div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A CRTVG convida ao seu debate as forzas políticas que a Xunta Electoral central considera como "representativas" e "significativas" en Galicia

Debaterán os candidatos do PPdeG, BNG, PSdeG, Sumar Galicia e Podemos Galicia. Os tres primeiros como forzas políticas representativas e os dous últimos como grupos políticos significativos, seguindo o criterio da Xunta Electoral

crtvg.gal 22/01/2024 12:35

Santiago, 22.01.2024.-   A Corporación Radio e Televisión de Galicia ofrece un debate entre as cinco formacións máis representativas da comunidade, seguindo os criterios marcados pola Xunta Electoral. A el están convidados os candidatos e candidatas do Partido Popular de Galicia, Bloque Nacionalista Galego, Partido Socialista de Galicia, Sumar Galicia e Podemos Galicia.

O debate, tal como xa fora anunciado pola propia Corporación, celebrarase o día 5 de febreiro ás 21:30 h no renovado estudio 300 de San Marcos. Estará moderado polos xornalistas Marta Darriba e Alejandro López, redactora xefa e subdirector da Área de Información e Documentación da CRTVG, respectivamente.

Os candidatos confrontarán argumentos en base a tres bloques temáticos, que se estruturarán nas seguintes áreas:
    1. Políticas económicas e orzamentarias. Emprego, industria e transición ecolóxica.
    2. Políticas sociais e financiamento do benestar. Fiscalidade, educación, sanidade, igualdade e lingua.
    3. Modelo institucional, pactos, gobernabilidade e voz de Galicia no Estado.

Grupos políticos representativos e significativos

Ao debate están convidadas cinco formacións, tres en calidade de forzas representativas e dúas en calidade de grupos políticos significativos, segundo os criterios da Xunta Electoral. As tres formacións representativas son PPdeG, BNG e PSdeG, por ser as que lograron representación nos últimos comicios equivalentes: nas eleccións autonómicas de 2020 obtiveron 42, 19 e 14 deputados, respectivamente.

A Corporación tamén convida a este debate os grupos políticos que actualmente cumpren cos criterios para seren considerados significativos. Un grupo político significativo é aquel que, malia non obter representación nos últimos comicios equivalentes (neste caso, as eleccións autonómicas de 2020), si obtivo unha porcentaxe significativa de voto en Galicia (máis do 5%) en comicios posteriores.

Os dous grupos políticos significativos confirmados pola Xunta Electoral son as coalicións Sumar Galicia e Podemos Galicia. Ambas contan con esta consideración por ter integrado unha mesma coalición nas eleccións xerais do 23 de xullo de 2023, que obtivo o 10,92% do voto válido no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Nun escrito do 20 de xaneiro, a Xunta Electoral confirma que ambas coalicións deben ter a consideración de grupo político significativo a efectos de cobertura dos medios públicos no ámbito galego. Ningunha outra formación fóra das citadas logrou máis dun 5% do voto en Galicia en ningún dos comicios posteriores ás últimas eleccións autonómicas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade