div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Catro producións apoiadas pola TVG compiten esta semana no Festival de Cine de Málaga

‘As Neves’ e ‘Tratamos demasiado ben as mulleres’ optan á Biznaga de Ouro

As cintas ‘Aurora’ e ‘Salvaxe, salvaxe’ foron seleccionadas na sección oficial de longametraxes documentais

crtvg.gal 05/03/2024 12:03

Santiago, 05.03.2023.-    Catro producións apoiadas pola CRTVG participan no Festival de Cine Málaga, un dos encontros máis importantes da industria cinematográfica española, que se celebra ata o 10 de marzo na capital da Costa do Sol. Compiten na Sección Oficial, optando á Biznaga de Ouro, dúas cintas, ‘As Neves’ e ‘Tratamos demasiado ben as mulleres’, mentres que ‘Aurora’ e ‘Salvaxe, salvaxe’ foron seleccionadas na categoría de longametraxes documentais.

Dirixida por Sonia Méndez, ‘As Neves’ desenvólvese nunha vila galega de montaña onde todos se coñecen. A noite de Entroido un grupo de adolescentes celebra unha festa e dróganse con cogomelos. Ao día seguinte espertan cun temporal de neve e coa noticia de que Paula, unha das rapazas da festa, desapareceu. A vila queda incomunicada e cada vez é máis urxente atopala. Iníciase unha investigación que causará un fondo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo.

Con Carmen Machi e Antonio de la Torre como protagonistas e baixo a dirección de Clara Bilbao, ‘Tratamos demasiado ben as mulleres’ é unha comedia negra ambientada nos anos 40 do século pasado. A historia ten como protagonista a Remedios Buendía, que defende a súa patria e loitará por ela por enriba de todo. Un fatídico día de outono de 1945, un grupo de maquis á fuga ten a mala idea de tomar a estafeta onde Remedios, ilusionada, proba a o seu vestido de noiva.

Aurora’, dirixida pola realizadora viguesa Area Erina, é un traballo cinematográfico rodado durante máis de 10 anos que se centra na vida dunha muller rural galega e ofrece unha ollada íntima e auténtica. A través da vida desta muller, explóranse temas universais como a familia, o traballo, a violencia de xénero, a adversidade e a resiliencia.

En ‘Salvaxe, salvaxe’, a cámara de Emilio Fonseca adéntrase nos montes galego-portugueses rastrexando imaxes e ausencias do lobo ibérico. Este ensaio fílmico atravesa unha historia relacional cargada de sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe.

Apoio ao cine galego

A CRTVG mantén un apoio sostido a proxectos cinematográficos en galego e propicia a súa competitividade non só a escala nacional, senón tamén no mercado internacional. Este investimento en cultura, e particularmente no cine e a promoción da lingua e a ficción galega, é un labor continuo que se plasma en convocatorias anuais de proxectos audiovisuais no marco do coñecido como apoio do 6 %, na participación directa nas producións ou ben na adquisición de dereitos. Favorécese así o sostemento dun sector audiovisual en Galicia no que a Corporación desenvolve un papel clave desde os seus inicios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade