div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Segundas oportunidades, mentiras e faíscas esta noite en Cambados, escenario de 'O amor está en Galicia'

A TVG achega este mércores unha dobre entrega (22:40 h) na capital do albariño, con catro citas intensas e historias que poden rematar en brindis ou en despedida

csag.gal 04/03/2026 00:01

Santiago, 4.3.2026.-    ‘O amor está en Galicia’ ofrece este mércores unha nova emisión dobre desde Cambados, nunha noite que promete emocións intensas e decisións inesperadas. Catro historias cruzaranse nun escenario onde cada palabra conta e cada silencio pesa. Segundas oportunidades, revelacións que poden cambialo todo e unha pregunta no aire: prenderá o amor na capital do albariño… ou quedará só nun brinde?

Desde o corazón do Salnés, o programa arrinca cunha repetidora que non deixou indiferente a ninguén, Yolanda Argibay, de 19 anos, cambadesa e intensa, volve xogar na casa. Busca alguén que saiba o que quere e que sexa máis alto que ela. O destino ponlle diante a Gianfranco Pilla, de 29 anos, técnico de radiodiagnóstico, e 1,96 de altura. Poderá un furacán atopar equilibrio nun xigante romántico?

Continúa ‘O amor está en Galicia’ con Dania, fotógrafa compostelá que terá diante a Gustavo Fuentes, de 22 anos, operario de fábrica, músico apaixonado polos clásicos dos 70, 80 e 90. El promete namorala cunha canción e ela quere aventura e complicidade. Haberá serenata con final feliz… ou desafinará o corazón?

A segunda parte da noite achegará unha historia de superación e carácter. María Santiago, con 51 anos e de Portosín, está separada desde hai 10 anos e tras comezar de cero na súa vida persoal e profesional, busca un home activo, seguro e con aspecto xuvenil. O seu reto será Manuel Cimadevila, de 42 anos, garda civil, tatuaxes e dúas fillas ás que adora. Sincero, intenso e cociñeiro de arroces estrela… haberá química ou demasiada esixencia?

E na última cita, a súa amiga Maika Maneiro, mariscadora de Porto do Son, de 50 anos, non soporta a mentira e ten as cousas claras. Diante dela estará Sebastián Suárez, con 46 anos, figurante e auxiliar de produción, tímido ao principio pero cantante e tamborileiro cando colle confianza. O seu soño é atopar a coprotagonista da súa historia. Ela quere verdade. el leva 8 anos solteiro. saltarán faíscas… ou saltará o pronto?

Este mércores, despois do ‘Land Rober + Show’, nova noite de emocións e decisións que poden cambiar as vidas dos catro aspirantes a namorarse.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade