div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Noticias corporativas

Publicador de contidos

'Na Gloria', a nova comedia da CRTVG, con Cristina Castaño e Dani Rovira, preséntase este mércores en Culleredo

Dani Rovira e Cristina Castaño, protagonistas da serie

Santiago, 07.02.2024.-    Hoxe preséntase en Culleredo, onde se está a rodar estas semanas, a nova serie da CRTVG: ‘Na Gloria’, unha comedia dirixida ao público familiar que proximamente se converterá na primeira grande estrea de ficción, e en exclusiva, de AGalega, a nova plataforma OTT da CRTVG.

A serie preséntase este mércores ás 19:00 h no pazo de Vilaboa de Culleredo, coa presenza do elenco da serie, protagonizada pola actriz galega Cristina Castaño, o intérprete andaluz Dani Rovira, Xosé Antonio Touriñán, David Perdomo e Lucía Veiga.

‘Na Gloria’ é un proxecto orixinal de Andrés Mahía, Xosé Castro e Xosé Antonio Touriñán, coa produción de Tex45 e Undodez. A trama desenvólvense na imaxinaria A Gloria, unha pequena localidade ao pé do Camiño Francés onde unha executiva en crise existencial (Cristina Castaño) decide darlle un cambio radical á súa vida e converter a casa dos seus avós nun hotel para peregrinos. Para levar a cabo o seu soño contará coa axuda do seu mellor amigo, un chef vegano de fama internacional (Dani Rovira). A chegada dos dous chocará coa vida da aldea, en que a protagonista viviu os felices veráns da infancia, pero onde agora vai atopar todo tipo de situacións de estrés.

Esta comedia de 15 capítulos, dirixida ao público familiar, retrata o choque de dous mundos: o dos 'urbanitas', que idealizan as bondades do campo, e o dos ‘ruralitas’, que soñan coas oportunidades que lles foron negadas.

ler máis

O debate electoral acada o 18% de audiencia na TVG

Santiago, 06.02.2024.-  O debate electoral organizado pola Corporación de Radio e Televisión de Galicia CRTVG, este luns 5 de febreiro, acadou unha gran resposta de audiencia cun 18% de cota de pantalla, sendo o máis visto dos últimos tres comicios autonómicos (2016, 15,3%; e 2020, 15,8%).

A programación especial da TVG, con máis de 5 horas de directo, incluíu a chegada dos candidatos, dous faladoiros, e a audiencia tamén puido ver os momentos previos e posteriores ao debate cos candidatos e asesores dentro do plató. O debate estivo moderado polos xornalistas Marta Darriba, redactora xefa, e Alejandro López, subdirector da Área de Información e Documentación da CRTVG.

A cita reuniu os candidatos -Alfonso Rueda, polo PPdeG; Ana Pontón, polo BNG; José Ramón Gómez Besteiro, polo PSdeG; Marta Lois, por Sumar Galicia; e Isabel Faraldo, de Podemos Galicia- nun evento que foi a primeira retransmisión da Televisión de Galicia desde o seu novo plató 300, a nova casa dos informativos da Televisión de Galicia que inauguraba as súas emisións con esta retransmisión.

 

Máis innovación
Á marxe da estrea do novo plató, a CRTVG emitiu un debate electoral por primeira vez a través da súa nova plataforma de contidos dixitais: ‘AGalega’. A través da plataforma puido verse o sinal do debate e simultaneamente o debate accesible en lingua de signos. Amais de na nova plataforma, o evento puido ser seguido a través de todas as canles convencionais da TVG e da Radio Galega, que contou tamén con programación especial ao redor da cita electoral.

 

ler máis

Os medios públicos galegos ofrecen o luns o debate electoral, cunha programación especial desde as 19:45 h

Santiago, 02.02.2024.-    A CRTVG organiza e emite o vindeiro luns 5 de febreiro o  debate electoral para os comicios autonómicos do 18F entre as cinco formacións políticas que teñen en Galicia carácter de ‘grupo representativo’ ou de ‘grupo político significativo’ segundo a Xunta Electoral de Galicia.

O debate celebrarase a partir das 21:30 h e poderase seguir a través da Televisión de Galicia, a Radio Galega, a G2 -con intérprete de lingua de signos- e tamén a través dos medios dixitais da Corporación. Será a primeira retransmisión que vai facer a CRTVG desde o seu renovado Estudio 300 de Informativos. Estará moderado polos xornalistas Marta Darriba e Alejandro López, redactora xefa e subdirector da Área de Información e Documentación da CRTVG, respectivamente.

Os candidatos -Alfonso Rueda, polo PPdeG; Ana Pontón, polo BNG; Xosé Ramón Gómez Besteiro, polo PSdeG; Marta Lois, por Sumar Galicia, e Isabel Faraldo, de Podemos Galicia- poderán confrontar as súas posicións sobre asuntos de máximo interese para a cidadanía, distribuídos en tres bloques temáticos: un primeiro sobre políticas económicas e orzamentarias, en que se falará de emprego, industria e transición ecolóxica; un segundo sobre políticas sociais e financiamento do benestar, que inclúe educación, sanidade, igualdade e lingua, e un terceiro de modelo institucional para falar de pactos, gobernabilidade e a voz de Galicia no Estado.

Estrea do novo estudio 300 e ampla cobertura

Co gallo do debate, a CRTVG ofrecerá unha programación especial cun ‘Especial Informativo’ na TVG desde as 19:45 h, presentado por Marcos Sueiro e no que se contará con catro analistas que irán debullando os instantes previos e que tamén intervirán no espazo de reflexión posterior ao debate (23:30 h). Son Ana Luísa Bouza, licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía; María Bastida, profesora da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago; Xosé Luís Gómez, xornalista e editor de Mundiario, e Roberto L. Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional. Tamén a Radio Galega ofrecerá este debate con espazos de análise antes e despois do mesmo.

Para esta ampla cobertura, a CRTVG despregará un amplo dispositivo de recursos humanos e técnicos para garantir a calidade e pluralidade que require un debate electoral de máximo nivel, que se realizará desde o remodelado Estudio 300 da Televisión de Galicia. A CRTVG facilitará tamén o sinal para a súa difusión gratuíta e material gráfico do evento a todos os medios.

Tanto a fórmula para a asignación de tempos a cada formación no Plan de cobertura da CRTVG, como o carácter de ‘representativo’ ou ‘significativo’ dos diferentes grupos veñen establecidos pola Lei Orgánica de Réxime Electoral (LOREG) e as instrucións da Xunta Electoral de Galicia.

ler máis

A TVG participará en nove novos proxectos cinematográficos: sete películas e dous documentais

Santiago de Compostela, 26.01.2024.- Televisión de Galicia vai participar en nove novos proxectos cinematográficos, sete deles películas e dous documentais, segundo resolveu este venres a Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica da CRTVG, dando cumprimento á resolución da Dirección Xeral da Corporación RTVG do 4 de abril de 2022 relativa ao procedemento de presentación de proxectos de producións audiovisuais de interese, no marco do coñecido como apoio do 9 %. Son sete novos proxectos cinematográficos e dúas longametraxes documentais, unha delas un documental de creación.


Entre as longametraxes cinematográficas atópanse cinco producións de identidade galega e con claro carácter autoral: ‘As augas’, producida por Maruxiña Film Comany, ópera prima da actriz Ledicia Sola, que presenta un drama intimista a partir dunha vivencia persoal; ‘Petróleo’, producida por Zuzú Cinema, que nace dun novo talento emerxente do noso cinema, Álvaro Pulpeiro, e que se pode definir como un wéstern moderno; ‘Onte á noite conquistei Tebas’, un novo proxecto de Filmika Galaika que significará o debut cinematográfico de Gabriel Azorín e que une relatos en épocas distantes nun lugar común: as termas de Bande; ‘Monstro’, cine fantástico dirixido por Andrés Goteira no que o protagonista transita mundos misteriosos; e ‘Tralovento’, unha proposta artística dirixida por Eloy López Serén que ofrece un retrato íntimo nunha aldea rural.

As outras dúas longametraxes teñen outros compoñentes: ‘Revolución sen sangue’ é un proxecto de Producións A Fonsagrada que documenta desde a ficción un momento crucial na historia política e social non só de Portugal, senón tamén na nosa propia; e ‘Leo & Lou’, unha película aberta e amable con rodaxe íntegra en Galicia que ten como ambición chegar ao gran público.

 En relación ás longametraxes documentais, a selección prevé dous proxectos de corte diferenciado: un documental producido por Miramemira que aborda a vida e repercusión social dunha icona da cultura popular e musical galega, ‘Ana e máis nós’, pero coa singularidade de que o foco se centra na relación da artista Ana Kiro e o seu público; o outro proxecto, ‘Prefiro Condenarme’, é un documental creativo que conta a historia real dunha muller maltratada desde a perspectiva da cineasta Margarita Ledo que utiliza os lugares e as imaxes de arquivo como ferramentas para que aflore a memoria.

Toda a información atópase no Portal de Transparencia da CRTVG.  

Nas súas seleccións, a Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica da CRTVG baséase en criterios como:


- Favorecer a tarefa común de creación e sostemento dun sector audiovisual en Galicia que busque tamén unha mellora da sociedade, mesmo no aparentemente máis simple cometido do tempo libre e de lecer.
- Apoiar na creación audiovisual unha identidade propia como un proceso aberto onde a Corporación participe en proxectos de promoción e ampliación de produtos feitos polo sector da creación cinematográfica e como servizo que promova a garantía da continuidade dos sinais identitarios da Comunidade.
- Participar en proxectos que destaquen pola súa creatividade, calidade, viabilidade e con capacidade de repercusión na sociedade, polos medios tradicionais ou a través da súa presenza mediática nas redes sociais.
- Facer un esforzo adicional no investimento en proxectos presentados do ámbito cinematográfico, que inclúe a Lei 13/2022, do 7 de xullo, de paso que se contribúe a financiar películas e documentais, ben participando directamente na súa produción ou ben mediante a adquisición de dereitos, de acordo co Real Decreto 988/2015 do 30 de outubro.
- Ademais da calidade e viabilidade, préstase atención ao valor artístico e ao vencellamento coas realidades social e cultural galegas.
- Téñense en conta, asemade, os recursos humanos, biografías dos autores e historia das produtoras. De igual xeito, valóranse os recursos económicos implicados, así como as gravacións en territorio galego.
 

ler máis

A CRTVG convida ao seu debate as forzas políticas que a Xunta Electoral central considera como "representativas" e "significativas" en Galicia

Santiago, 22.01.2024.-   A Corporación Radio e Televisión de Galicia ofrece un debate entre as cinco formacións máis representativas da comunidade, seguindo os criterios marcados pola Xunta Electoral. A el están convidados os candidatos e candidatas do Partido Popular de Galicia, Bloque Nacionalista Galego, Partido Socialista de Galicia, Sumar Galicia e Podemos Galicia.

O debate, tal como xa fora anunciado pola propia Corporación, celebrarase o día 5 de febreiro ás 21:30 h no renovado estudio 300 de San Marcos. Estará moderado polos xornalistas Marta Darriba e Alejandro López, redactora xefa e subdirector da Área de Información e Documentación da CRTVG, respectivamente.

Os candidatos confrontarán argumentos en base a tres bloques temáticos, que se estruturarán nas seguintes áreas:
    1. Políticas económicas e orzamentarias. Emprego, industria e transición ecolóxica.
    2. Políticas sociais e financiamento do benestar. Fiscalidade, educación, sanidade, igualdade e lingua.
    3. Modelo institucional, pactos, gobernabilidade e voz de Galicia no Estado.

Grupos políticos representativos e significativos

Ao debate están convidadas cinco formacións, tres en calidade de forzas representativas e dúas en calidade de grupos políticos significativos, segundo os criterios da Xunta Electoral. As tres formacións representativas son PPdeG, BNG e PSdeG, por ser as que lograron representación nos últimos comicios equivalentes: nas eleccións autonómicas de 2020 obtiveron 42, 19 e 14 deputados, respectivamente.

A Corporación tamén convida a este debate os grupos políticos que actualmente cumpren cos criterios para seren considerados significativos. Un grupo político significativo é aquel que, malia non obter representación nos últimos comicios equivalentes (neste caso, as eleccións autonómicas de 2020), si obtivo unha porcentaxe significativa de voto en Galicia (máis do 5%) en comicios posteriores.

Os dous grupos políticos significativos confirmados pola Xunta Electoral son as coalicións Sumar Galicia e Podemos Galicia. Ambas contan con esta consideración por ter integrado unha mesma coalición nas eleccións xerais do 23 de xullo de 2023, que obtivo o 10,92% do voto válido no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Nun escrito do 20 de xaneiro, a Xunta Electoral confirma que ambas coalicións deben ter a consideración de grupo político significativo a efectos de cobertura dos medios públicos no ámbito galego. Ningunha outra formación fóra das citadas logrou máis dun 5% do voto en Galicia en ningún dos comicios posteriores ás últimas eleccións autonómicas.

ler máis

Nace ‘AGalega’, a plataforma dixital de contidos da CRTVG

Acto de estrea da nova plataforma dixital, AGalega, este 17 de xaneiro en Santiago

Santiago, 17.01.2024.-  “AGalega é moito máis”. Este é o slogan co que nace a plataforma dixital de contidos audiovisuais da CRTVG: ‘AGalega’. Coa súa estrea, a CRTVG reconfigura a súa estrutura dixital e ofrece os seus contidos de ficción, entretemento, cine, series, animación, documentais, podcasts, directos e contidos exclusivos, a través da maior plataforma dixital audiovisual en galego do mundo.

            ‘AGalega’ incorpora máis de 1.400 contidos audiovisuais que están xa a disposición da audiencia, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. ‘AGalega’ nace con dúas apps integradas, pero que tamén se poden descargar de forma individual. Para os máis cativos, nace a nova app ‘Xabarín’ con novidades como ‘Os Argonautas e a moeda de ouro’ ou ‘Valentina’, que se vai estrear como contido exclusivo na plataforma. A app do ‘Xabarín’ estréase tamén con máis de 1.400 contidos propios xa publicados.

            E arranca ademais ‘AGalega Audio’, con todos os servizos e canles da Radio Galega integrados, cos directos e contidos exclusivos. Un novo xeito de consumo que incorpora a radio visual, coa programación desde o estudio multimedia e ao que se suman todos os podcasts e contidos nativos dixitais, cun total de 4.500 audios xa dispoñibles na app.

Á ‘AGalega’ pode accederse vía web a través de www.agalega.gal, e tamén pode descargarse AGalega (escrito sen espazos) desde Google Play e App Store. En febreiro estará dispoñible nas televisións intelixentes, en Fire TV, LG e Samsung. Ao xeito das plataformas dixitais internacionais, recoméndase o rexistro para gozar de todas as posibilidades que se lle ofrecen ao usuario: a suxestión de títulos que poden gustar, a posibilidade de engadir contidos á lista propia ou recibir as notificacións coas últimas novidades.

‘AGalega’ contará con todas canles de directo de televisión e radio que ofrece agora mesmo a CRTVG, polo que poderá verse a televisión convencional tamén a través desta plataforma. 

Contidos exclusivos e series míticas

Os contidos tanto da plataforma como das apps irán mudando e medrando. ‘AGalega’ parte xa con contidos exclusivos que só se poderán ver na plataforma. Series como ‘Na Gloria’, interpretada por Xosé Touriñán e Dani Rovira, ou ‘Ghuasapp’ verán a luz exclusivamente na contorna dixital.         

‘Os sen nome’, un documental sobre o accidente aéreo ocorrido en Montrove, é outro dos contidos únicos; a película gañadora dun Goya ‘Valentina’ tamén será contido exclusivo, así como a sección de música, chamada ‘Palco’, contará co último concerto de Amancio Prada coa Filharmonía de Galicia, entre outros contidos.

A plataforma contén as series míticas da TVG combinadas coas máis modernas. ‘Padre Casares’, ‘Pratos combinados’ ou ‘Mareas vivas’ comparten escena coas novas creacións que tamén marcaron época: ‘Saudade de ti’, ‘Auga Seca’, ‘A Estiba’, ‘Operación Marea Negra’, ‘O sabor das margaridas’, ‘O faro’, entre moitas outras.

            A gala de presentación, este mércores na Cidade da Cultura

A gala de presentación de ‘AGalega’ tivo lugar este mércores na Cidade da Cultura de Santiago. O acto estivo presentado por Esther Estévez e Miguel Mandayo, e interviñeron Xosé Pereira, director da área de Innovación e Negocio da CRTVG, e Rosa Vilas, adxunta da dirección xeral e directora de Organización e Xestión do Cambio. Pechou o evento o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Entre os máis de 250 asistentes contábase unha nutrida representación de autoridades, con presenza de directores xerais doutros entes da FORTA, do sector audiovisual galego e tamén de traballadores da Corporación.

A finalización deste proxecto de plataforma OTT (over-the-top) marca un fito na culminación do proceso de dixitalización da Corporación que se verá completado coa estrea do novo plató 300 de Informativos. Na actual contorna internacional, coa data da fin das emisións en TDT prevista para 2030, a CRTVG culmina a súa transición ao eido dixital e abre o tempo do consumo á demanda, en aberto, dos contidos en lingua galega para todo o mundo.

ler máis

'Xente Marabillosa' recolle o Premio Iris da Academia da Televisión ao mellor programa autonómico

Santiago, 17.01.2024.-    O espazo da Televisión de Galicia ‘Xente Marabillosa’ recibiu este martes en Madrid o Premio Iris ao mellor programa autonómico, concedido pola Academia da Televisión na 25ª edición destes galardóns. O formato emítese tamén en Canal Sur, Televisión Canaria, Telemadrid e CMMedia, a canle de Castela A Mancha.

‘Xente Marabillosa’ é un espazo presentado por Lucía Rodríguez, no prime time dos mércores da TVG, que amosa o lado bo do ser humano e premia as persoas que actúan excepcionalmente nunha situación inxusta. Para iso, recrea con actores noticias reais de discriminación ou inxustiza social, co asesoramento de ONG e asociacións. As cámaras ocultas buscan a reacción de persoas anónimas e famosos neste contexto. Cando defenden a quen sofre un tratamento inxusto, o programa destaca o seu xesto e pono como exemplo de civismo e bos valores.

Cos Premios Iris, a Academia da Televisión e das Ciencias e Artes do Audiovisual, salienta o traballo das canles que emiten en España en aberto na TDT a nivel nacional ou autonómico. Este martes conmemoraron o seu 25º aniversario nunha gala celebrada no Gran Teatro Caixabank Príncipe Pío de Madrid e en que se lle rendeu homenaxe á historia dos Premios neste cuarto de século.

ler máis

A CRTVG fomenta a lingua entre a mocidade co programa '21 días co galego e +'

Santiago, 17.01.2024.-   A CRTVG colabora na sexta edición de ‘21 días co galego e +’, un programa de fomento da lingua entre a infancia e a mocidade, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Este ano, a iniciativa ten por lema ‘Medrando en galego’, e desenvolverase ata o 6 de febreiro con espazo no programa da RG ‘Galicia por diante’ e no ‘DígochoEu’ da G2 para a difusión dos proxectos dos dez centros educativos galegos participantes.  

    O programa matinal radiofónico ‘Galicia por diante’, que colaborou en todas as edicións da iniciativa, ofrecerá de luns a venres, unha sección diaria a ‘21 días co galego e +’, en que alumnado e profesorado falarán dos temas dos seus proxectos, mentres que no ‘DígochoEu’ haberá encontros virtuais co alumnado e realizaranse vídeos propios para este espazo da CRTVG arredor da lingua.   

Ademais de comprometerse a falar en galego 24 horas ao día durante 21 xornadas, os estudantes realizarán propostas arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) que lles permitan reflexionar en galego sobre as preocupacións da sociedade actual, mellorando a súa formación como cidadás e cidadáns críticos e responsables co medio natural e social. As súas accións e creacións audiovisuais mostraranse no blog da iniciativa ( (blogs.xunta.gal/ 21diascogalegoemais/) e tamén nos soportes da CRTVG. 
    
Esta edición de ‘21 días co galego e +’ é a que acadou maior resposta ata a data, con 4.549 participantes entre profesorado, persoal de administración e servizos dos centros educativos e un total de 4.117 alumnos e alumnas de educación infantil e primaria. O programa naceu para impulsar 

ler máis

A TVG pecha 2023 cun 11 % de audiencia, o mellor dato desde 2012

Santiago, 02.01.2024.- A Televisión de Galicia pechou o 2023 no 11% de cota, o dato máis elevado desde hai once anos. A Galega é a preferida da audiencia tanto para informarse como para se entreter. Así, os espazos informativos da TVG son os máis vistos en Galicia, e no entretemento, na franxa máis vista do día, o prime time, a TVG acadou un 11,1 % de media, a cota máis elevada dos últimos sete anos.

    Nun momento de importantes avances, marcados polo forte investimento en innovación tecnolóxica e a piques de estrear a nova plataforma dixital, a TVG segue a ser un ano máis a canle pública máis vista de Galicia, superando a TVE en case 2 puntos (9,3%).

 

Líder en informativos

Os servizos informativos da TVG foron os máis vistos en Galicia neste 2023. Contaron cunha audiencia total de 2.415.000 telespectadores, o 91,8 % dos galegos de catro e máis anos.

Neste eido destacan as cotas dos informativos da franxa do mediodía, o espazo de noticias de proximidade ‘Galicia noticias’, cunha media anual do 20,8 %, e o ‘Telexornal mediodía’, cunha cota media do 18,8 %. Por días da semana, salientaron as cotas de pantalla dos días laborables: luns (11 %), martes (11,2 %), mércores (11,3%), xoves (12,4%) e venres (12,1%). E no prime time os datos dos xoves (12,4 %) con ‘Land Rober Tunai Show’, os venres con ‘Luar’ (12,3 %) e os sábados con ‘Bamboleo’ (11,1 %).

    Por outra parte, TVG segue a ser un ano máis unha das canles motor da rede de televisións autonómicas de FORTA, superando este grupo en 2,5 puntos de cota.  
 

ler máis

FORTA e a Sociedade Española de Psiquiatría e Saúde Mental acordan un decálogo de tratamento destes temas nos medios

Santiago, 28.12.2023.-  A saúde mental converteuse nunha preocupación crecente para os españois. A forma en que isto se aborda nos medios pode contribuír a concienciar a sociedade sobre os problemas psiquiátricos, pero tamén é importante evitar erros e prexuízos que perpetúen estereotipos ou estigmas asociados a este problema. A Federación de Organismos Autónomos de Radio e Televisión (FORTA) e a Sociedade Española de Psiquiatría e Saúde Mental (SEPSM) acordaron un decálogo de recomendacións para xornalistas e profesionais das entidades socias da FORTA.

    O decálogo, coordinado na SEPSM polo doutor Luis Caballero, recolle pautas prácticas como evitar “xeneralizacións abusivas ou non comprobadas”, empregar unha linguaxe e terminoloxía “correctas e non excluíntes” ou “eliminar” as cuestións psiquiátricas da “crónica”. Ademais, o texto pídelles aos informantes que teñan en conta "a vulnerabilidade dos pacientes psiquiátricos", sen "sobreestimar as súas limitacións". Unha das recomendacións máis importantes ten que ver con evitar a asociación entre enfermidade mental e violencia contra os demais, porque é "falsa" e "minoría".

    O presidente da SEPSM, o doutor Manuel Martín Carrasco, advertiu de que, en España, e especialmente como consecuencia da pandemia da covid-19, cada vez son máis os "trastornos relacionados coa saúde mental", un aumento que, con todo, non vai acompañada dun "incremento correlativo dos recursos (humanos e sanitarios) para tratar e abordar esta situación". Por iso, considera fundamental "implicar os medios públicos de comunicación social", que poidan contribuír a "dirixir" a "concienciación" destas problemáticas e promover o "correcto uso da lingua para erradicar a quen a padece baixo estigmas e presentacións sensacionalistas”.

    Neste sentido, agradeceu a FORTA e ao seu presidente, a súa "implicación" e ofreceu unha colaboración "permanente" entre expertos e xornalistas. Pola súa banda, o presidente de FORTA, Mariano Caballero, defendeu que se trata de "axudar os nosos informantes a facer ben o seu traballo ao tempo que se axuda a paliar este problema mediante unha linguaxe precisa, que desterra os prexuízos e as visións erróneas sobre a saúde". "Como federación de entidades públicas, a nosa aposta polo benestar social é e debe ser máxima, e a saúde mental forma parte deste obxectivo", subliñou.
 

ler máis

A CRTVG producirá 25 novos proxectos nativos dixitais en galego

Santiago de Compostela, 26.12.2023.- A CRTVG vai producir 25 novos proxectos no marco da súa convocatoria de selección de produtos dixitais en lingua galega, resolta pola Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos da Corporación e á que se destinan máis de 300.000 euros. Entre os 25 proxectos hai contidos divulgativos, infantís, de entretemento, humor, educación, ficción ou cultura sobre moi distintas áreas e todos eles teñen en común que están creados especificamente desde e para a contorna dixital.


    Os proxectos, que serán emitidos a través das canles dixitais, páxina web e redes sociais dos medios públicos galegos, foron elixidos en dúas categorías: a de pezas longas dun máximo de 50 minutos, na que foron seleccionados 12 vídeos que reciben cada un como máximo 20.000 €; e a categoría de vídeos curtos, de ata 10 minutos, que recibirán un máximo de 6.000 €. Entre eles hai pezas destinadas ao público máis familiar e á cativada, pero tamén outros programas pensados para públicos-nicho interesados en cuestións como a música, o cultivo de árbores, a tecnoloxía, o deporte ou a historia de Galicia.


    Na categoría de vídeos longos aprobáronse os seguintes 12 proxectos:

⦁    ‘Raíña-me’, de Cristela Torres Nine, é un programa de entretemento en que a presentadora, Alexa Evans, converte a persoa convidada en drag queen ao longo dun proceso no que se fan probas e retos para coñecer a fondo as reviravoltas máis divertidas do mundo drag e coñecer o entrevistado como non se fixera antes.
⦁    ‘Paraíso Resort’, de Recrea Films SL, é unha serie humorística en formato sketch sobre un grupo de persoas que conviven no ceo. Na ficción, faise unha caricaturización de escenas da vida cotiá duns personaxes singulares e divertidos que reproducen no ceo os conflitos e peripecias que xa viviron na terra.
⦁    ‘E logo quen foi’, de Cristina Martínez Rodríguez, é unha microserie de ficción do xénero policial onde a axente Rodríguez ten que resolver en cada temporada un caso. Cada episodio é un interrogatorio da axente aos sospeitosos e, logo de velos, os espectadores están chamados a resolver o suceso.
⦁    ‘Plantasías’, de Zumalaba SLU, é unha miniserie documental divulgativa e infantil que trata sobre especies arbóreas de implantación tradicional en Galicia, contemplando usos prácticos, medicinais, culinarios, festivos, rituais ou lendarios.
⦁    ‘Nubes’, de Gaitafilms SL, é unha serie web infantil que busca que a cativada coñeza a natureza atmosférica que a rodea. Está feita con animación 2D e nela unha pequena nube vivirá unha aventura onde coñecerá outras formacións gasosas en busca da lendaria Nube Arco da vella.
⦁    ‘Sexo con senso’, de Xosé Antón Moure Ferreiro, é un programa que trata a educación afectivo-sexual da mocidade mediante temáticas que afectan directamente a saúde e outras dimensións fundamentais como os afectos, as emocións ou as desigualdades entre mulleres e homes.
⦁    ‘O armario’, de Xurdir SL, é un programa dixital que en cada entrega se adentra nas casas de certas personalidades populares galegas para rexoubar o seus conxuntos ou outfits mentres nos contan historias vinculadas a eles.
⦁    ‘Sen saída’, de M Internacional Audiovisual, SL, é un programa de entretemento, con formato scaperoom, en que se fai seguimento de cinco persoas que están atrapadas nun labirinto e intentan atopar a saída. 
⦁    ‘Música no foco’, de Marguerita Morello, é unha serie de cápsulas visuais onde distintos intérpretes, autores da música contemporánea galega, interpretan nunha contorna natural, un dos seus temas musicais mentres algunhas palabras das letras, animadas, completan o vídeo musical.
⦁    ‘Jakobsland, tras os pasos de Ulf o galego’, de Jaime Pardo Valdés, é un programa documental audiovisual sobre a pegada viquinga/normanda na Península Ibérica e especialmente en Galicia entre os séculos IX e XII.
⦁    ‘Recollendo músicas’, de Undodez, SL, é un programa documental que afonda no proceso de recollida de cancións e músicas tradicionais para a creación de temas, samples e melodías, a través de técnicas de composición e produción modernas. Afonda nas músicas actuais que lle dan un novo sentido a estes sons e actualizan o repertorio da música tradicional.
⦁    ‘A mascota’, de A Revolta Producións, SL, é un programa-concurso que busca a mellor familia dona dunha mascota de Galicia. Nel avalíase o día a día da familia e a relación co seu animal de compaña, dando a coñecer todo o que son capaces de facer pola súa mascota a través de diversas probas. 


    E na categoría de proxectos de vídeo cunha duración máxima total de 10 minutos aprobáronse os seguintes 13:


⦁    ‘Aquarium’, de Marguerita Morello, é unha peza de ficción que se ambienta nun futuro distópico, en que poden seguirse os altibaixos a nivel laboral e persoal de Electra, a protagonista.
⦁    ‘Galicia, viaxe de hipervisión urbana’, de Jaime Pardo Valdés, é unha miniserie que emprega as tecnoloxías do hyperlapse, timelapse e cámara 360 para apreciar a arquitectura, a cultura e a vida urbana de Galicia desde ángulos que desafían a imaxinación.
⦁    ‘A loita’, de Tamboura Films, SL, son microespazos en que amosan cinco deportistas de combate galegos de diferentes disciplinas (taekwondo, artes marciais, boxeo, kárate, esgrima...). Neles, comparten as súas vivencias persoais no que respecta á elección do seu deporte, á disciplina, ós hábitos diarios e ós logros que acadaron.
⦁    ‘Galicia peza a peza’, de Xurdir SL, é un espazo que percorre a rede museística galega dun xeito entretido e desenfadado. A través de oito capítulos achéganse oito pezas curiosas e interesantes que serven de pretexto para coñecer a historia, o museo que as garda e a vila onde se atopa. 
⦁    ‘Xogas?’, de Xurdir SL, é un programa que quere poñer en valor os deportes minoritarios que se xogan en Galicia. Percorre a comunidade descubrindo deportes curiosos, traídos de outros lugares ou mesmo senlleiros de Galicia que agora están case esquecidos.
⦁    ‘Invasoras: unha ameaza silente’, de Trespés Producións Culturais SL, é un programa divulgativo que achega á realidade das especies exóticas invasoras (EEI) en Galicia. Amósase o impacto que diferentes especies de fauna e flora están provocando nos ecosistemas naturais galegos.
⦁    ‘Galicia de récord’, de A Revolta Producións SL, é unha proxecto que dá a coñecer os récords mundiais levados a cabo en Galicia.
⦁    ‘Naturalista do rural’, de Xiana Fernández-Albor Batallán, é un programa en que xente do rural fala da natureza que observa día a día e de todas as sabenzas sobre a fauna e a flora que rodea a estas persoas. Transmítense contos de natureza contados polos que mellor coñecen o conto.
⦁    ‘Contando historias’, de Cristela Torres Nine, é un proxecto divulgativo en que se intenta establecer unha conexión dos feitos históricos acontecidos no pasado coa realidade do presente.
⦁    ‘O noso cinema’, de Cristela Torres Nine, son micropezas sobre cinema cun ton lixeiro e cómico. Nel, o actor e comediante Miguel Canalejo e a directora Lucía Estévez achegan as que consideran as dez das películas galegas máis icónicas dos últimos anos.
⦁    ‘Xogando en galego’, de Iago Gordillo Trillo, é unha serie de vídeos curtos en que se descobren videoxogos en galego cun toque desenfadado e divulgativo, explicando as súas características e outras conexións coa cultura galega.
⦁    ‘Nos meus tempos’, de A Revolta Producións SL, é un programa de entretemento en que se captan as reaccións dun/dunha adolescente e unha persoa maior ao intentaren empregar obxectos, probar sabores ou ter experiencias que non son do seu tempo.
⦁    ‘Picariños’, de Coven Films, SL, é unha webserie de ficción infantil protagonizada pola propia cativada. Nela vívense pequenas aventuras da man de varios amigos que non paran de meterse en liortas.
 

ler máis

Emilio Españadero recolleu o Premio Rebulir ao espazo 'Lume na palleira' da Radio Galega

O presentador de 'Lume na palleira', Emilio Españadero, recollendo o premio

Santiago, 18.12.2023.-     Emilio Españadero, director do programa da Radio Galega ‘Lume na palleira’, recolleu esta fin de semana o Premio Rebulir da Cultura Galega 2023 na categoría Homenaxe. O acto de entrega de galardóns tivo lugar o sábado nunha gala que se celebrou no concello de Ramirás (Ourense), á que acudiu Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG, en representación da Corporación.

O xurado desta edición dos premios Rebulir do FIR, o Festival Internacional Rebulir, destacou este espazo da emisora pública por ser un dos máximos expoñentes da difusión da música tradicional e da cultura de base desde hai preto de 32 anos.
    
O xurado outorgou tamén os galardóns nas categorías de música galega a Xurxo Fernandes, por representar a interculturalidade desde o eido musical e poñer en valor o propio sen deixar de conectar co alleo, e na categoría de artes escénicas ao actor Luís Zahera, pola súa dilatada traxectoria no mundo da interpretación sen renunciar nunca a súa esencia e raizame galega.

O xurado desta edición estivo composto por Sandra González Sousa, presidenta da Asociación Cultural Rebulir; Alexandre Sotelino Losada, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e director artístico/académico do FIR), así como por Sandra Quintas Vázquez, coordinadora do Servizo de Cultura da Xunta de Galicia; Rosendo L. Fernández, deputado da Deputación de Ourense; Isabel Gil Álvarez, alcaldesa do Concello de Ramirás; Manuel Edreira Buela, músico; Iván García García, xestor cultural; Eva Tato e Galicia Gutiérrez, actrices e profesoras de Teatro; Álvaro Pérez Marqués, profesor de Música e Susana Durán González, directora de Administración do FIR.

O Premio Rebulir de Cultura Galega nace no ano 2012 como un recoñecemento a persoas/colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións. Un dos aspectos que defende este galardón é a proxección do nome de Galicia alén das súas fronteiras, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz. Entre os/as premiadas están nomes de recoñecido prestixo como Fuxan os Ventos, Méndez Ferrín, Celso Fernández Sanmartín, Xabier Diaz, Guadi Galego, Rosa Cedrón, Uxia, Leilía, Rubén Riós, Antonio Durán ‘Morris’, María do Ceo, Carlos Blanco, Marcos Pereiro e Xose Antonio Touriñán, Xosé Ramón Gayoso, Xose Manuel Piñeiro, Mercedes Peón, Fina Calleja, Anxo Angueira... entre outros/as.

ler máis

O tema 'Soará o Nadal', do grupo de rapaces Xeración M, gaña o concurso de Nadal da CRTVG

Santiago, 12.12.2022.-   A canción ‘Soará o Nadal’, do grupo Xeración M, é a gañadora do concurso musical ‘Este Nadal canta con nós’ da CRTVG. Será a melodía coa que os medios públicos felicitarán as festas a todos os galegos e galegas este 2023 xa que o tema gañador poderá escoitarse na TVG, a Radio Galega e nas redes sociais da CRTVG todo o Nadal.  

O xurado, composto por Iago Pico, produtor musical de Tanxugueiras; Fernando R. Ojea, director da Área de Contidos da CRTVG; Rosa Sierra, subdirectora de Programación e Emisións da TVG; Vanessa Grela, xefa de Programación da TVG, e Tania F. Lombao, xefa de Programas da Radio Galega, destacou a calidade da peza musical e do vídeo presentado e o esforzo que hai detrás da proposta ‘Soará o Nadal’.

Na presente edición, ‘Este Nadal canta con nós’ recibiu 33 propostas, entre as que o xurado elixiu a gañadora e cinco finalistas. O grupo Xeración M, que recibirá un premio económico de 1.500 euros, está conformado por cinco cativos de once e doce anos, procedentes de Mos, Salceda de Caselas e Ponteareas. Todos eles todos estudan en Maison Escola de Música e Danza do Porriño. 

Esta é a novena edición do concurso musical da CRTVG, que anteriormente gañaron Noa, o seu pai Juan Antonio e o seu avó Arturo, co tema ‘‘Vivamos xuntos o Nadal’; Iván Vale, coa canción ‘O meu Nadal perfecto’; Plan Siberia, con ‘Xunto a ti’; os alumnos e profesores do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, con ‘Cando é Nadal’; Susana Martínez, co tema ‘O sinal’; o CEIP de Meaño, con ‘Saúde e cante o merlo’; Kiko Bea, con ‘Un Nadal distinto’, e o grupo xuvenil King Kids, con  ‘Un bo Nadal’.
 

ler máis

'O soño da sultá', película de animación participada pola TVG, nominada aos Premios Goya 2024

Santiago, 04.12.2023.-  O filme ‘O soño da sultá’, participado pola TVG, acaba de ser nomeado aos Premios Goya 2024, na categoría Mellor película de animación. A cinta, que tamén competiu na 71º edición do Festival Internacional de Cine San Sebastián, ZINEMALDIA, contou desde o lanzamento co recoñecemento da crítica e xa leva recollidos varios galardóns. Ademais de ser a primeira longametraxe de animación europea en participar na sección oficial en San Sebastián, logrou o Premio Irizar ao cine vasco e mais o Premio da Asociación Vasca de Guionistas Euskal Gidoigileen Elkartea, outorgado a Isabel Herguera, directora e guionista da produción, e o seu coguionista, Gianmarco Serra. A nivel internacional acadou o Premio Mellor Coproducióninternacional no Festival de Hamburgo e agora opta, ademais de ao Goya, ao Premio Forqué.

 ‘O soño da sultá’ é unha fabula producida pola empresa galega Abano producións, que, ademais, contou con dúas animadoras galegas no equipo de traballo. Está inspirada nun conto feminista indio, escrito en 1905 por Rokeya Hossain. A versión de Isabel Herguera conta a historia de Inés, unha directora de animación española que se atopa en Ahmedabad para romper co seu amante indio. Entra nunha librería e sorpréndese ao atoparse cunha novela ambientada nun país imaxinario gobernado por mulleres. Abraiada pola historia e a actitude transgresora da autora, anímase a facer un filme.

O filme participado pola TVG é unha coprodución internacional con Alemaña, que contou tamén co apoio de ETB, o Goberno vasco e o ICAA, e coa axuda de Media Creative Europa e da distribución de Filmin. Estreouse o pasado 17 de novembro nesta plataforma e, cun percorrido de máis de 20 festivais nacionais e internacionais, posúe o distintivo Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero.
 

ler máis

'O home e o can', filme participado pola TVG, premio á mellor película internacional no Ciberblue Films Festival

Santiago, 04.12.2023.-  A película ‘O home e o can’, unha produción de Ézaro Films e Caladiño Filmes participada pola Televisión de Galicia, acaba de lograr o premio á mellor longametraxe Internacional no Ciberblue Films Festival de Vigo. Este é o décimo sexto galardón que obtén en festivais internacionais a cinta dirixida por Ángel de la Cruz, encargado de recoller este último recoñecemento.

Rodada integramente en galego e en branco e negro, a película aborda temas como a soidade non elixida, o envellecemento da poboación ou o abandono do rural. Protagonizada por Manuel Manquiña e Paula Chaves, conta tamén no elenco con actores como Gonzalo Uriarte, Isabel Blanco e Estíbaliz Veiga. Ademais, a banda sonora está composta e interpretada polo pianista ourensán Jaime Fernández Garrido

Segundo o seu director, ‘O home e o can’ é unha homenaxe ao neorrealismo italiano, que quere dar visibilidade a varios dos problemas da Galicia actual. Conta a historia de Manuel, un home coas súas capacidades intelectuais afectadas que non saíu nunca da aldea, onde vive completamente só tras a morte da última veciña. A única compaña que ten é a do seu inseparable can, ata que un accidente deste o obriga a marchar á cidade na busca dun veterinario. No medio deste caos, o protagonista atopará a Paula, quen foxe dun fogar desestruturado en busca de liberdade. Estes dous personaxes, aparentemente antagónicos, converteranse, sen agardalo, en amigos unidos pola soidade.
 

 

ler máis

Entregados os XI Premios 'Nós tamén creamos!' ás curtas de animación en galego de seis centros educativos

Santiago, 01.12.2023.- Os nenos e nenas gañadores do premio de curtas de animación en galego ‘Nos tamén creamos!’ recibiron os seus galardóns este venres no marco do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebra en Pontevedra. O certame ten por finalidade fomentar a lectura en lingua galega e achegar o mundo audiovisual aos máis cativos.

No acto, en que se proxectaron as seis curtas premiadas, participaron Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Judith Fernández Novoa, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Borja Guerrero Parapar, responsable da Área Audiovisual de OQOeditora e Marta Fernández Sánchez, xefa de Comunicación Corporativa e RSC da CRTVG, quen salientou o traballo dos mestres no proxecto e a calidade das curtas, que emitirán proximamente os medios públicos galegos.

Os tres centros gañadores foron a EEI do Milladoiro, en 2º ciclo de Infantil, pola curta ‘Tonino. Un pingüín en Ames’; o CEIP Plurilingüe Feliciano Barreira de Ponteareas, na área de 1º e 2º de Educación Primaria coa curta  ‘O cascabel da gata’; e o CEIP Padre Feijoo de Allariz, con ‘Sígueme’, na área de 3º e 4º de Educación Primaria. Ademais, foron premiados con accésits o CEE A Barcia, de Santiago, polo proxecto ‘Non fai falta a voz’; o CEIP A Canicouva, de Vigo pola curta ‘A princesa do Caurel’; e o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, de Sober pola súa curta tamén sobre o conto ‘A princesa do Caurel’.
 

ler máis

A CRTVG, presente en Culturgal cun programa en directo e un estudio virtual do 'Telexornal'

Santiago, 30.11.2023.-    A CRTVG regresa esta fin de semana a Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra do 1 ao 3 de decembro e que contará cunha ampla cobertura dos medios públicos galegos.

A Corporación instalará no recinto un estudio virtual dos servizos informativos, cun fondo chroma que lles permitirá aos visitantes converterse por uns minutos en presentadores dun ‘Telexornal’, lendo a cámara noticias reais dun informativo da TVG. Ademais, na xornada inaugural do venres, o público poderá asistir á emisión en directo do ‘Diario Cultural’ da Radio Galega que amplía a súa duración de 17:00 a 18:00 h.

Presentado por Ánxela Diéguez e Belén Regueira, o espazo entrevistará o director de Culturgal, Camilo Franco, e a May Díaz, presidenta da Fundación Moldes, que se presenta na feira. A edición especial do programa pulsará o ambiente do encontro: entrevistará a Luz Castro, comisaria da exposición de videoxogos galegos que se mostra no recinto, e falará coa poeta Dores Tembrás sobre o seu novo poemario, mentres que a colaboradora Eva Mejuto levará os oíntes polo mundo dos libros infantís. E o sábado, a edición de fin de semana do ‘Zigzag’ recibirá tamén a visita do director de Culturgal, Camilo Franco.

Culturgal conta este ano cunha programación que reunirá máis dun cento de actividades onde o público poderá coñecer as novidades editoriais e audiovisuais, novas propostas de artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas vinculadas ao mundo da arte. Unha das novidades deste 2023 é que contará con cinco escenarios (literatura, música, escénicas, infantil e arte), polos que desfilarán propostas como recitais, proxeccións, presentacións, obradoiros e concertos.

ler máis

A TVG, líder en Galicia e a canle autonómica máis vista

Momento do 'Telexornal Mediodía', presentado por Marta Darriba

Santiago, 30.11.2023.-   Os datos da terceira onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) publicados este xoves sinalan a Televisión de Galicia como a canle líder na comunidade cunha cota do 20,8%, tanto de luns a venres como no conxunto da semana, e como referente informativo absoluto da sociedade galega.

Con este 20,8%, a TVG é líder con 6,9 puntos máis, de luns a venres, que o seguinte competidor, Antena 3, e case duplicando os resultados da outra canle pública que emite en Galicia (TVE, 11,78%).

No mediodía, ‘Galicia Noticias’ e o ‘Telexornal’ marcan o liderado informativo

 A audiencia dos informativos da Galega non deixa de medrar neste 2023. Na sobremesa, ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’ marcan o liderado informativo. Na franxa entre as 13:00 e as 17:00 h, a TVG acada o 35,3% de cota de pantalla, case triplicando a audiencia de TVE (cunha media do 13,2%). E no tramo inicial do ‘Telexornal Mediodía’, de 14:30 a 15:00 h,  chégase ao 47,8% de cota.

Os bos datos reflíctense desde primeira hora: o matinal ‘Bos Días’, na franxa de 8:30 a 13:30, consegue un 25,7%. Polas tardes, entre as 17:00 e as 20:00 h, a franxa de entretemento acada o 11,6%. E a franxa da noite, que contén a cita informativa do ‘Telexornal Serán’, acada o 26,5%, segundo os datos do EXM desta última onda do ano.

Na franxa de noite (entre as 20:00 e as 04:00), a TVG acada tamén o liderado en Galicia cunha cota do 16,2%, a 1,6 puntos de distancia do competidor máis próximo (Antena 3, cunha cota do 14,6%). Destacan sobre todo os luns, cunha cota do 23,1%.

Por días da semana, o Estudo Xeral de Medios salienta as cotas de pantalla acadadas os luns, cun 26,8%, e os domingos, cun 22,9%.

TVG é líder tamén das canles autonómicas

Entre as televisións autonómicas reunidas baixo o paraugas de FORTA, Televisión de Galicia é a que acada maior cota, superando nesta onda do EXM en 2,7 puntos de cota ao seguinte competidor, TV3 (18,1%), no conxunto da semana. De luns a venres, a cota da canle galega, 20,8%, atópase a 1 punto de cota de TPA (19,8%).

ler máis

Radio Galega logra o mellor dato de audiencia da súa historia, con 225.000 oíntes

Kiko Novoa e Cristina García, presentadores do 'Galicia por Diante'

Santiago, 30.11.2023.-   Radio Galega logra o mellor dato de audiencia da súa historia con 225.000 oíntes diarios de luns a venres e 188.000 de luns a domingo, segundo os datos da terceira onda do Estudo Xeral de Medios, publicada este xoves. Radio Galega Música tamén experimentou un incremento de audiencia. Chegou aos 31.000 oíntes de luns a domingo e 28.000 de luns a venres. En total, o grupo de emisoras da radio pública galega alcanzou a cifra histórica dos 253.000 oíntes diarios de luns a venres e 219.000 de luns a domingo.

Con respecto á anterior onda, a Radio Galega incrementou a súa audiencia nun 58,4% de luns a venres, con 83.000 novos oíntes.

Cifras históricas durante as 24 horas do día

O programa ‘Galicia por Diante’, conducido por Silvia Pereira e Kiko Novoa, marca tamén a mellor cifra da súa historia, acadando os 150.000 oíntes. O programa mantén a boa tendencia nas fins de semana da man de Luís Ojea e Victoria Rodríguez.

As madrugadas do ‘Pensando en ti’, presentadas por Ricardo Saavedra, dobran os datos das últimas ondas ata alcanzar a cifra dos 75.000 oíntes diarios. Na fin de semana, a edición de Marcial Mouzo tamén goza dos mellores datos da historia, con 55.000 oíntes. O programa ‘A Tarde’, dirixido por Antón Rebollido, tamén obtén algarismos históricos, ao medrar nun 74% a audiencia con respecto á segunda onda do EXM.

Os informativos ‘A Crónica’, con Xosé Valiñas e Xosé Luís López Vila, manteñen e aumentan tamén as súas audiencias con respecto á segunda onda, cunha suba pronunciada no informativo da tarde dun 60% máis de oíntes que na onda anterior, e que posicionan a radio pública galega como referente da información en Galicia.

No apartado deportivo, o programa ‘Galicia en Goles’, dirixido por Xoán Galán, experimenta unha pronunciada suba os dous días, sábado e domingo. O domingo practicamente duplica a audiencia acadada na segunda onda. Pola semana, o programa de análise ‘Ao contraataque’, de Pedro Pablo Alonso, chega a 24.000 persoas cada día, un dos mellores datos da historia do programa.

No que atinxe á cultura, as tres edicións do ‘Diario Cultural’ tamén acadan unha cifra histórica de seguimento por parte da audiencia, con 52.000 impactos diarios de luns a venres. A edición ‘Diario Cultural Zeta’ para a mocidade chega a 7.000 persoas nas fins de semana.

Tamén no apartado da especialización xornalística, o programa ‘Mar de Ardora’, dirixido por Xusto López Carril, alcanzou a cifra histórica dos 30.000 oíntes.
 

ler máis

Rexeitados os recursos presentados contra a cobertura electoral da CRTVG

Santiago, 04.07.2023.-   A Xunta Electoral Provincial da Coruña deu traslado, na mañá do martes 4 de xullo, de senllos acordos sobre os recursos presentados contra o Plan de Cobertura Electoral da CRTVG de cara ás eleccións xerais do 23 de xullo.

Ante o recurso do BNG, a Xunta Electoral Provincial da Coruña estima as alegacións feitas pola CRTVG na súa totalidade e acorda “rexeitar a reclamación formulada” polo BNG, xa que non existe “vulneración dos principios recollidos no art. 66 da LOREG“, conclúe o texto.

Con respecto á reclamación de Vox, a Xunta Electoral Provincial da Coruña acorda tamén “desestimar a reclamación” que versaba sobre a pretensión de participación desta formación nos debates e entrevistas electorais, e acadar máis tempo de cobertura.

A CRTVG, a data de hoxe, non recibiu ningún recurso máis contra o Plan de Cobertura Electoral de cara ás eleccións xerais.

Nas pasadas eleccións municipais do 28-M, tanto a Xunta Electoral Provincial como a Xunta Electoral Central resolveron a favor da Corporación todos os recursos presentados polas diferentes formacións políticas.

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 21 - 40 de 41 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade