O Dépor e o Real Oviedo disputan esta tarde o Trofeo Emma Cuervo, en directo na TVG e en AGalega.gal - CSAG
O Dépor e o Real Oviedo disputan esta tarde o Trofeo Emma Cuervo, en directo na TVG e en AGalega.gal
A canle pública emitirá desde Ribadeo o bloque de ‘Deportes’ que segue ao ‘Telexornal mediodía’, con toda a previa do encontro

Santiago, 06.08.2025.- A primeira canle da TVG e a plataforma dixital AGalega.gal retransmiten esta tarde unha nova edición do Trofeo Emma Cuervo de Ribadeo, o segundo torneo de verán máis antigo do fútbol español, só superado polo Teresa Herrera. O Deportivo da Coruña enfróntase ao Real Oviedo no campo municipal Pepe Barrera, a partir das 19:00 horas.
Para achegar aos espectadores o ambiente e a última hora desde a Mariña lucense, a canle pública galega emitirá desde Ribadeo o espazo de ‘Deportes’ posterior ao ‘Telexornal mediodía’.
Creado en 1952, o Trofeo Emma Cuervo mantense como un dos grandes clásicos da pretempada futbolística en Galicia, con máis de sete décadas de historia e unha longa lista de equipos emblemáticos participantes.
A actividade de verán do Dépor continuará esta fin de semana no Trofeo Teresa Herrera, outra das grandes citas que tamén poderá seguirse a través da TVG. Este sábado desde Riazor (20:00 h), o equipo coruñés enfrontarase ao Le Havre AC, da Primeira División francesa. Pola súa banda, AGalega.gal ofrecerá en directo o Teresa Herrera feminino, que celebra a súa 13ª edición co duelo entre o Dépor Abanca e o Spórting de Braga (17:00 h).