div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A TVG participará en nove novos proxectos cinematográficos: sete películas e dous documentais

A canle pública apoiará as películas ‘As augas’, ‘Petróleo’, ‘Onte á noite conquistei Tebas’, ‘Monstro’, ‘Tralovento’, ‘Revolución sen sangue’ e  ‘Leo & Lou’

Participará tamén nas longametraxes documentais ‘Ana e máis nós’, sobre a artista Ana Kiro e ‘Prefiro condenarme’, sobre a historia real dunha muller maltratada
 

crtvg.gal 26/01/2024 17:42

Santiago de Compostela, 26.01.2024.- Televisión de Galicia vai participar en nove novos proxectos cinematográficos, sete deles películas e dous documentais, segundo resolveu este venres a Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica da CRTVG, dando cumprimento á resolución da Dirección Xeral da Corporación RTVG do 4 de abril de 2022 relativa ao procedemento de presentación de proxectos de producións audiovisuais de interese, no marco do coñecido como apoio do 9 %. Son sete novos proxectos cinematográficos e dúas longametraxes documentais, unha delas un documental de creación.


Entre as longametraxes cinematográficas atópanse cinco producións de identidade galega e con claro carácter autoral: ‘As augas’, producida por Maruxiña Film Comany, ópera prima da actriz Ledicia Sola, que presenta un drama intimista a partir dunha vivencia persoal; ‘Petróleo’, producida por Zuzú Cinema, que nace dun novo talento emerxente do noso cinema, Álvaro Pulpeiro, e que se pode definir como un wéstern moderno; ‘Onte á noite conquistei Tebas’, un novo proxecto de Filmika Galaika que significará o debut cinematográfico de Gabriel Azorín e que une relatos en épocas distantes nun lugar común: as termas de Bande; ‘Monstro’, cine fantástico dirixido por Andrés Goteira no que o protagonista transita mundos misteriosos; e ‘Tralovento’, unha proposta artística dirixida por Eloy López Serén que ofrece un retrato íntimo nunha aldea rural.

As outras dúas longametraxes teñen outros compoñentes: ‘Revolución sen sangue’ é un proxecto de Producións A Fonsagrada que documenta desde a ficción un momento crucial na historia política e social non só de Portugal, senón tamén na nosa propia; e ‘Leo & Lou’, unha película aberta e amable con rodaxe íntegra en Galicia que ten como ambición chegar ao gran público.

 En relación ás longametraxes documentais, a selección prevé dous proxectos de corte diferenciado: un documental producido por Miramemira que aborda a vida e repercusión social dunha icona da cultura popular e musical galega, ‘Ana e máis nós’, pero coa singularidade de que o foco se centra na relación da artista Ana Kiro e o seu público; o outro proxecto, ‘Prefiro Condenarme’, é un documental creativo que conta a historia real dunha muller maltratada desde a perspectiva da cineasta Margarita Ledo que utiliza os lugares e as imaxes de arquivo como ferramentas para que aflore a memoria.

Toda a información atópase no Portal de Transparencia da CRTVG.  

Nas súas seleccións, a Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica da CRTVG baséase en criterios como:


- Favorecer a tarefa común de creación e sostemento dun sector audiovisual en Galicia que busque tamén unha mellora da sociedade, mesmo no aparentemente máis simple cometido do tempo libre e de lecer.
- Apoiar na creación audiovisual unha identidade propia como un proceso aberto onde a Corporación participe en proxectos de promoción e ampliación de produtos feitos polo sector da creación cinematográfica e como servizo que promova a garantía da continuidade dos sinais identitarios da Comunidade.
- Participar en proxectos que destaquen pola súa creatividade, calidade, viabilidade e con capacidade de repercusión na sociedade, polos medios tradicionais ou a través da súa presenza mediática nas redes sociais.
- Facer un esforzo adicional no investimento en proxectos presentados do ámbito cinematográfico, que inclúe a Lei 13/2022, do 7 de xullo, de paso que se contribúe a financiar películas e documentais, ben participando directamente na súa produción ou ben mediante a adquisición de dereitos, de acordo co Real Decreto 988/2015 do 30 de outubro.
- Ademais da calidade e viabilidade, préstase atención ao valor artístico e ao vencellamento coas realidades social e cultural galegas.
- Téñense en conta, asemade, os recursos humanos, biografías dos autores e historia das produtoras. De igual xeito, valóranse os recursos económicos implicados, así como as gravacións en territorio galego.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade