div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Esta noite, en 'A miña gran cidade. Corazón galego', Esperanza Aguirre sorprende a Silvia Jato cantando 'A Rianxeira'

Na segunda parte da súa experiencia inmersiva pola comarca do Ribeiro, a política madrileña descubrirá o proceso de elaboración do viño, coñecerá os cantos de taberna e gozará das augas termais do Balneario de Laias

csag.gal 19/01/2026 02:00

Santiago, 19.01.2026.-    ‘A miña gran cidade: corazón galego’ (22:40 h) retoma e pecha este luns o proceso galeguizador de Esperanza Aguirre pola comarca do Ribeiro, da man da presentadora Silvia Jato. Tres experiencias decisivas agardan a madrileña para poñela a proba na súa conquista do carné de ‘corazón galego’.

A cuarta parada levará o dúo ao corazón do Ribeiro, á adega Casal de Armán, onde Nolo Giráldez, xerente do complexo, explicaralles como se prepara a cepa tras a vendima. Xa no interior da adega, a política madrileña non parará de preguntar sobre os detalles deste laborioso proceso, cheo de precisión e boa man. E, despois de velo, tocará catalo. De camiño ao seguinte reto, Silvia explicaralle a Esperanza o sistema de socalcos e terrazas dos vales do Miño e do Sil, e comentará algúns dos viños galegos máis recoñecidos.

Para a quinta experiencia viaxarán ao bar Os Faroles, en Cenlle. O grupo Cuncas de Son recibiraas coa ‘Foliada de Carril’ e Justo, integrante da formación, exercerá de voceiro. Explicaralle á convidada que son as cuncas e en que consisten os cantos de taberna. Esperanza Aguirre recoñece que nunca estivera nunha taberna galega e sorprenderá ao lembrar a súa infancia, cando a súa nai lles cantaba a todos ‘A Rianxeira’. Cando o grupo arranque cun dos himnos galegos non oficiais e a madrileña se anime a cantar, demostrando que coñece ben a letra, Silvia Jato quedará de pedra.

A sexta e derradeira experiencia terá lugar no Balneario de Laias, á beira do Miño. Silvia explicaralle os beneficios das augas termais, mentres que Alberto Canal, responsable de Comunicación, achegará os datos técnicos. Lembrará tamén que xa eran utilizadas polos pobos castrexos e que están recomendadas para doenzas dermatolóxicas e reumatolóxicas. A visita completarase cun tratamento: peeling, máscara hidratante de arroz para as mans e masaxe de pés.

Rematado o periplo polo Ribeiro, chegarán as valoracións finais. As notas xa están postas, pero a decisión definitiva será só da comunicadora lucense. Os espectadores saberán así esta noite se Esperanza Aguirre consegue ou non o seu carné de ‘corazón galego’.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade