div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Os medios públicos galegos ofrecen o luns o debate electoral, cunha programación especial desde as 19:45 h

O debate comezará ás 21:30 h e será moderado polos xornalistas Marta Darriba e Alejandro López desde o renovado Estudio 300 de Informativos de San Marcos

Poderase seguir a través das dúas canles da TVG (na G2 con intérprete de LSE), a Radio Galega e os medios dixitais da Corporación

Distribuirase en tres bloques temáticos: políticas económicas e orzamentarias, políticas sociais e modelo institucional e pactos

crtvg.gal 02/02/2024 14:49

Santiago, 02.02.2024.-    A CRTVG organiza e emite o vindeiro luns 5 de febreiro o  debate electoral para os comicios autonómicos do 18F entre as cinco formacións políticas que teñen en Galicia carácter de ‘grupo representativo’ ou de ‘grupo político significativo’ segundo a Xunta Electoral de Galicia.

O debate celebrarase a partir das 21:30 h e poderase seguir a través da Televisión de Galicia, a Radio Galega, a G2 -con intérprete de lingua de signos- e tamén a través dos medios dixitais da Corporación. Será a primeira retransmisión que vai facer a CRTVG desde o seu renovado Estudio 300 de Informativos. Estará moderado polos xornalistas Marta Darriba e Alejandro López, redactora xefa e subdirector da Área de Información e Documentación da CRTVG, respectivamente.

Os candidatos -Alfonso Rueda, polo PPdeG; Ana Pontón, polo BNG; Xosé Ramón Gómez Besteiro, polo PSdeG; Marta Lois, por Sumar Galicia, e Isabel Faraldo, de Podemos Galicia- poderán confrontar as súas posicións sobre asuntos de máximo interese para a cidadanía, distribuídos en tres bloques temáticos: un primeiro sobre políticas económicas e orzamentarias, en que se falará de emprego, industria e transición ecolóxica; un segundo sobre políticas sociais e financiamento do benestar, que inclúe educación, sanidade, igualdade e lingua, e un terceiro de modelo institucional para falar de pactos, gobernabilidade e a voz de Galicia no Estado.

Estrea do novo estudio 300 e ampla cobertura

Co gallo do debate, a CRTVG ofrecerá unha programación especial cun ‘Especial Informativo’ na TVG desde as 19:45 h, presentado por Marcos Sueiro e no que se contará con catro analistas que irán debullando os instantes previos e que tamén intervirán no espazo de reflexión posterior ao debate (23:30 h). Son Ana Luísa Bouza, licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía; María Bastida, profesora da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago; Xosé Luís Gómez, xornalista e editor de Mundiario, e Roberto L. Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional. Tamén a Radio Galega ofrecerá este debate con espazos de análise antes e despois do mesmo.

Para esta ampla cobertura, a CRTVG despregará un amplo dispositivo de recursos humanos e técnicos para garantir a calidade e pluralidade que require un debate electoral de máximo nivel, que se realizará desde o remodelado Estudio 300 da Televisión de Galicia. A CRTVG facilitará tamén o sinal para a súa difusión gratuíta e material gráfico do evento a todos os medios.

Tanto a fórmula para a asignación de tempos a cada formación no Plan de cobertura da CRTVG, como o carácter de ‘representativo’ ou ‘significativo’ dos diferentes grupos veñen establecidos pola Lei Orgánica de Réxime Electoral (LOREG) e as instrucións da Xunta Electoral de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade