Este domingo, gala especial de 'Bailamos' dedicada á música galega, coas actuacións de Xabier Díaz e a Asociación Cultural Donaire - CSAG
Este domingo, gala especial de 'Bailamos' dedicada á música galega, coas actuacións de Xabier Díaz e a Asociación Cultural Donaire
Os sons de Andrés do Barro, Mondra, A Roda, Los Tamara, Ortiga e o ‘Xabarín Club’ serán protagonistas nunha noite en que se mesturarán tradición, festa, nostalxia e emoción

Santiago, 4.10.2026.- Os espectadores de ‘Bailamos’ (22:35 h) vivirán hoxe unha noite moi especial, en que Galicia será a gran protagonista. Todas as cancións serán en galego e de artistas da nosa terra, nunha viaxe pola música de antes e de agora que mesturará tradición, festa, nostalxia e emoción.
A gala arrancará coa voz de Xabier Díaz en directo, que ademais quedará no sofá de convidados para vivir de preto a competición. O artista falará da súa relación co baile e lembrará que mesmo estivo a piques de deixar a música por causa desta disciplina. Xunto a el estará a Asociación Cultural Donaire, da Coruña, con arredor de 1.400 alumnos, que levará ao escenario a forza do baile tradicional galego e mesmo ensinará a Poty a bailar cunha ‘regueifana’ na cabeza.
Os concursantes vivirán tamén grandes momentos. Martín porase na pel de Andrés do Barro con ‘O tren’, despois dunha semana complicada en que precisa recuperar confianza e enerxía. Noelia e Emma espertarán a nostalxia dunha xeración enteira cun mix do ‘Xabarín Club’, mentres que Marinés e Juanogy converterán ‘Pousa, pousa’, de A Roda, nunha divertida escena de taberna galega.
A música seguirá levando emoción ao escenario: Alejandra e Brais bailarán ‘Lela’, inspirada na obra de Castelao; Gisela e Rafine levarán o ambiente das verbenas con ‘Papá e mamá’, de Ortiga, e Sara e Mauro afrontarán o reto de converter ‘Quererse ben’, de Mondra, nunha coreografía sexy e romántica sobre as relacións saudables. Na categoría ‘Revival’, Alis e Febres viaxarán ata Santiago con Los Tamara e unha canción que conecta especialmente coas súas propias historias como inmigrantes, estando a historia de Galicia conectada coa emigración.
E haberá tamén fútbol, pero desta volta sobre a pista: Fran Cañotas e Álex bailarán un mix dos himnos do Celta e do Dépor, agora que ambos os dous equipos están en Primeira, nunha homenaxe ao fútbol galego sen cores e coa intención de celebrar o que os une.
Despois da intensidade da gala anterior, os concursantes tamén terán tempo para respirar. O equipo de ‘Bailamos’ preparou para eles unha xornada de romaría e unha dinámica de grupo con anécdotas persoais, en que terán que descubrir quen está detrás de cada historia. Será unha experiencia divertida que lles permitirá coñecerse mellor e reforzar esa conexión que cada vez se percibe máis sobre o escenario.
Porque esta será unha gala para bailar co corazón. Emoción, orgullo, nostalxia, humor e moito compañeirismo serán os ingredientes dunha noite en que os concursantes volverán demostrar que detrás de cada coreografía hai tamén unha historia persoal.
