div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O Deportivo-Real Sociedade abre este sábado as retransmisións de 'Galicia en Goles'

Celta-Athlétic de Bilbao será o partido da xornada na tarde do domingo

csag.gal 12/12/2025 11:19

Santiago, 12.12.2025.-    O ‘Galicia en Goles’, que emiten a Radio Galega e a plataforma AGalegaAudio.gal, reserva para esta fin de semana un total de 28 horas de retransmisións cos principais equipos da nosa comunidade en xogo. O venres, a partir 20:30 h, Roberto Carlos Carballo analizará a xornada cos principais protagonistas, ofrecendo as conferencias de prensa dos adestradores e xogadores.

O sábado, a partir das 14:15 h, a atención do calendario estará posta en Riazor, onde o Deportivo da Coruña recibe o filial da Real Sociedade. O partido cambiou de día a última hora para encaixar os emparellamentos dos dezaseisavos de final da Copa do Rei, programados para a próxima semana. O fútbol da Primeira Federación será protagonista pola tarde coa visita do Arenteiro á Ponferradina no Toralín, a saída do Lugo a Pamplona para enfrontarse ao filial do Osasuna e o compromiso do Ourense C. F. no Couto ante o Barakaldo. Ademais, haberá baloncesto, xa que o Breogán volve ao Pazo de Lugo na Liga ACB, desta volta para medirse ao Tenerife.

Xa o domingo, a sesión matinal, que principiará ás 12:00 h, prestaralle atención ao Real Sociedade-Deportivo da Coruña da Primeira División feminina desde a cidade deportiva de Zubieta. Na Primeira RFEF, o Celta Fortuna xoga en Lezama ante o Athlétic de Bilbao B. No polideportivo destacan o Ensino Lugo-Araski de baloncesto feminino e o Liceo-Lleida de hóckey sobre patíns. 

A partir das 14:15 h, a cobertura principal será a do Celta-Athlétic de Bilbao desde o estadio de Balaídos. A derrota do pasado xoves ante o Bolonia na Europa League arrefriou os ánimos dos celtistas, que no último encontro ligueiro foron quen de derrotar ao Real Madrid no Santiago Bernabéu. Na Primeira RFEF, o Rácing de Ferrol xoga na Malata ante o Unionistas de Salamanca e o Pontevedra recibe en Pasarón o Arenas de Getxo. Ao final da xornada, contra as 20:30 h, o ‘Galicia en Goles’ abrirá o tempo de opinión con xornalistas e adestradores para opinar sobre os resultados dos equipos galegos nas principais categorías.

#GaliciaEnXogo

O proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo estará en antena na última hora do domingo. Ás 23:00 h, Rodrigo Pérez pasará revista á actualidade do mundo do motor galego e ás 23:30 h Toni López continuará co ciclo de entrevistas aos galegos e galegas que teñen marcado como obxectivo entrar nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade