div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

O artista Xisco Feijóo ensínalle Vigo á modelo italiana Antonia Dell'Atte esta noite en 'A miña gran cidade'

Tras gozar de catro experiencias, o vigués remata esta visita cunha mostra da nosa música tradicional en Samil, unha praia que namora a Dell’Atte

crtvg.gal 14/05/2025 00:01

Santiago, 14.05.2025.-  A popular Antonia Dell’Atte réndese aos encantos de Vigo e a súa ría no novo episodio de ‘A miña gran cidade’. Hoxe, ás 21:45 horas, a TVG achega un programa sobre Vigo, onde a supermodelo italiana visita a cidade olívica da man do artista vigués Xisco Feijóo, con quen conxeniou dende o primeiro momento. “Xisco é unha gran persoa, encantoume a nivel humano e artístico”, recoñece con agarimo a modelo. Dell’Atte contará cunha xornada completa para deixarse sorprender. O seu anfitrión amosará a súa cidade a través de catro experiencias únicas para convencela de quedar, pero cunha limitación: só conta cunha hora en total. Ao final do programa, a decisión marchar ou quedar en Vigo será da italiana. 

“Viva Vigo!” 

O seu itinerario arrincará por todo o alto no porto de Vigo, onde Xisco Feijóo ten preparado un comezo insuperable: un paseo en barco pola ría de Vigo porque, en palabras do artista “Vigo é mar e o mar é Vigo”. Nesa viaxe en barco non faltará a visita a unhas bateas, de onde sacarán mexillóns para probar: “Xisco, mira que son afrodisíacos, non sei eu que pasará esta noite…”, avisa a modelo antes de brindar cun “Viva Vigo!” 

Varias persoas recoñecerana e pediranlle fotos na visita que realizarán polas principais arterias da cidade, cun paseo pola gran Vía e Príncipe. No paseo, Dell’Atte falará polo miúdo dos seus valores: “Veño dunha familia moi humilde, por iso son unha muller con este carácter, porque tiven que protexerme”, explicará. “Loitei polos meus dereitos, pola dignidade da muller, contra a violencia de xénero”. 

“O marisco hai que comelo cru” 

Despois dunha mañá intensa, non podían continuar sen probar a gastronomía galega. Farán o xantar no Othilio, un restaurante especializado en marisco e peixe. Á mesa, Dell’Atte deixará a Feijóo impresionado ao confesar que come crus non só os mexillóns, senón todos os moluscos: “Vieiras, navallas, mexillóns… O marisco hai que comelo cru”. 

Falando sobre a fama de traballadores que teñen os galegos, Xisco e Antonia atopan na emigración cara América un punto de encontro. “Na Arxentina só atopas galegos e italianos, somos primos irmáns”, explica a modelo. 

Como remate, o artista sorprenderá a diva italiana cunha mostra da nosa música tradicional no area de Samil, unha praia que namora a Dell’Atte. Alí será o foco de moitas miradas curiosas que buscarán tirar unha foto con ela e o seu anfitrión para inmortalizar esta visita inesperada. 

Tras estas catro experiencias, Antonia deberá decidir se dá unha segunda oportunidade a Vigo e decide quedar ou, pola contra, marchar ao seu querido Bríndisi. Xisco está convencido, “Vigo véndese só”, pero será Dell’Atte quen deba tomar a decisión final. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade