div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Fin de semana cheo de fútbol na G2 e AGalega.gal, cos partidos U. D. Ourense-Reus, Atlético Baleares-Coruxo e Tenerife-Pontevedra

A plataforma retransmite o domingo en exclusiva o partido de ida da final da European Cup entre o Michalovce de Eslovaquia e o Atlético Guardés

O medio maratón Entre Rías, que une O Grove e Sanxenxo, e a segunda entrega dos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB entre o Básquet Coruña e o Menorca completan a oferta deportiva

csag.gal 15/05/2026 16:30

Santiago, 15.05.2026.-    O fútbol galego ten este sábado dúas citas importantes nas fases de ascenso. A primeira, ás 18:00 h, chega desde O Couto, onde a U. D. Ourense disputa a volta das semifinais do playoff de ascenso á Primeira RFEF fronte ao Reus. Os ourensáns chegan a este partido decisivo tras un empate sen goles na ida, polo que todo está en xogo. A G2 e Agalega.gal ofrecerán a retransmisión en directo.

Tamén o sábado, a partir das 18:30 h, a plataforma dixital da CSAG emitirá en formato multifútbol a ida dos cuartos de final do playoff de ascenso á Segunda RFEF. Dous cruzamentos que enfrontan catro equipos galegos: Racing Vilalbés-S. D. Compostela e Atlético Arteixo-Estradense. O Compostela foi líder durante moitas xornadas da temporada regular e chegou a estar na loita polo ascenso directo ata o último minuto, cando o Arousa culminou unha remontada épica para arrebatarlle o título. O conxunto compostelán terá a volta no Estadio Vero Boquete de Santiago. Pola súa parte, o Vilalbés protagonizou unha das milagres finais da temporada ao clasificarse para o playoff. O Estradense e o Arteixo completan uns cuartos de final que só deixarán dous finalistas e só un deles, o campión desta fase galega, terá opción de ascender á Segunda RFEF tras medirse na rolda decisiva nacional ao campión do grupo catalán. Un camiño longo e esixente para o que os catro equipos levan toda a competición preparándose.

O domingo, a G2 e AGalega.gal madrugan coa retransmisión en directo do medio maratón Entre Rías, a partir das 10:00 h. A proba celebra este ano a súa terceira edición con récord de participación, 3.000 inscritos. O percorrido une O Grove e Sanxenxo a través de escenarios únicos das Rías Baixas como a A Toxa e A Lanzada.

Xa ao mediodía, a segunda canle e a plataforma ofrecerán a volta dos cuartos de final do playoff de ascenso á Primeira RFEF entre o Atlético Baleares e o Coruxo. Os vigueses chegan nunha situación moi comprometida ao perder 0-3 no Vao.

A tarde do domingo ten un capítulo histórico para o balonmán galego. Ás 16:00 h, AGalega.gal retransmitirá a ida da final da EHF European Cup entre o MSK Luventa Michalovce de Eslovaquia e o Mecalia Atlético Guardés. As galegas xa chegaran á final hai tres anos, caendo ante o Antalya turco. Este curso o cadro da Sangriña volveu demostrar a súa categoría, eliminou o Elx nos cuartos de final e na semifinal apeou o Costa del Sol Málaga.

O Pontevedra C. F. visita ás 17:00 h, hora galega, o campión, o C. D. Tenerife, no estadio Heliodoro Rodríguez, na penúltima xornada de Primeira RFEF. Os granates chegan en boa dinámica tras golear o Athlétic B por 4-0 e con posibilidades de certificar matematicamente a súa clasificación para o playoff de ascenso. A emisión poderase ver só a través da segunda canle da Televisión de Galicia.

Para completar o domingo, a G2 e AGalega.gal reservan o baloncesto, coa segunda entrega dos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB no Coliseum. O Básquet Coruña é o favorito ante o Menorca, nunha eliminatoria que se decide ao mellor de cinco. Todos os partidos que dispute o equipo herculino nesta fase e na final a catro poderanse seguir a través das distintas canles da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade