div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O último 'Luar' do ano será un programa especial dedicado ao popular concurso de talentos 'Recantos'

Contará coa participación de caras tan queridas para os espectadores galegos como Eva Iglesias, Lucía Pérez, Fátima Pego, Ruth Cundíns, Tania Veiras,
Christian Escuredo ou Antonio Barros, que saltaron á fama grazas a este espazo

csag.gal 26/12/2025 02:00

Santiago, 26.12.2025.-    Na súa última emisión deste ano 2025, ‘Luar’ (21:45 h) ofrece hoxe un programa especial dedicado a ‘Recantos’, o popular concurso de novos talentos do espazo da TVG, en que actuarán exconcursantes deste espazo e do seu antecesor, a ‘Canteira de Cantareiros’.

Caras tan queridas para os espectadores galegos como Eva Iglesias, Lucía Pérez, Fátima Pego, Ruth Cundíns, Tania Veiras, Christian Escuredo ou Antonio Barros, que saltaron á fama grazas ao concurso, acompañarán a Xosé Ramón Gayoso e a Aitana del Mar durante toda a noite.
 
Os gañadores e gañadoras das últimas edicións de ‘Recantos’ tamén ofrecerán as súas cancións, e lembraranse os duetos máis especiais de todos estes anos de concurso, como, por exemplo, Mariana Pérez con Lolita, os irmáns Diumaró con Azúcar Moreno, Tania Veiras con María del Monte e Maret con Malú.
 
O xurado e os concursantes da edición actual do concurso, a nº 16, tamén terán o seu protagonismo nesta noite especial da familia ‘Recantos’, en que Boris Izaguirre, Nuria Lorenzo e Manuel DeAndrade, integrantes do xurado, outorgarán os seus premios máis persoais aos concursantes.

‘Recantos’ é unha sección moi querida do programa ‘Luar’, que leva 16 anos impulsando novos talentos musicais de Galicia. Nela compiten cada semana cantantes amateur, amosando tamén os seus ‘recantos’, os sitios especiais dos seus lugares de procedencia, e buscando o apoio do público para conseguir avanzar no concurso e achegarse ao seu soño de dedicarse profesionalmente á música.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade