div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Real Sociedade-Celta, este martes na Radio Galega e AGalegaAudio.gal

Desde as oito menos cuarto da tarde, antepenúltima xornada da Primeira División

crtvg.gal 12/05/2025 13:45

Santiago, 12.05.2025.- A Liga de fútbol entra na recta final da temporada. Este martes, a partir das oito menos cuarto da tarde, a Radio Galega e a plataforma AGalegaAudio.gal retransmiten en directo o partido correspondente á antepenúltima xornada da Primeira División entre a Real Sociedade e o Celta. O equipo vigués está preto de conseguir unha praza europea e puntuar en Anoeta achegaría o obxectivo antes de recibir o Raio Vallecano o domingo en Balaídos.

O Celta afronta a viaxe tras derrotar o sábado ao Sevilla por 3-2, xogando máis de corenta e cinco minutos con dez futbolistas pola expulsión de Marcos Alonso, que cumprirá a sanción en San Sebastián. Mentres, a Real foi goleada polo Atlético de Madrid no estadio Metropolitano, con catro goles de Sorloth. Así e todo, o equipo que prepara Imanol Alguacil mantén aínda opcións de entrar na zona europea e todo pasa por sumar os tres puntos nesta cita.

Roberto Carlos Carballo acompañará un día máis ao Celta co micrófono de ‘Galicia en goles’ para relatar todo o que suceda sobre o terreo de xogo. Xunto a el estará o adestrador galego Francisco Fernández Alonso, ademais dos especialistas habituais: Víctor López, Jose Valtierra e Xabier Rodríguez Campos. Paco Santos encargarase de repartir xogo e a partir das dez da noite tomará o mando Pedro Pablo Alonso para abrir mesa de debate e ofrecer en directo as conferencias de prensa dos adestradores e as entrevistas aos principais protagonistas, nunha nova entrega de ‘Ao contraataque’.

O Real Sociedade-Celta abrirá o martes unha semana que estará chea de retransmisións deportivas na Radio Galega e AGalegaAudio.gal. Así, o venres comezan os cuartos de final polo ascenso á Liga ACB, co Obradoiro recibindo ao Palencia no multiusos Fontes do Sar. O ‘Galicia en goles’ dará cobertura ao partido desde as oito e media do serán, ademais de analizar todo o calendario deportivo da fin de semana. O sábado destaca o Deportivo-Granada da Segunda División xunto á penúltima xornada da Primeira Federación, co Lugo xogando a permanencia no Anxo Carro ante o Zamora. O domingo o protagonismo volverá ser para o Celta, cunha ampla despregadura que comezará ás doce menos cuarto desde os arredores de Balaídos, onde os seareiros celebrarán unha festa de final de temporada. Ás sete chegará o encontro ante o Raio Vallecano, outro rival directo por entrar en Europa, e desde as nove os oíntes terán a oportunidade de escoitar aos protagonistas e posteriormente a análise do xogo na mesa de debate cos analistas.
 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade