O xurado atrévese a desmontar o Swing del Combo, este sábado en 'A Orquestra Perfecta' - CSAG
O xurado atrévese a desmontar o Swing del Combo, este sábado en 'A Orquestra Perfecta'
Kenneth, finalista do Benidorm Fest e fichaxe estrela da formación, medirase con Davinia, Juan Carlos Balbuena, Full Javi e Brian Hervada polos dous únicos postos na gran final

Santiago, 5.9.2026.- O Swing del Combo leva case tres décadas facendo bailar Galicia. Pero este sábado, ás 21:55 horas, o xurado de ‘A Orquestra Perfecta’ atreverase a desmontalo peza a peza para responder unha pregunta incómoda: quen é verdadeiramente imprescindible no Combo Dominicano e ten que pasar á Orquestra Perfecta?
Kenneth regresa como fichaxe estrela despois do seu paso polo Benidorm Fest; Davinia defenderá o seu peso dentro e fóra do escenario; Juan Carlos Balbuena poñerá sobre a mesa 34 anos de historia na formación; e Full Javi e Brian Hervada chegarán dispostos a romper todos os prognósticos.
Cinco nomes con argumentos para gañar, pero só dous postos na gran final.
Alí xa agardan Oliver e Alba Navarro, da París de Noia; Santi Pulido e Néstor Peña, de Origen; Marta Fernández, de Trébol; Vanessa Fernández, de Gran Parada; Christian Mene e Danni Lamas, de Finisterre Project; Raúl Campo e Katty Méndez, de Marbella; e os últimos clasificados, Noly e María José Pereira, de Os Satélites.
Kenneth: a fichaxe estrela tampouco ten asegurado o pase
Fillo dunha familia venezolana, Kenneth chegou a Galicia con 14 anos despois dunha infancia marcada polas mudanzas. Aquí atopou os mellores amigos da súa vida e un lugar que non está disposto a abandonar, nin sequera despois de que o seu paso polo Benidorm Fest lle abrise as portas dunha posible carreira en Madrid.
Agora regresa ao Combo como a gran fichaxe da temporada. Pero o xurado preguntará se está preparado para integrarse nunha superorquestra ou se a súa ambición e o seu brillo individual acabarán levándoo cara a unha carreira en solitario.
Davinia: unha raíña marcada polo sacrificio
Davinia Fleitas é cantante, estilista e unha das responsables da imaxe das xiras do Combo. Leva 19 anos xunto ao director da formación, Cirano Núñez.
A súa historia máis difícil chegou coa maternidade. Tivo que volver á orquestra cando a súa filla Cloe tiña só tres meses, co apoio imprescindible do seu pai, Carlos. Davinia lembrará con emoción aquela etapa xusto despois da pandemia e farao antes de interpretar ‘La Reina’ e afrontar o reto de cantar fóra do seu rexistro habitual.
Juan Carlos Balbuena: de peiteador a estrela da verbena galega
Juan Carlos Balbuena traballaba como peiteador cando lle preguntaron se coñecía algún cantante. Atrevido e sen pensalo demasiado, respondeu: “Eu. Eu son cantante”. Aquela pequena mentira converteuse nunha carreira de 34 anos no Combo Dominicano.
Hoxe é o corazón da formación e un dos artistas con máis carisma da verbena. Pero o xurado abrirá un debate perigoso: está tan ligado ao Combo que resulta imposible imaxinalo noutra orquestra ou precisamente o seu oficio convérteo en imprescindible? A pregunta será inevitable: pode existir o Swing del Combo sen Balbuena?
Full Javi e Brian Hervada ameazan os favoritos
Full Javi chegará cunha vida chea de xiros: deixou Cuba, viviu durante meses en China tocando nun club sen falar inglés nin chinés e aínda conserva na illa unha das persoas que máis bota de menos, a súa avoa. A súa voz e a súa conexión co público poden alterar todas as quinielas.
Brian Hervada defenderá a versatilidade dun artista capaz de cantar, animar e tocar o baixo e a guitarra. A súa mocidade convérteo nunha aposta de futuro, pero o xurado dubidará de se xa ten a madurez necesaria para ocupar un dos dous postos.
O Combo sométese a unha proba inesperada
Víctor Antón, ‘o sincero’ do xurado, comezará o programa cuestionando que o Combo Dominicano poida considerarse unha orquestra galega. A formación naceu nas Canarias, pero leva vinte anos pasando media vida en Galicia e instalándose cada temporada en Bertamiráns.
Para facelo cambiar de opinión, o Combo participará nunha foliada coa Requinta de Lampai e Ultreia, cantará en galego, bailará ‘O Sacho’, atreverase co aturuxo e improvisará un ‘reguetón do país’. Unha mestura de Caribe e Galicia que ameaza con transformar a formación no Combo Pangalaico.
Só dous sairán da Sala de Contratación
Ao remate das actuacións, o xurado deberá entrar na Sala de Contratación e escoller só dous nomes. Non poderá premiar todas as traxectorias: terá que deixar fóra artistas que parecían destinados á final.
Unha fichaxe estrela, unha raíña, unha lenda do merengue e dous aspirantes capaces de romper os prognósticos.
Este sábado, ‘A Orquestra Perfecta’ desmonta o Combo Dominicano para descubrir quen resulta realmente imprescindible.