O programa 'Efervesciencia' da Radio Galega gaña o Premio Prismas Casa das Ciencias da Coruña - CSAG
O programa 'Efervesciencia' da Radio Galega gaña o Premio Prismas Casa das Ciencias da Coruña
O galardón, un dos máis recoñecidos da área de divulgación científica, foi concedido á edición titulada ‘Calvet en bicicleta’, centrada no bioquímico Fernando Calvet e realizada con público no Teatro Colón
Dirixido por Manuel Vicente, este programa de radioteatro contou coas voces ao vivo de César Goldi, Avelino González, Manu Fernández e Estíbaliz Espinosa

Santiago, 21.09.2026.- O programa de divulgación científica da Radio Galega ‘Efervesciencia’ foi galardoado co Premio Prismas Casa das Ciencias da Coruña ao mellor programa de radio pola edición titulada ‘Calvet en bicicleta’, realizada con público no Teatro Colón, no marco do festival Coruña Comunica Ciencia.
Dirixido por Manuel Vicente, este programa de radioteatro contou coas voces ao vivo de César Goldi, Avelino González, Manu Fernández e Estíbaliz Espinosa, o piano de Juanjo Fernández e o contexto de Rosa Pedrido e Estíbaliz Espinosa. O premio foi concedido por aproveitar todas as posibilidades dunha experiencia estética sonora integral.
Esta emisión está centrada na figura de Fernando Calvet, un catedrático de Química innovador na docencia e na investigación que desenvolveu o seu traballo nos anos 30 do século pasado. As novas autoridades franquistas desterraron e expulsaron a Calvet da súa cátedra na Universidade de Santiago. O científico resistiu e logrou grandes fitos na industria farmacéutica, mesmo coa aquiescencia do réxime que quixo afogar a súa vida. ‘Calvet en bicicleta’ é unha historia de solidariedade e mérito científico que se ramifica en direccións inesperadas, algunhas en bicicleta, e que chegan a hoxe en día.
Os Prismas de Bronce, un dos galardóns máis recoñecidos da área da divulgación científica, entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 14 de novembro no Concello da Coruña.
