Volve 'Dallas' á Televisión de Galicia - CSAG
Volve 'Dallas' á Televisión de Galicia
De luns a venres, a TVG ofrecerá cada noite dous episodios da serie que axudou a popularizar o galego na televisión
A súa chegada á canle galega en 1985 constituíu un auténtico acontecemento social

Santiago, 2.7.2026.- Ambición, poder, cartos, traizóns e conflitos familiares. A mítica serie ‘Dallas’, un dos maiores fenómenos televisivos de todos os tempos, regresa este verán á TVG co malvado X. R. Ewing á fronte. Televisión de Galicia recupera a emisión de ‘Dallas’ para a súa oferta de entretemento, desde o 6 de xullo en horario de late night -00:05 horas-.
De luns a venres, a canle galega emitirá dous episodios diarios desta produción centrada nos Ewing, unha das familias máis poderosas de Texas (EUA), que constrúe a súa fortuna arredor do petróleo e a gandaría, entre loitas polo control do imperio petroleiro, romances, vinganzas, alianzas cambiantes e segredos familiares.
No centro de todas as intrigas atópase X.R. Ewing, interpretado por Larry Hagman, un dos grandes viláns da pequena pantalla. Astuto e implacable nos negocios, o herdeiro de Ewing Oil comparte o rancho Southfork cos seus pais, o seu irmán Bobby e a súa cuñada Pamela. O seu infeliz matrimonio con Sue Ellen deu lugar a algunhas das escenas máis lembradas da televisión e a expresións que quedaron gravadas na nosa memoria.
A chegada de ‘Dallas’ á TVG en 1985 constituíu un auténtico acontecemento social. Para moitos espectadores foi unha das primeiras grandes producións internacionais, con 150 capítulos, que seguiron en galego de maneira regular, contribuíndo á normalización da lingua e facendo que frases escoitadas na serie pasasen a formar parte das conversas cotiás dos galegos. A serie foi, ademais, unha das producións máis exportadas e dobradas da historia da televisión.