O actor Luís Iglesia asume en 'A miña gran cidade' o reto de convencer a deseñadora Ágatha Ruíz de la Prada de quedar de vacacións en Lugo - CSAG
O actor Luís Iglesia asume en 'A miña gran cidade' o reto de convencer a deseñadora Ágatha Ruíz de la Prada de quedar de vacacións en Lugo
Levaraa ao mercado de abastos, a unha polbeira, á muralla, á catedral e a pasear pola beira do Miño

Santiago, 25.10.2025.- O programa ‘A miña gran cidade’ (22:05 h) visita esta semana Lugo, terra de comida, historia e grandes artistas. Alí, un famoso e moi querido lucense intentará convencer unha celebridade inesperada de que a súa cidade é a mellor para pasar uns días de vacacións.
O anfitrión será Luís Iglesia, un dos actores máis polifacéticos e queridos no noso país. Durante décadas, conquistou o público coa súa voz e os seus dotes interpretativos na pantalla e nos teatros. Prestoulle a voz a Harrison Ford, Chuck Norris, Mel Gibson, Robert de Niro e mesmo á ra Gustavo. Pero se por algo é coñecido é por darlle vida a un dos criminais máis icónicos de Galicia: Carmelo Matalobos.
A súa convidada será Ágatha Ruiz de la Prada, unha icona da moda a nivel mundial, unha diva aristócrata que rachou coa monotonía e revolucionou a industria da moda con deseños cómodos, coloridos e cheos de personalidade, converténdose desde os anos 80 nun referente a nivel internacional.
Para conquistar a súa visitante, Luís ten preparadas varias experiencias coas que amosar o seu Lugo natal: unha conversa no banco dos segredos e unha visita ao mercado de abastos, un sitio onde os lucenses de toda a vida mercan o mellor produto.
Ademais, facendo honor ao dito de ‘Para comer, Lugo’, levará a Ágatha á polbeira de Aurora, non sen antes pasar pola muralla, a catedral e mesmo o seminario. O anfitrión apurará a hora de que dispón para convencer a súa convidada cun percorrido pola historia do cinema de Lugo e cun relaxante paseo á beira do río Miño.