div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O ‘Galicia en goles’ continúa durante o verán coas retransmisións dos partidos da selección española de fútbol no Mundial 2026

Este xoves, desde as sete e media da tarde, primeiro partido das eliminatorias finais ante Austria

csag.gal 02/07/2026 11:05

Santiago, 2.7.2026.-   A Radio Galega e AGalegaAudio.gal ofrecen este xoves unha edición especial de ‘Galicia en goles’ para contar o partido de dezaseisavos de final do Mundial 2026 entre as seleccións absolutas de España e Austria. Desde as sete e media da tarde a ata as doce da noite. Lucía Junquera dirixe unha edición especial para vivir desde o punto de vista galego o primeiro cruzamento das eliminatorias finais para o equipo que dirixe Luis de la Fuente.

O SoFi Stadium dos Ánxeles reúne dúas seleccións que van revivir o enfrontamento da Arxentina 78, cando na primeira xornada da fase de grupos Austria gañaba por 2-1 ao cadro daquela dirixido por Ladislao Kubala. Pasaron xa 48 anos dun partido que deixou unha pegada negativa no fútbol español, aínda que vinte e un anos despois a España de Camacho meteulle un histórico 9-0 en partido de clasificación para a Eurocopa.

‘Galicia en goles’ comezará a emisión hora e media antes do inicio para ofrecer a previa máis completa. O programa contará coa participación dos adestradores José Ángel Salgado e Xosé Ramón Valtierra, que debullarán as claves tácticas e as posibilidades da selección española ante un rival que superou a fase de grupos tras un axitado empate a tres goles con Alxeria no último minuto do tempo de desconto.

A continuidade da selección española no Mundial dos Estados Unidos, México e Canadá pasa por eliminar a Austria, aínda que o camiño vai estar cheo de complicacións. De acceder aos oitavos de final, o rival sairá da eliminatoria entre as seleccións de Portugal e Croacia, coas que Luis de la Fuente coincidiu nos últimos anos nas finais da Nations League. Nos dous casos, os partidos remataron con tempo extra de prórroga e decidíronse nos penaltis, con vitoria ante os croatas e derrota fronte aos veciños lusos. De pasar a oitavos e sexa quen sexa o adversario, a Radio Galega e AGalegaAudio.gal programarán a retransmisión no mesmo horario, de sete e media da tarde a doce da noite.  
                                                                              
A Radio Galega tamén estará presente no Monte do Gozo de Santiago de Compostela, onde o festival Go!Go!Zo! instalou unha pantalla xigante para seguir o España-Austria, con DJ e animación previa ao partido. Esta actividade enmárcase na programación musical e cultural que converte a este lugar no epicentro do verán de Santiago de Compostela, nun recinto que xa demostrou a súa capacidade para acoller eventos masivos e que os vindeiros días recibirá tamén O Gozo Festival, o 11 de xullo, con nomes como Maroon 5, Martin Garrix, Danny Ocean e Rita Ora.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade