O thriller da TVG 'Punto Nemo' gaña o premio á Mellor Serie nos Galardóns La Alcazaba de Ávila - CSAG
O thriller da TVG 'Punto Nemo' gaña o premio á Mellor Serie nos Galardóns La Alcazaba de Ávila
Os produtores Mamen Quintas e Julio Casal recolleron este luns o recoñecemento á produción, que terá continuidade na canle galega cunha segunda tempada
A serie é unha coprodución de Ficción Producciones e Ukbar Filmes, coa colaboración da Xunta de Galicia, a RTP, a Deputación de Pontevedra e a Galega

Santiago, 30.6.2026.- A serie de suspense e ciencia ficción ‘Punto Nemo’, que conta co apoio da Televisión de Galicia, recibiu este luns o premio á Mellor Serie/Thriller nos XXI Galardóns La Alcazaba, en Ávila, que recoñecen cada ano o talento e a excelencia no ámbito da cultura, o audiovisual e o entretemento. O galardón foi recollido por Mamen Quintas e Julio Casal, produtores executivos de Ficción Producciones.
‘Punto Nemo’ é unha coprodución de Ficción Producciones e Ukbar Filmes, realizada coa colaboración da Xunta de Galicia, a Radiotelevisão Portuguesa (RTP), a Deputación de Pontevedra e a Televisión de Galicia. A súa primeira tempada foi emitida na TVG, e a segunda xa foi rodada e chegará proximamente á canle galega.
Dirixida por Denis Rovira, ‘Punto Nemo’ é un thriller de ciencia ficción que segue unha expedición oceanográfica no Pacífico para concienciar sobre a contaminación mariña causada pola acumulación de plásticos. A serie converteuse nunha das producións máis destacadas da ficción televisiva recente e está protagonizada por Óscar Jaenada, Alba Flores e Maxi Iglesias.
Os novos capítulos, rodados entre Galicia, Portugal e as illas Canarias e dirixidos por Álex Rodrigo, retomarán a historia tras a explosión do laboratorio ruso, cun grupo de superviventes que deberá facer fronte a unha illa cada vez máis hostil, marcada pola escaseza de recursos, os experimentos soviéticos, criaturas híbridas e unha ameaza biolóxica con potencial alcance global.
