedade.
‘Mentes marabillosas’, unha historia de amizade entre Louis, un empresario funerario, e Igor, un mozo con discapacidade apaixonado pola filosofía, estrearase o xoves 15. A viaxe que emprenden xuntos levaraos a cuestionar os seus prexuízos e a mirar a vida desde unha perspectiva diferente.
Ao día seguinte, o venres 16, chegará ‘A sentenza’, un drama histórico protagonizado por Victor Dessauer, un empresario xudeu vienés que, tras perder case toda a súa familia a mans dos nazis, intenta levar ante a xustiza o responsable da matanza. Na década de 1960, descubrirá as dificultades de afrontar un sistema xudicial e unha sociedade que aínda non romperan co seu pasado.
Por último, o sábado 17 incorporarase ‘Unha volta con Madeleine’. A película segue a Madeleine, unha muller maior que debe abandonar a súa casa para ingresar nunha residencia e que lle pide a Charles, o taxista que a traslada, que percorra con ela distintos lugares de París que marcaron a súa vida. A viaxe converterase nun encontro de confidencias e lembranzas que acabará transformando os dous protagonistas.
Estes títulos estarán dispoñibles durante 30 días, agás ‘Unha volta con Madeleine’, que poderá verse ata o 20 de outubro.
Televisión de Galicia modifica a súa programación tras o pasamento de Xosé Manuel Beiras

Santiago, 08.10.2026.- Televisión de Galicia modifica a súa programación con motivo do pasamento de Xosé Manuel Beiras. Esta noite emitirase pola segunda canle (23:30 h) unha entrevista en profundidade co histórico dirixente nacionalista no programa ‘Galeg@s’, na que o político aborda, entre outras cuestións, a capacidade de Galicia para decidir sobre os seus recursos, a súa economía e as condicións de vida da cidadanía.
A continuación, a G2 recuperará o primeiro capítulo do histórico programa ‘O veciño do xoves’, emitido en 1987 e presentado por Xosé Ramón Gayoso. Este espazo conserva un momento especialmente singular, no que Xosé Manuel Beiras e o tamén político e profesor Xosé Luís Barreiro compartiron interpretacións ao piano.
Ademais, este venres (17.40 h), a G2 emitirá tres capítulos de ‘Crónicas da transición’ centrados na evolución do galeguismo e do nacionalismo durante a Transición: ‘A resiliencia galeguista interior e exterior’, ‘O renacer do nacionalismo’ e ‘O encerellado camiño cara a un Estatuto digno’.
A plataforma dixital AGalega.gal habilitará unha sección especial, ‘Lembrando a Xosé Manuel Beiras’, que reunirá unha selección de contidos do arquivo histórico da CSAG relacionados coa figura e a traxectoria do político galego.
Bolsas solidarias coa imaxe da TVG, á venda na Fundación AdCor da Coruña

Santiago, 02.10.2026.- Lucir unha bolsa coa imaxe dos programas da TVG volve ser posible nunha nova colaboración da CSAG coa Fundación AdCor da Coruña.
As 'Accións G' da Corporación reciclaron lonas de decorados de programas como 'En xogo’, os telexornais e mesmo o 40 aniversario dos medios públicos en bolsas solidarias. Os usuarios da Fundación AdCor transformaron esas lonas en bolsas e xa están dispoñibles na súa tenda D'Cuero, na rúa Enrique Dequidt da Coruña.
Ademais, este venres o programa ‘Galicia por diante’ da Radio Galega deu voz á iniciativa e regalou varias bolsas aos seus ovintes. A emisora visitou a tenda da Coruña e houbo tempo tamén para unha conversa con usuarios da Fundación. Esta é terceira vez que se une o traballo de AdCor co compromiso social da Corporación, no marco da economía circular e no noso compromiso con apoiar e visibilizar o labor das entidades do terceiro sector de Galicia.
A Fundación ADCOR é unha organización sen ánimo de lucro dedicada a mellorar a vida das personas adultas en situación de dependencia e conta con centros ocupacionais e centros especiais de emprego, entre os seus servizos.
'Sexo con senso' e 'BenLidos', novas apostas de divulgación e servizo público para AGalega.gal

Santiago, 02.10.2026.- A plataforma AGalega.gal incorpora nos vindeiros días novos contidos de divulgación e servizo público, entre os que destacan as estreas de ‘Sexo con senso’ e ‘BenLidos’, dous formatos seleccionados na última convocatoria de contidos dixitais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG). As novas propostas súmanse á programación habitual da plataforma, que continúa ampliando a súa oferta con emisións deportivas, contidos de produción propia e novas estreas cinematográficas.
A primeira novidade chegará hoxe, 2 de outubro, coa estrea dunha nova tempada de ‘Sexo con senso’, o espazo presentado pola matrona e divulgadora Lidia Lestegás. O programa aborda cuestións relacionadas coa sexualidade, o desexo, as relacións e o pracer desde unha perspectiva próxima, rigorosa e libre de tabús. O capítulo inaugural estará dedicado á diversidade sexual e afondará nas diferentes formas de vivir a sexualidade, así como en aspectos vinculados á identidade, á orientación e á expresión sexual. O formato ofrecerá unha nova entrega cada semana ata o 6 de novembro.
Ese mesmo día incorporarase tamén ao catálogo da plataforma o filme ‘Dous bos nachos’, unha comedia de acción protagonizada por un detective privado e un matón a soldo que unen forzas para investigar a desaparición dunha activista medioambiental. A película estará dispoñible durante 30 días.
A programación cinematográfica continuará o sábado 3 coa chegada de ‘Crónica dunha relación pasaxeira’, unha historia sobre unha nai solteira e un home casado que deciden manter unha relación sen compromiso, pero que acabarán descubrindo unha conexión que cuestiona as condicións pactadas inicialmente.
Cómpre salientar a estrea de ‘BenLidos’ (xoves 8), presentado pola xornalista Alba Mancebo. O programa achegará de maneira breve e divulgativa os libros de lectura obrigatoria nos institutos galegos, ofrecendo explicacións, curiosidades e claves para facilitar a comprensión das obras e fomentar o interese pola lectura. O primeiro capítulo estará dedicado a ‘O único que queda é o amor’, de Agustín Fernández Paz, galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2008. A serie contará cunha nova entrega semanal ata o 17 de decembro.
Ao día seguinte, ‘Sexo con senso’ (venres 9) continuará a súa nova tempada cun capítulo centrado nos comportamentos sexistas nas relacións sexuais, co obxectivo de ofrecer ferramentas para identificalos e promover relacións baseadas na liberdade e na igualdade. Ademais, AGalega.gal incorporará ao seu catálogo o thriller ‘A herexía laranxa queimada’, ambientado no mundo da arte.
A oferta de estreas completarase o sábado 10 coa chegada de ‘Rose’, unha película ambientada a finais dos anos noventa que relata a viaxe a París dunha muller que vive nun centro psiquiátrico xunto coa súa irmá e o seu cuñado, unha experiencia que porá a proba a convivencia e a relación entre os tres protagonistas. Permanecerá dispoñible na plataforma durante 30 días.
A TVG e AGalega.gal retransmiten este venres o partido amigable entre o Deportivo e o Porto

Santiago, 30.09.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) ofrece esta semana dúas citas deportivas de gran nivel. O xoves, o Baxi Ferrol xoga a súa continuidade europea ante o Beroe Stara Zagora e o venres o Deportivo recibe en Riazor o F. C. Porto nun amigable con sabor histórico.
Baxi Ferrol-Beroe de Bulgaria, desde A Malata pola G2
Ás oito e cuarto da tarde do xoves, no Pazo de Deportes da Malata, o Baxi Ferrol disputa a volta da eliminatoria clasificatoria da EuroCup feminina de Baloncesto 2026-27 ante as búlgaras do Beroe Stara Zagora, tras xogar a ida en Bulgaria cunha cómoda vitoria por 15 puntos, 61-76. Quen supere esta eliminatoria previa entrará na fase de grupos da segunda competición continental máis importante do baloncesto feminino europeo a nivel de clubs.
O conxunto adestrado por Lino López afronta esta cita cun aval de luxo xa que na súa primeira participación na Eurocopa, na temporada 2024-25, o Baxi protagonizou unha traxectoria histórica que o levou, sen ningún precedente galego, ata a final do torneo, onde caeu fronte ao Villeneuve d'Ascq francés. Aquela campaña, coroada tamén cun posto de cuarto finalista o ano seguinte, converteu A Malata nun escenario habitual do baloncesto europeo e situou ao club ferrolán entre os grandes nomes emerxentes da competición.
A retransmisión do partido chegará a través da G2 e da plataforma AGalega.gal, coa narración de Pedro Pablo Alonso e os comentarios da ex xogadora Carla García.
Deportivo-Porto, o venres desde Riazor pola TVG
O venres. ás sete da tarde, Riazor acolle un partido amigable entre o Deportivo e o FC Porto. O encontro reedita un dos enfrontamentos máis lembrados da historia europea do club, a semifinal de Liga de Campións de 2004 en que un Porto, dirixido por José Mourinho, eliminou o Deportivo de camiño a gañar o título continental aquel ano. Máis de dúas décadas despois, o Dépor e os Dragões volven enfrontarse, agora nun ambiente festivo en Riazor.
A primeira canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal emitirán en directo este amigable, coa narración de Jesús Iglesias e os comentarios do adestrador Tito Ramallo.
AGalegaAudio.gal estrea ‘3x3’, un novo podcast de baloncesto

Santiago, 29.9.2026.- A Radio Galega pon en marcha ‘3x3’, un novo podcast semanal dedicado á actualidade do baloncesto galego e estatal. O espazo estará conducido por Pedro Pablo Alonso, narrador dos partidos de ACB e Liga Feminina Endesa na TVG; Tomás Alonso, xornalista da canle autonómica; e Iago Casal, adestrador e comentarista de baloncesto da TVG. Poderá escoitarse en AGalegaAudio.gal e, ademais, todos os venres, sobre as once da noite, dentro do espazo ‘Galicia en goles’, na FM da Radio Galega.
O primeiro programa conta como convidado co seleccionador español de baloncesto feminino, o vigués Miguel Méndez, que este mes de setembro logrou o bronce no Mundial de Alemaña coa selección española, tras superar a Alemaña (81-58) no partido polo terceiro posto disputado en Berlín, cunha Iyana Martín inspirada (22 puntos, 9 asistencias). España volveu así ao podio mundialista tras caer nas semifinais fronte a Estados Unidos, campión do torneo.
Pedro Pablo Alonso, Tomás Alonso e Iago Casal repasan con Méndez a actualidade da selección e analizan tamén os resultados dos equipos galegos na primeira xornada da Liga Endesa. O Breogán estreouse cunha vitoria de escándalo no Pazo dos Deportes ante o Joventut Badalona, campión da Supercopa Endesa, por 110-104, nun partido no que Danko Brankovic (29 de valoración) e Francis Alonso levaron o peso do ataque celeste. O Obradoiro tamén sumou os dous primeiros puntos na súa volta á ACB, mentres que o Básquet Coruña caeu no Palau Blaugrana fronte ao Barça (119-101), nun choque no que plantou cara durante tres cuartos.
‘3x3’ seguirá cada semana a actualidade do baloncesto galego, cun ollo posto tamén na Liga Femenina Endesa, que arrinca este fin de semana. O feito de que tres equipos galegos compitan tanto na ACB (Breogán, Obradoiro e Básquet Coruña) coma na Liga Femenina Endesa (Uni Ferrol, Ensino e Celta) amosa o gran momento que vive o baloncesto galego, cun total de seis equipos nas máximas categorías estatais, masculina e feminina, e cunha canteira que segue a dar froitos como o do propio Miguel Méndez ao fronte da selección española.
Con esta nova proposta, a Radio Galega e AGalegaAudio.gal amplían a súa aposta polo baloncesto e ofrecen un espazo de análise e debate arredor dun deporte que vive un momento de auxe en Galicia, con clubs históricos consolidados na elite e un fluxo constante de talento propio.
A TVG presenta no Ourense Film Festival as ficcións 'Clínica Miranda' e 'O asasino do pelo roxo'

Santiago, 25.09.2026.- A estrea do documental ‘Kiro’, dedicado á figura da cantante galega Ana Kiro é a primeira cita da TVG na 31ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), que se celebra entre o 25 de setembro e o 4 de outubro. Ademais, Televisión de Galicia presenta no festival dúas propostas de ficción propia para este outono, as series ‘Clinica Miranda’ e ‘O asasino do pelo roxo’. A gala inaugural do OUFF poderase seguir en directo, a través da plataforma AGalega.gal hoxe, ás 20:00 horas.
O documental ‘Kiro’ xira arredor da figura e carreira da cantante galega Ana Kiro, unha cantante icónica e unha das estrelas e presentadoras da TVG durante décadas. Esta produción participa na sección oficial ‘Panorama Galicia’, categoría competitiva que reúne algunhas das obras máis destacadas da creación audiovisual galega recente. Estrearase no Teatro Principal, este sábado, ás 17:00 horas, e volve proxectarse o martes 29, ás 22:00 horas.
Dúas series para o prime time da TVG
TVG presenta nesta edición do OUFF dúas das novas series de ficción que chegarán nos vindeiros meses á pequena pantalla. O xoves día 1 o Teatro Principal de Ourense acolle a proxección (19:30 h) do primeiro capítulo da serie ‘Clínica Miranda’ dentro da sección Fóra de Serie do festival. A produción está ambientada na Pontevedra dos anos 60, nun prestixioso centro sanitario que vive unha profunda transformación coa chegada dun brillante cirurxián formado en Nova York. A acción desenvólvese entre quirófanos, convencións sociais, conflitos de poder e a relación prohibida entre o cirurxián Mario e unha enfermeira de orixe humilde e extraordinario talento. Producida para a TVG por Outro SL, coa participación de Crea SGR, a serie está dirixida por Simón Casal e ten como intérpretes a Lucía Regueiro, Adrián Castiñeiras, Luís Iglesia, David Vilares, Sara Ferro ou Nacho Nugo.
E dentro da sección Xanela do OUFF, que acolle proxectos audiovisuais galegos en desenvolvemento, terá lugar a presentación da ficción ‘O asasino do pelo roxo’, serie sobre un crime que conmocionou Galicia e cuxa investigación se prolongou durante anos. Gravada integramente en galego, a produción combina en seis capítulos a reconstrución dos feitos coa análise da investigación policial e do impacto humano do crime na familia da vítima e na comunidade.
A serie está producida por Zenit TV para a TVG, dirixida por Inés Pintor, e conta no seu elenco con Manuel Estévez, Sergio Abelaira, Adrián Ríos, Xosé M. Esperante, Isabel Garrido, Alberto Rolán, Susana Sampedro, María Tasende e Nacho Castaño, entre outros. A presentación terá lugar o mércores día 30 (12:00 h) no café Ceres 1894 de Ourense.
Radio Galega Música estrea etapa e reforza a aposta polo novo talento galego

Santiago, 14.09.2026.- Radio Galega Música renova este luns 14 de setembro a súa proposta sonora, situando máis firmemente a puxante escena galega actual no centro da súa programación. As voces, bandas e proxectos que están a definir o presente musical de Galicia gañan peso na selección diaria da emisora e convivirán cunha escolma de grandes cancións e artistas de distintas épocas. A proposta busca ofrecer unha identidade recoñecible, próxima e conectada coa audiencia galega.
A radiofórmula continuará acompañando os oíntes durante as 24 horas do día e sen publicidade, cunha programación adaptada aos diferentes momentos da xornada: música para espertar nas primeiras horas, unha selección pensada para o tempo de traballo, unha fórmula máis pausada na sobremesa, música para a volta á casa e unha proposta de descanso durante a madrugada.
Novas noites temáticas e programas de referencia
Ás 22:00 h, as noites de luns a venres manterán a súa aposta polos programas musicais de autor. Os luns, Óscar Losada seguirá á fronte de ‘Raizame’, un espazo aberto ás músicas de raíz, á lusofonía e á creatividade sonora internacional. Os martes, Charly Domínguez regresará con ‘O lobo urbano’ e a súa selección arredor da cultura rock. Os mércores, Manuel de Lorenzo continuará descubrindo en ‘Cara B’ as historias, curiosidades e cancións que se agochan detrás da historia da música.
Os xoves, ‘Ondas indies’ suma unha nova temporada con Marcos Vázquez ao micro. O programa seguirá atento aos novos lanzamentos, concertos, festivais e artistas da escena independente. ‘Saúde e rock and roll’, presentado por Ricardo Alonso, aséntase nas noites dos venres como a cita coa música e coa cultura do rock para abrir a fin de semana.
A fin de semana conservará dous dos grandes espazos de referencia da emisora. Os domingos, ás 15:00 h, Xabier Díaz e Guillerme Fernández volverán con ‘Tres peixes voando’, unha fiestra ás músicas do mundo. Desde as 17:00 h, Emilio Españadero retomará ‘Lume na palleira’, programa especializado na música folk e tradicional galega, atento tamén ás propostas chegadas doutros territorios. Tamén os domingos, ás 22:00 h, MJ Pérez estreitará de novo os lazos musicais co país veciño en ‘De lá para cá’, un percorrido pola música portuguesa actual no que conviven artistas consolidados, proxectos independentes, fado, tradición e novas colaboracións.
Unha emisora máis próxima á creación galega, tamén en AGalegaAudio.gal
Todos os programas estarán dispoñibles en AGalegaAudio.gal, onde a audiencia poderá recuperar os espazos temáticos e escoitalos cando queira. A oferta complétase con Son Galicia Radio, dedicada as 24 horas á música de artistas galegos en galego, e Radio Picariña, a canle musical infantil e xuvenil.
TVG estrea temporada con máis dunha ducia de novas propostas, series, realities e moito entretemento

Santiago de Compostela, 09.09.2026.- ‘MELLOR Á GALEGA’, a programación de outono da Televisión de Galicia vestiuse de gala este mércores na sala Pelícano da Coruña, onde se desvelaron máis dunha ducia de novos contidos de entretemento que abranguen ficción, actualidade, realities, deportes e historia. A TVG presentou a grella da nova tempada cun musical presentado por Xosé Ramón Gayoso, Laura Boado e Arturo Fernández, que se emitirá o venres á noite, e que contou coa asistencia dos equipos de programas e producións da TVG para este outono.
A ficción propia viaxará ao pasado en ‘Clínica Miranda’, produción ambientada na Pontevedra dos anos 60; a crónica negra recente é o xénero de ‘O asasino do pelo roxo’, unha miniserie que descobre a historia real dun caso da recente crónica negra de Galicia; e, ademais, moito humor en ‘Millonarios’, formato de comedia que segue as divertidas situacións da vida de ricos de dous millonarios por accidente, con Xosé Antonio Touriñán e Eva Iglesias como protagonistas.
A canle pública aposta pola proximidade e o ton optimista ao amosar a vida real de persoas anónimas e famosas en cinco realities. ‘Orgullo de familia’ achegará a realidade e as raíces de tres familias xitanas. Máis que tratar sobre relixión, o programa de encontros ‘Bos hábitos’ convida a mirar os curas desde o seu lado máis persoal e a súa interacción coa contorna. Coa ollada posta no rural, ‘O campo é noso’ é un agroreality, que segue o día a día de mozos e mozas agricultores e gandeiros. O coñecido experto en conduta animal Octavio Villazala abre as portas do seu centro en ‘Octavio e os seus animaliños’. E a artista Pili Pampín será a protagonista xunto coa súa familia no reality ‘Planeta Pampín’.
Servizo público, alfabetización mediática e investigación
A historia como nunca se viu chega con ‘Os Crononautas’, un espazo presentado por David Vilares e Trisha Fernández que viaxa no tempo para coñecer momentos clave da nosa historia, con recreacións de grande impacto visual, apoiadas no uso da IA. Amais, a TVG ten prevista a estrea dun espazo cunha clara vocación de servizo público, ‘Desaparecidos’, que intentará atopar respostas aos centos de casos de desaparicións sen causa aparente e que se suma ao programa de investigación ‘Expediente oculto’.
Os espazos de decoración e rehabilitacións, ‘Casa de cor’ e ‘Galicia bonita’, veranse complementados con ‘A miña casa ten flow’, no que Yayina Torres desenvolverá reformas orientadas a mellorar a funcionalidade dos espazos. E no apartado da divulgación, cómpre salientar a estrea de ‘Conexión segura’, programa de investigación que se introducirá no lado oculto da Internet para revelar como operan os cibercarrachos e, sobre todo, como hai que protexerse deles; ademais, ‘Mirada allea’ achegará as historias de persoas que deciden asentarse en Galicia e ‘Cos pés no mar’ dará a coñecer as historias de persoas que fan unha aposta vital polo mar.
Máis ‘Land Rober’, ‘En compañía de Loli’, ‘Luar’ ...
E, por suposto, seguen os clásicos comandados por ‘Luar’ e ‘Land Rober’, aos que se lle suman novas temporadas de ‘Bailamos anónimos’, ‘A liga dos cantantes extraordinarios’, ‘Talentos extraordinarios’ e ‘A orquestra perfecta’. Tamén se seguirá gozando das novas entregas de espazos queridos polos espectadores como ‘Curando o mundo’ ou ‘Latitude galega’, así como os magazines que achegan en directo o día a día da nosa comunidade: ‘O termómetro’, ‘Hora galega’, ‘En compañía de Loli’ e ‘Tarde piaches’, neste caso nas fins de semana.
Máis fútbol, Primeira RFEF e Celta Fortuna e Liga Endesa de baloncesto
O compromiso co deporte galego poténciase: TVG e AGalega.gal son a fiestra de referencia para os afeccionados ao fútbol coa emisión en aberto dun partido por xornada da Primeira RFEF grupo primeiro, con cinco equipos galegos -Pontevedra, Rácing de Ferrol, Club Deportivo Lugo, Unión Deportiva Ourense e Fabril Deportivo-. A canle pública seguirá de preto tamén o Celta Fortuna, o filial celeste que debuta na Segunda División, e do que retransmitirá 12 partidos ata maio do 2027.
E os domingos ao mediodía será a quenda do baloncesto. Cada xornada emitirase un partido da Liga Endesa con presenza galega -Río Breogán, Monbus Obradoiro e Leyma Coruña-. En total, serán retransmitidos seis derbis e 34 encontros da competición regular. E a G2 retransmitirá tamén os partidos europeos do Río Breogán.
TVG reforza a información de proximidade e a presenza no territorio galego na nova temporada

Santiago, 07.09.2026.- Televisión de Galicia presenta este luns a súa programación informativa para a temporada 2026-2027, cunha oferta que sitúa Galicia e a información de proximidade no centro da súa proposta. A presenza no territorio galego, os directos, o xornalismo propio e a vontade de ofrecer máis contexto e profundidade marcarán unha temporada que contará con María Cheda, Raúl Quián, Marta Darriba, Pablo Muñoz, Chus Tanoira e David Valverde entre as súas principais caras.
Máis territorio galego e directos desde primeira hora
María Cheda estará á fronte do ‘Bos Días’, de luns a venres entre as 08:00 e as 10:30 horas. O programa reforzará a súa vocación galega e terá nos directos e nas conexións co territorio galego un dos seus principais fíos condutores, coa intención de estar alí onde se produce a actualidade. O ‘Bos Días’ potenciará tamén a explicación dos asuntos que marcan a xornada, incorporando especialistas en diferentes ámbitos para ofrecerlle á audiencia claves e contexto sobre a actualidade galega.
Un mediodía con máis proximidade e profundidade
A información de proximidade terá un protagonismo especial no ‘Galicia Noticias’, que presentará Raúl Quián de 13:55 a 14:25 horas. O espazo centrará a súa atención nos sucesos, na sociedade comarcal e nos asuntos que afectan directamente á vida cotiá galega, cunha cobertura territorial equilibrada que lle dea presenza ao conxunto de Galicia.
Ás 14:25 h, Marta Darriba tomará o relevo no ‘Telexornal’, o principal informativo do mediodía, que abordará con maior profundidade as grandes cuestións da actualidade galega.
Pablo Muñoz, á fronte da edición serán do ‘Telexornal’
A edición da noite, a partir das 21:00 h e presentada por Pablo Muñoz, apostará especialmente por facer avanzar as noticias ao longo do día, actualizando os asuntos tratados ao mediodía con novos desenvolvementos, novas voces e novos enfoques. O obxectivo é que o espectador atope cada noite un informativo que incorpore valor á actualidade galega e que constrúa tamén unha axenda propia de Galicia.
Chus Tanoira e David Valverde, na fin de semana
A oferta informativa reforzarase tamén durante a fin de semana. Chus Tanoira presentará o ‘Bos Días’ dos sábados e domingos, cunha posta ao día áxil da actualidade e atención tamén á axenda cultural e de lecer galego.
David Valverde será a cara do ‘Telexornal’ na fin de semana, tanto ao mediodía como pola noite. A edición de mediodía combinará a actualidade galega coa información útil e de servizo, con atención ao tráfico, á meteoroloxía e ás propostas culturais e de lecer de Galicia. Pola noite, apostarase pola profundidade, a explicación e os directos, desenvolvendo os asuntos clave da xornada con novos materiais e enfoques para ampliar e contextualizar a información ofrecida ao mediodía.
A fin de semana incorporará ademais ‘Atmosféricos’, un novo formato presentado por Diego Viaño que tomará a meteoroloxía como fío condutor para contar Galicia a través do clima, a natureza e o medio ambiente galego.
‘En Xogo’, nova referencia para a información deportiva galega
A información deportiva afronta tamén unha nova etapa. Os principais espazos de deportes de TVG agrúpanse baixo a marca ‘En Xogo’, co obxectivo de construír un selo recoñecible para a audiencia e cunha aposta por un xornalismo deportivo máis próximo e narrativo.
O compromiso co deporte galego poténciase durante esta campaña. A TVG e AGalega.gal seguirán sendo a fiestra de referencia para os afeccionados ao fútbol profesional, coa emisión en aberto dun partido por xornada da Primeira RFEF, grupo primeiro, en que compiten cinco equipos galegos: Pontevedra, Rácing de Ferrol, Club Deportivo Lugo, Unión Deportiva Ourense e Fabril Deportivo.
A canle pública seguirá de preto tamén a participación do Celta Fortuna no fútbol profesional. O filial celeste, que debuta esta temporada na Segunda División, contará con 12 partidos retransmitidos pola primeira canle da TVG e de AGalega.gal ata maio de 2027.
Os domingos ao mediodía será a quenda do baloncesto. A TVG e AGalega.gal emitirán cada xornada un partido da Liga Endesa con presenza galega: Río Breogán, Monbus Obradoiro e Leyma Coruña. En total, ofreceranse seis derbis galegos cun total de 34 encontros da competición regular. Tamén a G2 retransmitirá os partidos europeos do Río Breogán.
Carlos Macía presentará o ‘En Xogo’ do mediodía, con Terio Carrera nos exteriores; Lorena Pose estará á fronte da edición da noite de luns a venres, e Irene Lourido presentará as edicións de mediodía e noite da fin de semana. Óscar Benito estará á fronte dos espazos ligados ás retransmisións dos sábados e domingos, mentres que Gustavo Varela presentará o resumo da xornada do domingo na G2.
A nova proposta deportiva ten como prioridade o deporte galego, desde os principais equipos de fútbol ata as categorías con ampla representación de clubs de Galicia, o baloncesto e as competicións femininas.
Xornalismo en profundidade e información especializada
A programación informativa mantén ademais a súa oferta de xornalismo especializado. ‘No Foco’, presentado por Marcos Sueiro, continuará afondando nos temas e protagonistas que marcan a axenda, ofrecendo o contexto e a perspectiva que non sempre poden desenvolver os informativos diarios. A oferta complétase con ‘Vivir o Mar’, ‘Labranza’, ‘Parlamento’, ‘Café sen Gotas’ e ‘Zigzag’, reforzando a presenza na programación da información do mar galego, do rural galego, da actividade parlamentaria galega e da cultura galega.