No programa desta noite de 'O Amor está en Galicia', catro novas citas a cegas chegan a Boiro - CSAG
No programa desta noite de 'O Amor está en Galicia', catro novas citas a cegas chegan a Boiro
Un mozo que nunca tivo parella, unha solteira moi esixente e un rapaz ao que os celos lle xogaron malas pasadas son algúns dos perfís que hoxe queren recibir as frechas de Cupido

Santiago, 15.04.2026.- ‘O Amor está en Galicia’ (22:40 h) regresa esta semana a Boiro con dous novos programas cargados de nervios, primeiras impresións e moitas ganas de atopar o amor. Nunha nova dobre entrega, Paco Lodeiro e Laura Boado acompañarán catro novas parellas de solteiros que se coñecerán por primeira vez nunha cita a cegas onde todo pode pasar: desde conexión inmediata ata desavinzas inesperadas.
No primeiro dos programas, os espectadores coñecerán a Ricardo, un sumiller de 21 anos da Illa de Arousa que non para quieto, e a Diego, un mozo de 23 anos de Oleiros, máis tranquilo e caseiro, que nunca tivo parella. A outra cita será a que xunte a María, opositora de 28 anos do Milladoiro que se define como esixente e coas ideas moi claras, e a Martín, de 27 anos e natural de Meaño, un rapaz que asegura que aprendeu a quererse tras cambiar radicalmente a súa vida.
No segundo programa será a quenda de Raquel, costureira de 41 anos de Boqueixón con moito carácter e as ideas claras, e de Xabier, árbitro e guía turístico de 39 anos de Pontevedra, un home activo e aventureiro. Completarán as citas desta semana Nerea, terapeuta ocupacional de 28 anos de Boiro, que non tolera relacións tóxicas, e Martín, creador de contido de 28 anos de Catoira, que recoñece que os celos lle xogaron malas pasadas.
Entre confesións, tensión, atracción e momentos inesperados, os espectadores descubrirán se estas catro novas historias acaban en química… ou en despedida. Porque no amor, coma sempre, nada está escrito ata o último minuto.