div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Televisión de Galicia gaña o premio europeo CIRCOM co documental 'A Cero.5'

Novo recoñecemento para a TVG nestes premios europeos do audiovisual, creados hai máis de 30 anos para galardoar os mellores programas de televisión producidos e emitidos por canles rexionais públicas de toda Europa

‘A Cero.5’, que narra a vivencia do vigués Gonzalo Suárez despois de quedar parapléxico a raíz dun accidente, foi premiado na categoría Minorías sociais

O documental atópase dispoñible na plataforma dixital AGalega dos medios públicos

crtvg.gal 17/04/2024 16:10

Santiago, 17.04.2024.-  O documental da Televisión de Galicia ‘A Cero.5’ alzouse co Premio CIRCOM 2024 na categoría Minorías sociais, segundo foi anunciado este mércores pola entidade, a asociación das televisións rexionais europeas, que reúne preto de 250 canles de televisión públicas de 30 países europeos. Trátase do documental autobiográfico do vigués Gonzalo Suárez, quen narra as súas vivencias despois de quedar parapléxico a raíz dun accidente. A peza, producida en 2021, amosa como a práctica do baloncesto no club vigués AMFIV, a competitividade e o compañeirismo axúdaronlle a superalo. ‘A Cero.5’ atópase dispoñible na plataforma dixital AGalega dos medios públicos. 

Os Premios CIRCOM serán entregados este ano nunha gala que terá lugar na cidade de Poznan, en Polonia, o 23 de maio, no marco da celebración da 40ª conferencia anual da organización. O seu xurado, formado por 14 profesionais das áreas de produción e emisión das canles europeas, reuniuse na sede da BBC en Birmingham (Reino Unido) e salientou a alta participación nesta edición, con producións de canles de 23 países. Ademais da TVG, tamén foi premiada a produción da EITB ‘El conquistador del fin del mundo’, na categoría de entretemento e ficción, e acadaron mencións especiais outras dúas producións da canle vasca e da televisión autonómica de Cataluña.

Este premio para o documental ‘A Cero.5’ súmase aos galardóns acadados pola TVG en edicións anteriores deste certame. En 2023, a serie da TVG e a RTP ‘Motel Valkirias’, gañara o premio CIRCOM no apartado de entretemento e ficción. En 2022 resultaran premiadas a presentadora Noelia Rey, co galardón ao Novo Talento en Pantalla, e a produción ‘3 camiños’, cunha mención especial na categoría Entretemento e ficción. O premio Novo Talento en Pantalla recaera xa en 2019 na xornalista da TVG Alba Mancebo. 

E en 2020 CIRCOM premiara o documental ‘Máis ca vida’, cunha mención especial na categoría Minorías en sociedade. En anos anteriores, a serie ‘Matalobos’ lograra o premio a mellor ficción de televisión. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións do Prix CIRCOM. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade