O crime dos Mouriño, un impactante parricidio ocorrido en Lalín en 2010, protagonista esta noite en 'Expediente Oculto' - CSAG
O crime dos Mouriño, un impactante parricidio ocorrido en Lalín en 2010, protagonista esta noite en 'Expediente Oculto'
Os espectadores coñecerán o pasado do Marco de Vigo, antiga prisión, e saberán os motivos do aumento da contratación de alarmas nas casas galegas

Santiago, 16.03.2026.- O programa ‘Expediente Oculto’ (22:40 h) reconstrúe esta semana o crime dos Mouriño, un impactante parricidio e asasinato ocorrido en Lalín en outubro de 2010, onde unha familia aparentemente normal agochaba un plan macabro para matar a súa única filla e deixar a súa casa reducida a cinzas. O matrimonio formado por José Mouriño e Carmen Reboredo asasinou a súa filla Sonia e un empregado que vivía con eles, tras o cal incendiaron a vivenda, supostamente agoniados por graves débedas económicas. O espazo da TVG lembrará esta auténtica historia de terror, pero real, que conmocionou Galicia hai máis de 15 anos.
Por outro lado, os espectadores descubrirán o pasado do Marco de Vigo, un edificio construído a finais do século XIX, xa que ata 1976 foi unha prisión, por onde pasaron decenas de milleiros de reclusos, e tamén albergou os xulgados da Cidade Olívica. Hoxe convertido en museo, entre as súas paredes seguen circulando relatos de pasos, murmurios e portas que parecen pecharse soas.
Xa co foco na actualidade, o espazo presentado por Patricia Abet falará do aumento da contratación de alarmas nas casas galegas ante o medo ás bandas itinerantes de ladróns. Coa Semana Santa ás portas, está claro que toda precaución é pouca á hora de protexer os nosos fogares.
Os colaboradores que esta noite sentarán na mesa de ‘Expediente Oculto’ para afondar nestes temas son: Berta Rodríguez, Jorge Melchor, Laureano Recamán, Carlos Tresandí, Juan Pablo Sangiao e José Antonio Vázquez Taín.