CRTVG Viva - CRTVG
CRTVG Viva
Arenteiro-Tarazona, Celta Fortuna-Real Unión e Lugo-Sestao, partidos destacados na G2 e AGalega.gal

Santiago, 13.02.2025.- As retransmisións deportivas da Televisión de Galicia a través da segunda canle, a G2, e da plataforma AGalega.gal comezan na tarde do sábado. Desde as cinco, os espectadores terán ocasión de ver en acción o Arenteiro e o Tarazona, nunha das citas da Primeira RFEF. Tras os últimos resultados, os do Carballiño necesitan os tres puntos para non quedar descolgados das primeiras prazas que dan dereito a entrar na fase de ascenso á Segunda División profesional.
Ao remate comezará o Bergantiños-Salamanca, correspondente á Segunda RFEF. O equipo de Carballo caeu á zona de descenso logo de sufrir dúas derrotas consecutivas pola mínima nas últimas saídas. Ademais, o rival é un dos candidatos a disputar en xuño as eliminatorias de promoción de ascenso.
O domingo pola mañá, ás doce, as cámaras estarán presentes no campo de Barreiro, onde o Celta Fortuna recibe ao Real Unión de Irún. A situación do filial olívico comeza a ser preocupante e necesita sumar canto antes para non seguir na dinámica negativa que o está achegando á zona perigosa da táboa. Pola tarde, ás catro, o estadio Anxo Carro acollerá o Lugo-Sestao, que ten sabor a final xa que os dous están inmersos na pelexa pola permanencia. Para o conxunto vasco é algo agardado, xa que o cadro de xogadores esta configurado co único obxectivo de permanecer. Con todo, non é o caso dos galegos, programados cando menos para entrar nos postos de fase de ascenso.
A Liga da Segunda RFEF tamén estará presente na tarde dominical, desde as cinco, co Coruxo-Laredo no campo do Vao. A emisión chegará de xeito íntegro a través de AGalega.gal e a segunda parte ofrecerase tamén pola segunda canle, xunto antes de que o baloncesto tome o mando na televisión autonómica. Ás sete, o Obradoiro saltará á pista de Burgos para enfrontarse ao San Pablo, o líder da competición. Os santiagueses
están indo a máis e afrontarán esta saída co obxectivo de desquitarse da final da Copa de España que perderon hai unhas semanas no mesmo escenario e ante o mesmo rival.
‘En xogo’
O domingo pola noite, contra as dez e vinte e cinco, os espectadores da G2 e de AGalega.gal terán ocasión de ver unha nova entrega do programa ‘En xogo’. Os resumos dos partidos Atlético de Madrid-Celta, Eldense-Deportivo e Mirandés-Rácing de Ferrol ocuparán a primeira parte do espazo, coa análise dos ex futbolistas Roberto Lago e Dani Mallo. Logo chegará o tempo para as ligas da Federación, cos goles e as mellores xogadas da xornada.
Deportes tras os telexornais
A primeira canle da Televisión de Galicia mantén informados aos afeccionados ao deporte con dúas entregas diarias, tras os telexornais. Minutos despois das tres da tarde e pasadas ás nove da noite, a redacción deportiva da TVG ofrece toda a actualidade, que na fin de semana pasa pola última hora dos nosos equipos nas principais competicións de fútbol e baloncesto, xunto as mellores imaxes do balonmán, hóckey sobre patíns, fútbol sala e voleibol.
O Mirandés-Rácing de Ferrol abre este venres as retransmisións de ‘Galicia en Goles’

Santiago, 14.02.2025.- Esta fin de semana, os equipos galegos reparten o calendario das categorías profesionais de fútbol desde a noite do venres e ata a tarde do domingo. O primeiro partido do calendario xogarase este venres e a Radio Galega adianta o ‘Galicia en Goles’ ás 20.15 h para contar ata as 00:00 h desde o estadio Anduva o partido da Segunda División entre o Mirandés e o Rácing de Ferrol. A saída preséntase complexa, xa que o rival é o cuarto da clasificación e ten a ocasión de subir ata prazas de ascenso directo no caso de sumar os tres puntos. Pola sua banda, o equipo departamental continúa a carreira contra o reloxo para escapar do descenso e nas contas de Alejandro Menéndez é obrigado gañar polo menos a metade dos encontros que restan ata o final do campionato. Ademais, o programa conectará co fútbol da Primeira RFEF, xa que o Ourense C. F. abre a xornada no Reina Sofía ante o Unionistas de Salamanca.
A sesión do sábado comezará ás 14:20 h cunha ampla despregadura no estadio Metropolitano, onde o Celta visita o Atlético de Madrid, o segundo clasificado. O equipo colchoeiro saltará ao céspede sabendo o resultado do líder, o Real Madrid, en Pamplona. Ese resultado afectará os homes de Simeone, que terán a ocasión de asaltar a cabeza da Primeira División no caso de que fallen os de Ancelotti. A tarde deportiva complétase co Arenteiro-Tarazona, da Primeira RFEF, e o Langreo-Fabril e o Bergantiños-Salamanca, da Segunda RFEF. Ademais, o balonmán europeo estará presente coa ida dos cuartos de final da European Cup, na que o Porriño se mide ao OFN de Grecia.
Xa o domingo, a edición matinal principiará ás 11:45 h. A Primeira feminina cita en Riazor o Deportivo da Coruña e o Atlético de Madrid, mentres nas ligas masculinas da Federación o interese pasará polo Celta Fortuna-Real Unión de Irún e Escobedo-Compostela. A partir das 14:20 h, a segunda función do ‘Galicia en Goles’ concentrarase no Pepico Amat, co encontro da Segunda División entre o Eldense e o Deportivo da Coruña. O obxectivo de Óscar Gilsanz é sumar outro triunfo, desta volta ante un rival en postos de descenso, para seguir medrando na clasificación e superar xa a zona intermedia.
A axenda complétase coa Segunda RFEF, en que o Pontevedra xoga en Luanco ante o Marino e o Coruxo no Vao ante o Laredo. O baloncesto tamén estará presente, coa xornada da Primeira FEB e a Liga Feminina: San Pablo Burgos-Obradoiro, Uni Ferrol-Jairis e Celta-Salamanca. Por último, o Porriño afronta en Grecia o desenlace da eliminatoria europea ante o OFN. Cando rematen as competicións, contra as dez da noite, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ pasarán consulta para analizar os resultados dos nosos equipos nas principais categorías.
Audios de Radio Galega nos operadores televisivos
Esta fin de semana, dúas retransmisións da Radio Galega chegarán a través das opcións de audio dos operadores televisivos, O venres, ás 20:30 h, os afeccionados do Racing de Ferrol terán ocasión de ver o partido ante o Mirandés escoitando a narración de ‘Galicia en Goles’. O mesmo sucederá o domingo, ás catro e cuarto da tarde, coa celebración do Eldense-Deportivo da Coruña.
#GaliciaEnXogo
O sábado, o ‘Galicia en Goles’ reserva dúas horas para o proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo. Ás 15:00 h, o programa recibe a organizadora da carreira para a integración que organiza o concello de Barbadás. Outro dos asuntos de interese será a doma clásica. Xa pola noite, ás 23:00 h, chegará a actualidade do motor, na conta atrás para o comezo dunha nova temporada. Ás 23:30 h, a información olímpica completará a emisión co axenda dos deportistas galegos que compiten neste ciclo que rematará cos Xogos dos Ánxeles no 2028.
Lucía Pérez e Karina cántanlle ao amor no 'Luar' deste venres, Día de San Valentín

Santiago, 14.02.2025.- Neste Día de San Valentín, as cancións de amor serán protagonistas no programa ‘Luar’, que ofrecerá a actuación dunha das cantantes galegas de máis éxito dos últimos anos: Lucía Pérez, cuxa traxectoria estivo sempre marcada por unha vibrante evolución artística. A artista do Incio presentaralle a público e audiencia o seu novo sinxelo, titulado ‘Tanto’, antesala do seu oitavo disco. Este tema, un canto de amor propio, reflicte a súa madurez artística e a súa capacidade para fusionar diferentes influencias musicais, neste caso, a galega e a mexicana. Ademais, a maxia da tecnoloxía levaraa a cantar co lembrado Camilo Sesto o seu mítico ‘Vivir así é morrer de amor’.
O espazo da TVG tamén contará esta semana coa presenza da cantante Karina, unha das voces máis emblemáticas da música española durante as décadas dos 60 e 70, deixando unha pegada indeleble con cancións que se converteron en historia, como ‘Las flechas del amor’, que hoxe interpretará no escenario, ademais doutros éxitos inesquecibles.
Ademais, este venres visita ‘Luar’ o bailarín e coreógrafo andaluz Rafael Amargo, que triunfou por todo o mundo cos seus espectáculos, en que as esencias máis puras do flamenco se funden con tendencias máis actuais e con coreografías moi próximas ao baile contemporáneo.
Por outro lado, o programa contará hoxe cunha representación musical do país veciño: Omiri, un dos proxectos máis orixinais de reinvención da música de raíz portuguesa, unha mestura de folk tradicional con música electrónica. Nos últimos anos, Omiri consolidouse como un proxecto internacional, levando a tradición lusa aos catro recunchos do mundo e actuando nos festivais nacionais e internacionais máis importantes.
Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez recibirá no escenario a cantante Tamara Pérez e a orquestra Solara. Os sons da música tradicional galega chegarán da man do Grupo Arreixeira.
En canto aos concursos de talentos de ‘Luar’, en ‘Vai de Baile’ enfrontaranse nesta ocasión as parellas Lumieira e D’Arredore. E en ‘Recantos’ chegaralle a quenda a Joel O Mariachi, procedente de Ourense sur, e a Natalia Rivera, representante da comarca Terras da Coruña.
A TVG participa no proxecto 'Holoconferencias e realidade estendida' presentado hoxe na BBC en Londres

Santiago, 12.02.2025.- O proxecto ‘Holoconferencing and Social XR for Education, Telecommunication, and Entertainment” (HIS-XR)’ apoiado pola CRTVG, preséntase este mércores en Londres na xornada de innovación organizada polo IBC Accelerator Media Innovation Programme, programa internacional de innovación aplicada á industria dos medios de comunicación da International Broadcasting Convention (IBC).
En colaboración coa empresa de Santiago de Compostela TESLA Technologies, a CRTVG está a apoiar o proxecto HIS-XR, que conta con múltiples aplicacións entre as que destaca a inclusión de hologramas nos directos en televisión. Deste xeito, búscase que un convidado, a través dun holograma, poida integrarse no relato narrativo dos programas. O HIS-XR preséntase no marco do 2025 Kickstart Day do IBC xunto con outros once proxectos que compiten para ser seleccionados.
A BBC acolle a xornada na súa sede central de Londres, coa presenza de profesionais de canles de comunicación e produción de entretemento de toda Europa, entre eles a xefa de Innovación no Entorno Dixital da Corporación, Esther Medina, e cun amplo programa arredor da innovación aplicada ao sector audiovisual. Este proxecto de realidade aumentada abre un novo camiño no eido da innovación na Corporación, que traballa para unir tecnoloxía e servizo público e ofrecer así contidos inmersivos nun futuro próximo.
Bibopalula preséntase no Kidscreen de San Diego
Por outra parte, tamén no eido da internacionalización, a primeira serie musical de animación en galego ‘Bibopalula’, participa esta semana no Kidscreen Summit, o foro profesional do sector especializado en contidos infantís e xuvenís que se celebra en San Diego (California, EUA).
Este produto feito para a TVG pola produtora Undodez está a explorar mercados internacionais para súa expansión tralo éxito acadado desde a súa estrea no mes de novembro na plataforma Xabarin.gal, onde se colocou desde o primeiro intre como o contido máis visto desde o lanzamento.
Xabarin.gal, lanzada en xaneiro de 2024, é a maior plataforma de contidos audiovisuais en galego do mundo.
Grande acollida na estrea de 'A Coral' en Santiago de Compostela este martes á noite

Santiago, 11.02.2025.- A estrea da microserie ‘A Coral’, produción de Tex 45 para a TVG, celebrouse este martes en Santiago de Compostela cun rotundo éxito de convocatoria. O evento, que tivo lugar nos cines As Cancelas, contou coa presenza do elenco, equipo técnico e numerosos convidados que non quixeron perderse a presentación dos dous últimos capítulos da nova comedia da Galega.
A velada comezou cun photocall polo que foi pasando todo o elenco da serie, entre eles, Carlos Blanco, Marta Larralde, Eva Iglesias, Marcos Pereiro, María Pérez, Teresa Nóvoa, Elba Pedrosa, Miguel Novoa, Laura Casal, Paula Jorge Hortas, Fran Paz, Graciela Zúñiga, Jesús Ríos, José Manuel Sánchez, Ana Vázquez e Manu Casal.
Outros artistas moi coñecidos polos galegos que foron partícipes desta posta de longo, foron Pili Pampín, María Mera e César Romero, da orquestra Cinema. Tamén se achegaron á presentación distintos presentadores dos medios públicos galegos, como Iván Mariñas, Sevi Martínez Ferreiro, Raquel Atanes, Noelia Rey, Borja Duarte, Esther Estévez e Estíbaliz Veiga, así como profesionais doutros medios de comunicación e produtoras, como José Luis Gómez, Jacobo Domínguez, Luis Collazo, Israel López e Uxía Soutullo, entre outros moitos.
A proxección dos episodios 12 e 13 consolidou o ton humorístico que caracteriza á serie, provocando risas entre os espectadores. Dirixida por Ricardo Llovo, ‘A Coral’ narra a adaptación dun prestixioso director musical, Manuel, ao liderado do coro dunha pequena aldea galega.
Outro dos momentos da noite foi a actuación en primicia da coral da serie, que puxo o toque musical á noite coa interpretación do tema ‘Tataravoa’, composto por Fillas de Cassandra.
A TVG emitirá dous novos capítulos cada domingo en horario de prime time, mentres que a plataforma dixital AGalega.gal xa ten dispoñibles os primeiros sete episodios para consumo á demanda. .
AGalega.gal estrea hoxe 'Espazo mural', un programa sobre o mundo do graffiti e os artistas urbanos galegos

Santiago, 11.02.2025.- Esta semana AGalega.gal incorpora novas producións audiovisuais e un novo programa á súa oferta. Cómpre salientar a estrea na plataforma este martes de ‘Espazo mural’, programa que se mergulla no mundo do graffiti e a arte urbana, mostrando o proceso creativo de diversos artistas galegos, que transforman espazos en auténticas obras de arte.
O catálogo amplíase, amais, con novos contidos como a serie británica ‘O chofer’ (mércores 12), protagonizada por David Morrissey e Colm Meaney, que introduce os espectadores no mundo do crime a través da historia dun taxista atrapado nunha rede de delincuencia. A vida dun taxista, cansado de lidar con pasaxeiros difíciles, cun coche en mal estado e cun soldo miserable, cambia drasticamente cando o xefe dunha banda criminal (Colm Meaney) lle ofrece traballo, cun auto de luxo, bo salario e total dispoñibilidade.
O xoves 13 será a quenda da curtametraxe galega ‘O coidado’, unha reflexión sobre a soidade e a tecnoloxía. Esta curta dirixida por Miguel Canalejo aborda os problemas dun home para vivir só, polo que recibe o envío dun androide para mellorar a súa calidade de vida. Esta mesma xornada tamén estará dispoñible, despois da súa emisión na TVG, o thriller ‘Vixiados’, en que dúas parellas alugan unha casa para unha escapada de fin de semana, pero axiña sospeitan que o caseiro se dedica a espialos.
Cara á fin de semana, AGalega.gal sumará máis novidades, coa comedia romántica ‘Cuestión de paciencia’ (venres 14), onde unha cociñeira se debate entre o amor e os seus soños profesionais, e o drama ‘Unha cita no parque’ (sábado 15), unha emotiva historia sobre segundas oportunidades.
E como é habitual, o luns 10 de febreiro estará dispoñible tamén unha nova entrega do reality máis atrevido da plataforma da CRTVG, ‘Salvaxe’. Os concursantes enfrontaranse nesta décimo primeira entrega a novos retos e decisións.
Os videoxogos, a música urbana e a economía protagonizan os novos podcasts de AGalegaAudio.gal

Santiago, 04.01.2025.- Agalegaudio.gal celebra o seu primeiro ano de vida con catro novas estreas en exclusiva: ‘Na fin do xogo’, ‘Polisón’, ‘A mirada económica’ e a segunda temporada de ‘Un ollo de vidro’.
Videoxogos e músicas de vangarda
Super Mario, Tomb Raider, Sonic, Jelly is Hungry ou Xerme serán algúns do videoxogos emblemáticos que cada semana redescubrirá ‘Na fin do xogo’, un podcast comandando polo equipo de Recuncho Gamer que desvelará as historias que hai detrás da creación de cada un deles, mais tamén as historias que hai detrás de persoeiros da cultura e sociedade galega na súa experiencia aos mandos dunha consola.
‘Na fin de xogo’ é un podcast divulgativo que buscar fomentar os videoxogos como un produto cultural así como seguir derrubando mitos e estereotipos a través dun ton desenfadado e accesible para todos os públicos poñendo en valor o traballo dos profesionais galegos neste sector.
Músicas urbanas e de vangarda
A música será o eixo central de ‘Polisón’, un espazo sonoro especializado en músicas como a electrónica, o hip hop, o dub, o funk, etc. no que se recollen tanto pezas clásicas como novidades procedentes das editoras musicais máis importantes do panorama galego e mundial (TruThoughts, Sonar Kollektiv,Brainfeeder, Ninja Tune, Ubiquity, Daptone, Stones Throw, Compost, Lovemonk, Big Dada, BBE).
Máis alá dunha presentación de temas, ‘Polisón’ é toda unha inmersión nestes xéneros a través de monográficos, entrevistas e do rescate de rarezas sonoras ou discográficas, nunha aposta por engadir valor a través do contexto, analizando a incidencia destas músicas no devir de moitos sons da escena actual,desde o trap ao reggaeton.
Economía, clara e accesible
Ofrecer unha visión clara e accesible da economía e o obxectivo de ‘A mirada económica’. Un espazo innovador que busca democratizar o coñecemento económico e achegar os temas financeiros á vida cotiá das persoas. Entre eles, a inflación, o acceso á vivenda, as criptomoedas ou o crecente impacto da intelixencia artificial no mercado laboral, cun debate sobre as oportunidades e riscos desta tecnoloxía. Cun enfoque fresco e dinámico, ‘A mirada económica” quere dar respostas ás preguntas claves que todos nos facemos. Que impacto teñen as decisións económicas nos nosos petos?
Novos capítulos de ‘Un ollo de vidro’
Volve ademais ‘Un ollo de vidro’, o espazo no que se contan os contos de onte e de sempre. Contos que nos fan “ver” coa mente o que os nosos oídos escoitan mentres os ollos non miran. Nesta nova temporada, o noso particular ollo, lévanos a contar as cousas de Tolkien, de Ernest Hemingway, de Castelao ou Bram Stoker, entre outros.
Un ano de AgalegaAudio.gal
AgalegaAudio.gal celebra o seu primeiro ano de vida como a plataforma de referencia da radio en galego na que se atopa toda a programación da Radio Galega así como un amplo abano de podcasts e contidos nativos exclusivos. AgalegaAudio.gal é gratuíta e está a disposición da audiencia desde calquera parte do planeta. Pódese descargar desde Google Play, Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes (dispoñible para descargar en versión iOS e Android).
As longametraxes da TVG 'As Neves', 'Honeymoon' e '+Cuñados' copan as candidaturas finalistas aos Premios Mestre Mateo 2025

Santiago, 06.02.2025.- Tres longametraxes participadas pola TVG, ‘As Neves’ (13 candidaturas), ‘Honeymoon’ (con 10) e ’+ Cuñados’ (con 8) copan as candidaturas finalistas aos Premios Mestre Mateo deste 2025, xunto coa serie ‘Rapa’.
‘Honeymoon’ coloca tres dos seus intérpretes nas categorías finalistas, Javier Gutiérrez como protagonista e Antonio Durán ‘Morris’ e María Vázquez en elenco. Completan as categorías de interpretación protagonista Federico Pérez, por ‘+ Cuñados’; Carmen Machi, por ‘Tratamos demasiado bien a las mujeres’; Andrea Varela, por ‘As Neves’, e Lucía Veiga, por ‘Na Gloria’, que tamén consegue ser finalista en elenco por ‘As Neves’.
No apartado a Mellor Comunicador compiten Estíbaliz Veiga (‘Din que non falan’), Juan Fuentes (‘Quen anda aí’), e Paco Lodeiro (‘Atrápame se podes’). No apartado de Mellor Serie de TV, compite polo Mestre Mateo a serie da Televisión de Galicia e a produtora Undodez ‘Bibopalula’, dispoñible en Xabarin.gal.
Como finalistas a Mellor Longametraxe, TVG conta con ‘Xustiza artificial’, amais de ‘As Neves’, ‘+ Cuñados’ e ‘Honeymoon’, filmes tamén finalistas no apartado á Mellor Dirección, Sonia Méndez, por ‘As Neves’; Luis Avilés, por ‘+ Cuñados’, e Enrique Otero, por ‘Honeymoon’.
Na categoría de Mellor Programa, foron seleccionados os espazos da TVG ‘Cos pés na terra’, ‘Nosoutras’ e ‘Recollendo músicas’, todos eles dispoñibles na plataforma dixital dos medios públicos, AGalega.gal. Os catro documentais finalistas son producións participadas pola TVG: ‘Aurora’, ‘Filmei paxaros voando’, ‘Prefiro condenarme’ e ‘Salvaxe, salvaxe’.
Na categoría de Dirección de Produción foron elixidas finalistas as producións da TVG ‘+ Cuñados’, 'As neves', e ‘Prefiro condenarme’. En Mellor Dirección de fotografía compiten tres producións apoiadas pola canle: Alberte Branco, por ‘Prefiro condenarme’; Lucía C. Pan, por ‘As Neves’, e Sergio Franco, por ‘Honeymoon’. E en Mellor Dirección de Arte, Andrea Pozo, por ‘+ Cuñados’; Curru Garabal, por ‘Tratamos demasiado bien a las mujeres’, e Elia Robles, por ‘As Neves’.
Compiten tamén na categoría de Mellor Montaxe ‘Honeymoon’, ‘As Neves’ e ‘+ Cuñados’. As producións da canle galega son tamén finalistas nas categorías de Maquillaxe e Peiteado e Vestiario, entre outras. No apartado de Mellor Serie Web competirá ‘Pringadas’ con participación da TVG.
A Academia Galega do Audiovisual celebrará a gala de entrega de premios o vindeiro 15 de marzo no Lalín Arena de Lalín (Pontevedra), presentada pola actriz Teté Delgado.
Chegan novas series infantís e de anime ás plataformas dixitais da CRTVG este mes de febreiro

Santiago, 04.02.2025.- O mes de febreiro trae variadas estreas para o público infantil e xuvenil, tanto en Xabarin.gal como na sección de anime de AGalega.gal. As plataformas actualizan a súa programación con máis cine de animación, series clásicas remasterizadas, novas aventuras para os máis pequenos e a chegada de animes emblemáticos en galego.
Shin Chan viaxa ao Xapón feudal e Doraemon descobre a súa orixe
A primeira estrea chega o venres 7 de febreiro, co lanzamento en Xabarin.gal do filme ‘Shin Chan e o pequeno samurai’. Nesta nova aventura, Shin Chan é teletransportado ao período Sengoku tras atopar unha misteriosa carta no seu xardín. Alí coñece a Matabe, un samurai ao que lle salva a vida. Mentres tanto, os seus pais buscan a maneira de viaxar ao pasado para rescatalo e, de paso, axudan a impedir o asedio dunha cidade.
O venres 21 será a quenda da longametraxe ‘O nacemento de Doraemon’, que explora a orixe do famoso robot azulado. Fabricado inicialmente como un autómata para coidar nenos, un erro de fabricación convérteo nun robot zoupón pero entrañable. A historia amosa como Doraemon se converte no inseparable amigo de Nobita, despois de ser enviado ao pasado polo seu primeiro dono, Sewashii.
Este mesmo día tamén se estrean 26 novos capítulos de ‘A abella Maia’, que continúan a súa viaxe descubrindo a natureza.
Heidi remasterizada e novas aventuras en Bibopalula
O venres 14 chega ‘Heidi’ remasterizada, unha serie clásica dirixida por Isao Takahata, cofundador do Studio Ghibli. Heidi, unha nena orfa, vai vivir co seu avó nos Alpes suízos, onde descubrirá a maxia da natureza e fará novos amigos como Pedro, o pastor.
Para o público máis pequeno, o venres 28 estrearanse 15 novos capítulos de ‘Bibopalula’. A serie segue as aventuras da Banda do Bosque, formada por un paporrubio, un merlo, unha pega e un picapau, que exploran os ciclos da natureza a través da música e a amizade. Pensada para nenos e nenas en idade preescolar, entre 3 e 6 anos, ‘Bibopalula’ busca acompañar as primeiras miradas sobre o medio natural.
O mellor do anime en galego con Samurai Champloo
A maiores, a sección de anime de AGalega.gal amplía o seu catálogo co lanzamento dos primeiros 5 capítulos de ‘Samurai Champloo’. Esta serie de culto combina acción, humor e unha estética única, seguindo as aventuras de Fuu, unha moza decidida a atopar o “samurai que cheira a xirasois”, acompañada de Mugen, un espadachín impulsivo, e Jin, un ronin tranquilo e estoico.
Febreiro comeza en AGalega.gal coa estrea do espazo cultural 'Léocho'

Santiago, 03.02.2025.- Semana de destacadas estreas en AGalega.gal, cuxos usuarios poderán gozar de novidades que van desde o lanzamento dun espazo sobre a lectura e o mundo dos libros, un documental sobre medio ambiente, e dúas novas producións galegas: unha comedia e unha curtametraxe.
A plataforma dixital da CRTVG disporá o martes de todos os episodios do programa ‘Léocho’, en que a escritora e divulgadora María Canosa realiza unha viaxe fascinante para animar á lectura de xeito divertido e didáctico. Coñeceranse autores, librarías, clubs de lectura, editoras, ilustradores, tradutores, encadernadores e demais profesionais que traballan no universo dos libros.
‘Léocho’ irá á procura de criaturas fantásticas na literatura galega, dedicará tempo a falar de libros galegos de gastronomía, de obras inspiradas en biografías ou de novelas históricas, entre outros xéneros. Interesarase tamén pola adaptación ao cinema de novelas, pola conciliación da profesión coa vocación de escribir ou mesmo pola fascinación que crean as historias de libros perdidos e recuperados. Polas súas distintas entregas pasarán escritores destacados das nosas letras, como Pedro Feijoo, Francisco Castro, Xabier Quiroga, Antonio Reigosa ou Xavier Castro, que descubrirán como desenvolven o proceso creativo e amosarán o seu perfil menos coñecido.
O mércores chegará á plataforma ‘Recambio climático’, serie documental que reflexiona, en dous capítulos, sobre as accións cidadás e políticas relacionadas coa preservación do medio ambiente.
O Premio Goya á mellor curtametraxe de animación na pasada edición, ‘To bird or not to bird’ (Martín Romero, 2023), estará dispoñible desde o xoves, 6 de febreiro. Nun mundo dominado polo humanos, as aves parecen adoptar os mesmos hábitos, preocupacións e obsesións insalubres. De xeito esperpéntico, os espectadores asisten ás problemáticas e malos costumes da nosa sociedade actual representados por unha bandada de paxaros. Unha produción que convida á reflexión sobre o camiño que está tomando o ser humano e a degradación que vive como especie.
Nova serie ‘A coral’, desde o domingo
As estreas desta semana en AGalega.gal complétanse o domingo (21:00 horas) coa nova serie da TVG ‘A coral’. Unha comedia de sete episodios, cun amplo e sobresaínte elenco, con Carlos Blanco, Marta Larralde, Eva Iglesias, Marcos Pereiro, María Pérez, Teresa Nóvoa, Elba Pedrosa e Manu Casal, entre outros.
Dirixida por Ricardo Llovo, a serie arranca tras un incidente que se difunde polas redes, a Manuel despídeno do seu traballo como profesor de música e director da coral dun prestixioso colexio. Ante a falta de ofertas, vese na obriga de aceptar a proposta que lle fai Suso, un antigo amigo, agora concelleiro na súa vila, para dirixir un pequeno coro de aldea. Co traballo vén tamén a nova vivenda, situada na parte superior dunha antiga escola unitaria, onde levarán a cabo os ensaios.
E como é habitual, o luns 3 de febreiro estará dispoñible tamén unha nova entrega do reality máis atrevido da plataforma da CRTVG, ‘Salvaxe’. Os concursantes enfrontaranse nesta décima entrega a novos retos e decisións.
A TVG lidera en información en xaneiro e bate récords de crecemento dixital

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2025. A Televisión de Galicia (TVG) consolídase como referente informativo e de entretemento liderando en informativos e nas franxas da mañá e da tarde no mes de xaneiro. Segundo os datos de Kantar Media, a canle pechou xaneiro cunha cota de pantalla do 9,5%, alcanzando unha media do 10,7% polas mañás e do 10,1% polas tardes.
Os servizos informativos da TVG seguen sendo a opción preferida da audiencia, chegando a 1.422.000 galegos de máis de 4 anos. No ámbito dixital, o “Telexornal Mediodía” é tamén o informativo máis visto na plataforma AGalega.gal.
Por días da semana, destacan os venres, cunha cota do 10,9%, os mércores, cun 10,2%, e tamén o prime time do sábado, no que a TVG foi líder nesta disputada franxa.
EXPANSIÓN DIXITAL SEN PRECEDENTES: G24 CRECE UN 500% EN 2024
A aposta dixital da CRTVG tradúcese nun crecemento récord dos servizos informativos de G24 en redes sociais. Durante 2024, as contas en Facebook, Instagram e TikTok rexistraron un aumento do 512% en interaccións con respecto ao ano anterior, acadando os 9,1 millóns. As reproducións de contidos superaron os 354 millóns (+501%), mentres que as impresións chegaron aos 240 millóns (+80%).
Pero é que, tamén no entretemento, o 2024 foi un ano de récord no eido dixital. As contas propias de Televisión de Galicia cos agregados de Facebook, Instagram, Youtube e TikTok recabaron 130 millóns de impresións, un 67% máis ca en 2023, 150 millóns de reproducións (+121,4%) e 3,2 millóns de interaccións (+82%).
Ademais, as plataformas dixitais AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal lograron, no seu primeiro ano de vida, preto de dous millóns de usuarios e máis de 11 millóns de páxinas vistas en máis de 200 países, converténdose na maior oferta audiovisual en galego do mundo.
Estas cifras consolidan a Corporación como un servizo público en plena expansión, e que chega ao inicio do seu 40 aniversario no momento de maior alcance da historia desde a súa creación en 1985.
A CRTVG convoca os 'Premios AGalega.gal' para celebrar o aniversario das súas tres plataformas

Santiago, 17.01.2025.- Nos seus 40 anos de historia a CRTVG foi, e segue sendo, un dos actores fundamentais para a difusión da lingua e a cultura galegas. O último fito desenvolvido pola Corporación para dotar de aínda máis relevancia a nosa lingua de forma global foi o nacemento o 17 de xaneiro de 2024 das súas tres plataformas: AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarín.gal.
Este venres, as tres OTT cumpren un ano de vida e os datos reflicten unha penetración extraordinaria na sociedade galega e fóra de Galicia, o que levou a AGalega.gal a colocarse no TOP 10 de plataformas máis vistas de España, sendo xunto coa de 3CAT as dúas únicas OTT deses dez primeiros postos que non emiten en castelán. AGalega.gal foi tamén visualizada en máis de 200 (203) países, entre os que destacan, polo seu consumo, O Reino Unido, os Estados Unidos, Suíza ou A Arxentina.
Para celebrar este aniversario, a CRTVG anuncia a convocatoria dos ‘I Premios AGalega.gal’. Será un concurso aberto a todos os seguidores rexistrados nas plataformas, que poderán votar as súas series favoritas, os mellores contidos para escoitar no coche ou para ver no autobús, o mellor podcast, o espazo de entretemento máis valorado ou a mellor serie infantil.
Millóns de interaccións e máis de 25.000 de contidos
Entre as tres plataformas, a cifra de usuarios chega xa preto dos dous millóns (1.860.000) e superando os 11 millóns de páxinas vistas. O 60% do consumo faise desde dispositivos móbiles, o que cumpre co obxectivo marcado en xaneiro de 2024 de achegar os contidos en galego á audiencia máis nova. En total, a día de hoxe, son 25.403 os contidos dispoñibles para o seu consumo a demanda, formando, tanto de forma individual como no conxunto das tres plataformas, a maior oferta de contidos en galego do mundo, e sen custo para o usuario. Esta oferta compleméntase coa emisión do sinal en directo das canles TVG, G2, Radio Galega, Radio Galega Música, Son Galicia Radio, Radio Picariña, e das canles temáticas de Xabarín: Pequerrech@s, Cativ@s e Mociñ@s.
O máis visto de AGalega.gal
O contido informativo máis visto deste ano a través de AGalega.gal foi o ‘Telexornal Mediodía’. E entre os contidos de entretemento repártense protagonismo series exclusivas como ‘Na Gloria’; programas como o ‘Land Rober Tunai Show’ e ‘Curando o Mundo’ co cirurxián Diego González Rivas; series históricas como ‘Matalobos’ e ‘Pratos Combinados’; contidos nativos dixitais como ‘Raíña-me’, ‘Sexo con senso’ e ‘Pringadas’. En series documentais descaca ‘Historias de aquí’ co capítulo ‘Marín. Escola de oficiais’. E entre as longametraxes destacan ‘Cuñados’, ‘A esmorga’ e ‘O que arde’.
‘Pensando en ti’ lidera tamén en AGalegaAudio.gal
En AGalegaAudio.gal lidera as audiencias de ‘Pensando en ti’ e as emisións en directo, moi especialmente as deportivas, seguido dos espazos informativos. AGalegaAudio.gal é xa a plataforma de referencia da radio en galego e o lugar onde atopar os mellores podcasts nativos con curiosidades do cinema en ‘Superando a ficción’, narrando a historia de Galicia en ‘Arredor de nós’ ou recreando os clásicos da literatura en ‘Un ollo de vidro’.
Xabarin.gal estrea sección
Xabarin.gal conta coa maior oferta de contidos en galego para a cativada da historia da televisión en Galicia. Os contidos de anime seguen a ser un dos sinais de identidade dos espazos infantís e xuvenís, e son tamén os contidos máis vistos neste primeiro ano de vida, entre eles ‘O detective Conan’, ‘Sakura’, ‘Shin Chan’ e ‘Gardiáns da noite’. O filme galego ‘Valentina’ e series galegas como ‘Os bolechas’ son tamén algún dos contidos máis visitados, destacando a irrupción de “Bibopalula”, que se converteu na serie máis vista de Xabarín.gal desde a súa estrea no mes de novembro.
Este venres, no día do seu primeiro aniversario, Xabarin.gal estrea unha nova sección: os aniversarios do Xabarín Club. Deste xeito, os socios do club da Galega que fagan anos poderán verse en todos os dispositivos e compartilo con amigos e familiares. Ademais, este día estréase tamén o filme ‘Pan: viaxe a nunca xamais’, protagonizado por Hugh Jackman, Levi Miller, Rooney Mara, Garrett Hedlund e Amanda Seyfried.
O 'Atrápame se podes' da Televisión de Galicia recolle o Premio Iris ao Mellor Programa Autonómico 2024

Santiago, 15.01.2025.- O programa ‘Atrápame se podes’, emitido pola Televisión de Galicia, recolleu onte o Premio Iris ao Mellor Programa Autonómico 2024, outorgado pola Academia de Televisión e das Ciencias e das Artes do Audiovisual. En representación da TVG, Paco Lodeiro, así como os presentadores das distintas versións do concurso, recibiron esta distinción coa que o organismo recoñeceu a calidade e éxito deste concurso familiar, con versións en case todas as canles autonómicas e destacados premios económicos.
A Academia de Televisión destacou este formato, consolidado en once canles autonómicas, como un dos espazos favoritos da audiencia. Na concesión deste premio tamén se salientou que no concurso cultural teñen moito peso os contidos autonómicos propios, con preguntas sobre a historia, o deporte, a música, a política e a cultura de cada comunidade en que se emite.
O concurso, presentado por Paco Lodeiro na Televisión de Galicia, combina humor, cultura xeral e a participación activa dos concursantes, logrando cativar tanto a espectadores de todas as idades como a crítica especializada. Desde a súa estrea en 2021, o espazo das noites da TVG leva repartida unha cantidade de diñeiro que supera os 320.000 € a máis de 780 participantes no concurso ordinario, tanto a través dos tres botes gañados coma dos premios diarios de 200 euros, que levan aqueles concursantes que completan a escaleira antes que o rival, aínda fallando algunha das cinco preguntas finais. Cómpre salientar que no tempo que leva en antena, o ‘Atrápame se podes’ entregou o maior premio na historia da TVG, consistente en 101.800 euros.
Concedéronse tamén outros galardóns autonómicos, como o de Mellor Presentador Autonómico a Manu Sánchez, por ‘Somos música’ (Canal Sur). A entrega do premio tivo lugar no Gran Teatro Caixabank Príncipe Pío en Madrid, nunha gala que reuniu os principais profesionais do sector audiovisual español.
A TVG participa en 7 novos proxectos de cine: 4 longametraxes, unha cinta de animación e 2 documentais

Santiago, 30.12.2024.- Televisión de Galicia pecha o ano cunha nova aposta polo audiovisual galego coa participación en sete novos proxectos cinematográficos, dos que cinco son películas –unha de animación- e dous son proxectos documentais. Poderanse ver tanto na TVG como na plataforma dixital: www.agalega.gal.
No canto das longametraxes dúas delas son películas de alto presuposto nas que participan outras canles públicas coma TVE ou TV3. É o caso do proxecto do recoñecido produtor Ramón Campos, ‘Rondallas’, unha película costumista e apegada á identidade galega nunha vila mariñeira, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo; e de ‘Romaría’, na que a directora Carla Simón percorre a paisaxe da costa galega cara a procura das súas orixes familiares.
A terceira longametraxe, ‘As defensas’, será a ópera prima de Lucía Estévez, que dirixe e escribe unha historia que relata o descubrimento persoal en torno a tres eixos: a familia, o amor e a danza no Vigo dos anos oitenta. TVG tamén participará en ‘Mil ourelas’, ficción ambientada nos Ancares lucenses e que emprega dispositivos documentais integrados de xeito natural, facendo fincapé en tres importantes nocións da cultura popular: comunidade, transmisión e transcendencia.
Ademais, a longametraxe de animación seleccionada pola Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica da CRTVG é ‘Chica e lobo’, historia de suspense e fantasía con claras referencias ao anime xaponés e ao cómic francés. A cinta, producida por Xosé Zapata, será dirixida por Roc Espinet.
Os dous proxectos documentais apoiados nesta convocatoria son ‘Xalundes’, no que o director Xacio Baño transforma a lenda do Monte Medulio nunha escusa para aprender a mirar cara a montaña; e o proxecto ‘Todo é cárcere’, de Fílmika Galaika, que será dirixido por Eloy Enciso. Trátase dun documental creativo de memoria histórica que propón unha viaxe polo territorio español a partir dos lugares nos que existiron campos de concentración e que destaca por contrapoñer os relatos sobre o día a día daquela reclusión co estado e usos deses espazos hoxe en día.
Toda a información sobre esta resolución e as cintas apoiadas está dispoñible no Portal de Transparencia.
Xabarin.gal amplía a súa oferta para un Nadal cheo de aventuras e divertimento infantil

Santiago, 20.12.2024.- A plataforma infantil da CRTVG Xabarín.gal amplía este Nadal a súa oferta audiovisual coa incorporación de máis contidos, entre eles 20 novos episodios de ‘Bibopalula’, a primeira serie musical de animación en galego, coproducida pola CRTVG con Undodez e dirixida a nenos de ata 4 anos, que Xabarín.gal estreou en exclusiva este mes.
O luns, 23 de decembro, Xabarín.gal estreará unha sección especial de Nadal, amais dun especial protagonizado por Betty Atómica. O día de Noiteboa a cativada poderá gozar de ‘A LEGO película’, unha aventura chea de humor e acción que conta a historia de Emmet, unha figuriña de Lego destinada a salvar o mundo.
Xabarín.gal despide o ano coa estrea de 30 capítulos da serie familiar ‘Chupóns’ (27 de decembro), unha banda de amigos cuxas personalidades chocan constantemente; e coa película ‘Happy Feet: Na gran colonia dos pingüíns emperador’ (31 de decembro), onde o pingüín bailarín Mumble trasladará os espectadores ata a Antártida. Complétanse as estreas infantís de Nadal co lanzamento da serie clásica ‘Marco’ (3 de xaneiro) e a película ‘Cegoñas’ (6 de xaneiro).
A plataforma dispón tamén de tres longametraxes recentemente estreadas: ‘3 minutos para salvar ao mundo’ e ‘Mil e unha aventuras’, coas peripecias de Shin Chan e Doraemon como protagonistas, respectivamente, ou a serie ‘Os Bolechas. Orquestra de Nadal’, cos seus personaxes rodeados de música, ledicia, ritmos e instrumentos musicais.
Xabarín.gal é a maior oferta audiovisual en galego para a cativada da historia da televisión en Galicia, con 4.500 contidos dispoñibles. Nunca antes houbera un lugar onde os pícaros tiveran un lugar de seu á carta onde gozar de contidos exclusivos e categorizados por idades. O mellor xeito para desfrutar de Xabarín.gal é rexistrándose gratuitamente na plataforma. Está tamén dispoñible para descargar en versión iOS e Android.
Ademais, e no marco das súas #AcciónsG de Responsabilidade Social Corporativa, a CRTVG está levando a cabo neste mes de decembro unha campaña de presentación dos seus contidos infantís en galego á comunidade educativa. Esta iniciativa, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dando a coñecer a plataforma en centros de Educación Infantil e de Primaria das principais cidades de Galicia co obxecto de incrementar o emprego do galego entre os máis cativos.
Esta acción divulgativa terá continuidade no 2025, ano en que os medios públicos galegos celebrarán o seu 40º aniversario, cun plan de actividades para achegarlle á cidadanía os contidos e canles da Corporación.
O 'Atrápame se podes' da Televisión de Galicia recibe o Premio Iris ao Mellor Programa Autonómico 2024

Santiago, 18.12.2024.- O programa ‘Atrápame se podes’, emitido pola Televisión de Galicia, foi galardoado co Premio Iris ao Mellor Programa Autonómico 2024, un recoñecemento outorgado pola Academia de Televisión e das Ciencias e das Artes do Audiovisual. O organismo recoñece a calidade e éxito deste concurso familiar, con versións en case todas as canles autonómicas e destacados premios económicos.
A Academia de Televisión destaca este “formato de gran valor para a televisión do noso país”, adaptado e consolidado nas distintas canles autonómicas como un dos espazos favoritos da audiencia. Na concesión deste premio salientouse tamén que neste concurso cultural teñen moito peso os contidos autonómicos propios, con preguntas sobre a historia, o deporte, a música, a política e a cultura de cada comunidade en que se emite. Amais da TVG, este concurso achégase con éxito na maioría das canles autonómicas de FORTA (ETB2, Aragón TV, TV3, CMMedia, Canal Sur, IB3, TVC, Á Punt, Telemadrid e Canal Estremadura).
O concurso, presentado por Paco Lodeiro na Televisión de Galicia, combina humor, cultura xeral e a participación activa dos concursantes, logrando cativar tanto a espectadores de todas as idades como á crítica especializada. Desde a súa estrea en 2021, o espazo das noites da TVG leva repartida unha cantidade de diñeiro que supera os 320.000 € a máis de 780 participantes no concurso ordinario, tanto a través dos tres botes gañados coma dos premios diarios de 200 euros, que levan aqueles concursantes que completan a escaleira antes que o rival, aínda fallando algunha das cinco preguntas finais. Cómpre salientar que no tempo que leva en antena, o ‘Atrápame se podes’ entregou o maior premio na historia da TVG, consistente en 101.800 euros.
A Academia de Televisión fixo público tamén hoxe a concesión do Mellor Presentador Autonómico a Manu Sánchez, por ‘Somos música’ (Canal Sur). A entrega do premio terá lugar o próximo 14 de xaneiro no Gran Teatro Caixabank Príncipe Pío en Madrid, nunha gala que reunirá os principais profesionais do sector audiovisual español.
Alba López proclámase gañadora da quinta edición de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios'

Santiago, 12.12.2024.- Alba López, unha das concursantes preferidas desde o principio, proclamouse onte gañadora da quinta edición de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’. A de Arteixo conseguía a vitoria tras recibir a máxima puntuación por parte do xurado, formado por Iago Pico, Carolina Rubirosa, Roi Casal e Antón Reixa. Alba tamén recibiu a máxima puntuación por parte do público, e quedou segunda na puntuación dos padriños.
Os catro padriños das grandes orquestras galegas (Lito, da Panorama; Blas, da París de Noia; Diego Barbazán, da Olympus, e Noly, de Los Satélites) decidiron dar a súa máxima puntuación a Yamohe, outra das favoritas, que quedou de segunda tras a suma de todos os puntos. Terceira quedou a concursante Cristina Eirós.
A final de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ tivo tres fases e contou coa participación de cinco finalistas: Costas, de Fornelos de Montes; Carlos Cereijo, de Begonte; Yamohe, de Cuba; Cristina, de Ourense, e Alba, a gañadora, natural de Arteixo. Nas dúas primeiras fases quedaron apeados do concurso Carlos Cereijo e Costas.
Na gran final do programa da TVG tamén actuaron nun divertido medley os tres concursantes non finalistas: Tamy, enfermeira que vive en Salvaterra de Miño; o cantante venezolano-galego Luís Febres e o divertido Iván Iglesias, de Tui. Tamén participou na gala o cantante Daniel Gigirei, gañador da cuarta edición da Liga, que interpretou o tema co que o ano pasado conseguiu a vitoria e lle fixo entrega do trofeo á súa sucesora.
A gañadora, Alba López, será a protagonista dunha gran gala coral con toda a familia de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’. Esta quinta edición do concurso serviu, unha vez máis, para unir a familia das orquestras coa da televisión e descubrir novos talentos. O programa presentado pola carismática e polifacética María Mera foi case todos os días foi líder de audiencia na súa franxa horaria, con gran fidelidade e cifras de visionado espectaculares tamén nas redes.
A TVG remata o ano como a canle máis vista de Galicia

Santiago, 10.12.2024.- Televisión de Galicia remata o ano como comezou, sendo a canle máis vista de Galicia, segundo os datos coñecidos hoxe da terceira onda do Estudo Xeral de Medios (EXM), no que están reflectidos os resultados de todos os grandes grupos de comunicación de España, tanto públicos como privados.
A TVG liderou en todas as ondas dos EXM do ano, e a terceira onda do Estudo Xeral de Medios non foi unha excepción. Os datos de todo o ano 2024 apoian este liderado cunha cota do 20,1%, case duplicando os resultados de TVE (11,3%) e avantaxando en máis de 7 puntos a seguinte canle privada (Antena 3, cun 12,7%).
Líderes en informativos
Os galegos elixen maioritariamente a TVG para informarse. Na franxa da mañá (08:00 a 13:30 h), a que abrangue desde o ‘Bos días’ ata ‘O Termómetro’, a cota é do 20,9%, superando o seu competidor máis próximo nesta franxa, La Sexta (16,8%), en 4,1 puntos de share. E na franxa de informativos máis vista do día, a do mediodía (entre as 13:00 e as 17:00 h, co bloque informativo ‘Galicia Noticias’ mais ‘Telexornal Mediodía’), a TVG segue a liderar e sobe unha vez máis en audiencia, ata acadar o 35,8% de cota de pantalla, superando a Antena 3 (10,8%) e a RTVE con 5,6%.
Líder tamén entre as canles autonómicas
Entre as televisións autonómicas reunidas na FORTA, a Televisión de Galicia tamén remata o ano sendo a canle máis vista todos os días da semana, superando en 1,9 puntos a seguinte canle máis vista da Federación de Organismos Autonómicos.
Por días da semana, destacan as cotas de pantalla acadadas por TVG os venres (23,3%) e sábados (29,6%).
A Radio Galega é a emisora pública líder de Galicia e coa audiencia máis fiel
A Radio Galega é a emisora pública máis escoitada de Galicia. Os datos desta terceira onda do ano do EXM reflicten que o conxunto das emisoras de Radio Galega alcanzan os 152.000 oíntes de luns a venres, un 11% con respecto á onda anterior. A Radio Galega acada os 117.000 de luns a domingo, cuadruplicando en audiencia a outra emisora pública que emite no país (RNE, 28.000 oíntes). No acumulado anual, o conxunto das emisoras da CRTVG logra 133.000 diarios de luns a domingo.
Cómpre salientar o liderado da RG en media de minutos de escoita por oínte, con 138 minutos por oínte, por diante da Cadena SER (135 minutos) e EsRadio (119 minutos). Este dato é o indicador de fidelidade da audiencia, polo que a audiencia da Radio Galega é a máis fiel de Galicia.
Deportes e entretemento na madrugada
‘Galicia en goles’, conducido por Xoán Galán, marca a mellor cifra da súa historia, con 150.000 oíntes na fin de semana. O programa da madrugada, ‘Pensando en ti’, segue a ser líder, con 37.000 ‘orellas peludas’, como se denominan os oíntes do programa conducido por Raquel Rosa, de luns a venres, e por Marcial Mouzo nas fins de semana.
Esta última onda do EXM deste ano reflicte ademais a notoria suba de Radio Galega Música, que chega aos 39.000 oíntes de luns a venres, o que supón un incremento, o segundo consecutivo, do 160%, con 24.000 novos oíntes con respecto á onda anterior.
AGalega.gal ascende ao TOP 10 das plataformas máis vistas de España

Santiago, 06.12.2024.- As plataformas da CRTVG seguen a medrar e, sen alcanzar aínda ao ano de vida, a AGalega.gal acaba de colocarse no TOP 10 das OTT máis vistas de España, segundo reflicte o informe do mes de novembro da consultora Barlovento. Cabe destacar que nos primeiros 10 postos da lista só hai dúas OTT que non emiten en castelán, AGalega.gal e 3CAT, o que incrementa a relevancia da posición da plataforma galega xa que o seu público albo é moito menor que noutras ofertas.
O 17 de xaneiro de 2025 cumprirase o primeiro aniversario do lanzamento das tres OTT da CRTVG, e AGalega.gal xa acadou a día de hoxe máis de 1.400.000 usuarios únicos, con máis de catro millóns e medio de sesións iniciadas, e foi descargada en máis de 200 países, sendo a maior plataforma de contidos en galego do mundo, e sen custo para o usuario.
O máis visto do mes de novembro
AGalega.gal é xa unha das novas fiestras consolidadas para ver a emisión en lineal da TVG, G2 e os eventos especiais de deportes. No caso dos informativos, o máis visto en AGalega.gal é o ‘Telexornal mediodía’.
En canto aos programas máis consumidos deste mes de novembro destacan ‘Curando o mundo’ do doutor Diego González Rivas, e os clásicos da TVG ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Hora galega’ ou ‘Galicia bonita’. A ficción segue a ter un peso fundamental no consumo baixo demanda, e as series clásicas ‘Matalobos’, ‘Mareas vivas’ e ‘Pratos combinados’ conviven con estreas máis recentes como ‘Na Gloria’, sendo todas elas produtos de consumo recorrente.
No mes de novembro destaca tamén ‘Pringadas’ como o contido máis consumido na sección Xeración Zeta, sumando audiencias novas para a plataforma. O cine e os documentais tamén son un dos piares da oferta, especialmente os galegos, onde destacan as recentes estreas dos filmes ‘O corpo aberto’ e ‘Sica’.
Xunto con AGalega, naceron AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal. AGalegaAudio.gal xa está consolidada non só como a plataforma de referencia da radio en galego senón como o lugar onde atopar os mellores podcasts e os contidos nativos dixitais da radio.
Explosión de Xabarín.gal con ‘Bibopalula’
Pola súa banda, Xabarín.gal segue a medrar como o que é, a maior oferta de contidos en galego para a cativada da historia da televisión en Galicia. Nunca antes houbera un lugar onde os pícaros tiveran un lugar de seu á carta onde gozar de contidos exclusivos e categorizados por idades. Os clásicos do Xabarín como ‘Shin Chan’ teñen un público fiel na plataforma que a sitúa a esta serie como o segundo contido máis visto xunto cos vídeos do Xabarín.
O primeiro posto é para á ultima irrupción en Xabarín.gal. A serie musical para os máis pequerrechos, ‘Bibopalula’, situouse dende o seu lanzamento o pasado venres como o máis visto en Xabarin.gal. Esta última fin de semana de novembro, o consumo en Xabarin.gal medrou máis do 50 % no número de usuarios con respecto a semana anterior, aumentando tamén o número de descargas da app Xabarín tanto en IOS como en Android.
'A liga dos cantantes extraordinarios' celebra este mércores as súas semifinais

Santiago, 4.12.2024.- O programa ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ (23:00 h) chega hoxe ás semifinais. Dúas concursantes xa están clasificadas para a gran final da vindeira semana e hoxe non compiten, pero o resto de compañeiros loitarán por conseguir un lugar.
O concurso presentado por María Mera deixa así atrás once programas onde os aspirantes acumularon puntos e desa clasificación saíron as primeiras dúas finalistas. O resto dos concursantes están hoxe cos nervios a flor de pel, xa que tres deles incorporaranse á final xunto a elas e outros tres quedarán fóra do soño de converterse en gañador.
Pola contra, Iago Pico, Roi Casal, Carolina Rubirosa e Antón Reixa, os membros do xurado, respirarán esta noite un pouco ao saber que o público e os padriños tamén participarán na elección dos concursantes que pasan á final.
Será un programa decisivo con moitas sorpresas da man dos seis protagonistas que quedan na loita do gran agasallo, sen esquecer un obxectivo: coroarse como o ‘mellor cantante galego’ e lograr o premio de cantar nunha espectacular gala coas caras máis coñecidas do panorama verbeneiro galego.