Dezasete premios Mestre Mateo para profesionais e producións apoiados pola Televisión de Galicia - CRTVG
Dezasete premios Mestre Mateo para profesionais e producións apoiados pola Televisión de Galicia
Santiago, 24.03.2024.- A gala dos Premios Mestre Mateo do Cluster do Audiovisual celebrada este sábado na Coruña e que foi retransmitida pola canle pública entregou ata 17 galardóns a actrices, actores, presentadores e producións de entretemento e ficción apoiadas pola Televisión de Galicia.
A presentadora do espazo da TVG ‘Malicia noticias’, Lucía Veiga, alzouse co premio á mellor comunicadora, categoría na que tamén eran finalistas Juan Fuentes do ‘Quen anda aí’ e Paco Lodeiro por ‘Atrápame se podes’. E o espazo do prime time da TVG ‘Cos pés na terra’ gañou o Mestre Mateo a mellor programa de televisión. Xosé Ramón Gayoso foi o elixido para entregar o Premio de Honra Fernando Rey do Cluster, por toda a súa traxectoria, á xornalista Eva Veiga, quen fora unha das primeiras presentadoras daTVG, en 1985.
Apoio ao cine galego
A película ‘O corno’ foi a gran gañadora da noite con sete premios, entre eles os de mellor película, guión e dirección para a cineasta Jaione Camborda. A cinta estaba nominada en 14 categorías e xa gañara a Concha de Oro en San Sebastián mentres que a súa protagonista, Janet Novás, foi a mellor actriz revelación nos premios Goya deste 2024.
‘Matria’ foi outra das longametraxes vencedoras con cinco premios: mellor actriz protagonista para María Vázquez e mellores interpretacións de reparto para Susana Sampedro e Santi Prego. Tamén acadou os Mestre Mateo á dirección de fotografía e á dirección de produción.
O actor Tamar Novas alzouse por segundo ano consecutivo como mellor actor protagonista, nesta ocasión por ‘¡Salta!’, longametraxe tamén apoiada pola canle pública galega.
‘Os espazos en branco’, no que colabora o ente público, impúxose na categoría de mellor documental. E na categoría de mellor realización o premiado foi ‘O Gran Camiño. Grandes Rutas a Pé do Mundo’, participado tamén pola TVG.