Os expertos de 'Somos animais' traballarán hoxe cunha cadela de asistencia que se leva mal cos nenos - CSAG
Os expertos de 'Somos animais' traballarán hoxe cunha cadela de asistencia que se leva mal cos nenos
O programa tamén se enfrontará ao caso doutra cadela dunha explotación gandeira que só pensa en traballar e ignora totalmente o seu dono

Santiago, 23.04.2026.- Na entrega desta semana do programa ‘Somos Animais’ (22:35 h), o seu presentador, Hugo Cabaleiro, enfrontarase a un dos casos máis impresionantes da súa vida, o da dálmata Djebel, unha cadela de asistencia que foi adestrada para previr os ataques de diabetes do seu dono e salvarlle a vida.
Esta dálmata de detección de enfermidades, de 7 anos, adestrou durante 3 para ser cadela de asistencia. O seu dono, Óscar, pode ir con ela onde queira pola súa enfermidade, unha diabetes mitocondrial con resistencia á insulina subcutánea. Djebel avísao cando ten perigo de sufrir un coma diabético, unha síncope ou unha convulsión epiléptica. É unha cadela sociable coas persoas, pero tímida e desconfiada, e o seu principal problema e que se leva mal cos nenos, polo que despois dunha mala experiencia, Óscar e a súa parella teñen que desviar os seus paseos para evitalos.
Pola súa parte, Jorge, o experto de ‘Somos Animais’, vai coñecer a Dama, unha cadela moi particular que só pensa en traballar e alindar as vacas, polo que ignora o seu dono por completo.
Víctor lévaa todos os días con el no coche desde a casa ata a explotación gandeira e gustaríalle que fose atada, pero é imposible poñerlle o arnés. É unha cadela dispersa que non atende cando a chaman polo nome, e, aínda que intentou remedialo con premios, o resultado foi o contrario. Tamén presenta problemas de comportamento á hora de bañala e cos peregrinos, aos que ladra e lles amosa os dentes cando pasan preto da súa casa, que está no Camiño de Santiago.