Tanxugueiras e Amancio Prada encabezan un 'Luar' especial que dá a benvida ao Día das Letras Galegas - CRTVG
Tanxugueiras e Amancio Prada encabezan un 'Luar' especial que dá a benvida ao Día das Letras Galegas
O programa, que celebra a poesía popular oral cunha edición chea de música tradicional e voces galegas, conta tamén coas actuacións de Samuel Soto, Nunca e tarde ou Wanila, entre outros

Santiago, 16.05.2025.- ‘Luar’ (21:50 horas) celebra en directo a chegada do Día das Letras Galegas cun programa especial dedicado á poesía popular oral, onde son protagonistas a música, a memoria e a tradición. O trío Tanxugueiras lidera un cartel en que tamén destaca a presenza do cantautor Amancio Prada, que conmemora 50 anos desde a edición do seu primeiro disco. Prada ofrecerá dous temas emblemáticos: ‘Adiós ríos, adiós fontes’ e ‘Pra Habana’.
Tamén pasarán polo escenario Wanila, novo proxecto formado por dúas mulleres, Lidia e a coñecida presentadora Trisha Fernández; a orquestra La Ocaband; e Samuel Soto, quen continúa a súa tradición de compoñer un tema novo cada ano con motivo das Letras Galegas.
Desde Boiro, Nunca é tarde, grupo de pandeireteiras que achegará a forza das voces femininas transmisoras da tradición. O músico e investigador Xurxo Fernandes, acompañado pola informante María Dezas, interpretará un tema recollido do repertorio oral.
Na sección ‘Vai de baile’, os grupos Trapallada e D'Arredore competirán coas súas coreografías tradicionais, mentres que no ‘Recantos’ será a quenda para Nazaret Reyes (Bergantiños) e Natalia Rivera (Terras da Coruña). E no apartado humorístico, ‘Luar’ contará coas intervencións humorísticas da Sra. de Palmírez.