div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Ribadeo é esta semana o escenario de 'A miña gran cidade', con Belinda Washington como anfitrioa e Xosé Ramón Gayoso como convidado

Un paseo en barco pola ría, un xantar na pequena aldea de Rinlo, unha visita á praia das Catedrais e un percorrido polo pasado indiano da vila serán as experiencias que vivirán estas dúas iconas da televisión

csag.gal 18/10/2025 02:00

Santiago, 18.10.2025.-   No norte, onde Galicia se asoma ao Cantábrico, agóchase unha vila de mar e historias: Ribadeo. Alí, entre rías, acantilados e rúas cheas de memoria, desenvolverase hoxe unha nova entrega do programa ‘A miña gran cidade’ (22:10 h), en que unha superestrela da televisión española abrirá as portas do seu refuxio para ensinarllo a un dos rostros máis queridos do país.

A anfitrioa de hoxe é unha icona da televisión que se refuxia na Mariña lucense desde hai décadas para fuxir do ruído da gran cidade. Medio escocesa, medio española, pero mariñá de acollida, a carismática Belinda Washington foi referente da televisión en España nos anos 90, cando triunfou á fronte de programas emblemáticos. Non só destacou diante das cámaras, senón tamén nos escenarios, como actriz.

O seu convidado, a quen intentará convencer de pasar uns días de vacacións en Ribadeo, será unha lenda viva da televisión en Galicia: Xosé Ramón Gayoso. O presentador de ‘Luar’ estudou Dereito e exerceu de avogado en Madrid uns anos, pero en 1985 a súa vocación traeríao de volta a Galicia para probar sorte na TVG, o que sería o seu fogar para toda a vida.

Para engaloiar a Gayoso, Belinda ten preparadas catro espectaculares experiencias. A primeira delas comezará no porto deportivo de Ribadeo e será un paseo en barco pola ría do Eo, a cuxo termo se achegarán ata Rinlo, a parroquia máis pequena de Ribadeo, pero, sen dúbida, un dos lugares con máis encanto de toda a Mariña. Alí gozarán dun xantar na Confraría, consistente en cigalas, percebes e un delicioso lumbrigante con arroz.

Non podía faltar unha visita á praia das Catedrais, onde o xeólogo Fran Canosa lles explicará a orixe desa marabilla natural. O percorrido rematará nas rúas principais de Ribadeo, unha vila moi coñecida polo seu pasado indiano, o dos galegos que marcharon facer as Américas. Este achegamento á historia indiana estará acompañado da música tradicional dos Pandeireteiros do Inferno.

Pero, coma sempre, a anfitrioa de ‘A miña gran cidade’ disporá de só unha hora para amosar as bondades da súa vila. Será tempo dabondo? Quedará Gayoso en Ribadeo ou collerá o billete de volta?

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade