O programa 'Expediente oculto' volve esta noite sobre o dobre crime de Arbo, o dunha parella asasinada nun coche polo exmozo dela - CSAG
O programa 'Expediente oculto' volve esta noite sobre o dobre crime de Arbo, o dunha parella asasinada nun coche polo exmozo dela
O espazo presentado por Patricia Abet tamén porá o foco nos falsos médicos

Santiago, 9.11.2026.- Dous disparos, dous mortos e un coche oculto nunha pista forestal. ‘Expediente Oculto’ (22:50 h) volve hoxe sobre o dobre crime de Arbo, acontecido xullo de 2015 neste municipio pontevedrés.
O interior dese vehículo converteuse na tumba de Beatriz e Sergio, pero tamén foi a clave para dar co seu verdugo tras 21 horas de investigación frenética, como testemuñará o sarxento primeiro da Policía Xudicial de GC de Pontevedra, Javier Quiroga. O espazo da TVG analizará este dobre crime, o dun home que matou cunha escopeta a súa exparella e o novo mozo da muller, con testemuños impactantes que hoxe verán a luz.
O programa presentado por Patricia Abet tamén porá o foco nos falsos médicos, capaces de introducirse en hospitais e ata de asinar partes de defunción. Cal é o papel das vítimas? Que arriscan no xuízo? Canto tardan en chegar as condenas? Serán algunhas das preguntas ás que contestará na mesa de ‘Expediente Oculto’, o presidente do Colexio de Médicos de Lugo, Eduardo Colmet.
Tamén participarán esta noite como colaboradores Xosé Antonio Vázquez Taín, Elena Villanueva, Jorge Sobral e Antón López.