Edición especial de apoio a UNICEF, esta noite nun 'Luar' que afronta a primeira expulsión de 'Recantos' e a música de Depol - CSAG
Edición especial de apoio a UNICEF, esta noite nun 'Luar' que afronta a primeira expulsión de 'Recantos' e a música de Depol
Gayoso e Aitana del Mar chamarán á solidariedade da audiencia durante esta Semana coa Infancia, nunha gala que tamén conta con Los Coleguitas, a Banda do Elías, o Folión Xograres de Lemos e o humor de Lalo Penelas

Santiago, 21.11.2025.- O ‘Luar’ (21:45 h) deste venres ofrecerá unha edición especial de apoio a UNICEF, coincidindo coa celebración da XV Semana coa Infancia, á que a CSAG se suma no marco das súas #AcciónsG de Responsabilidade Social Corporativa. A campaña, baixo o lema ‘Acéndete polos dereitos da infancia’, busca impulsar a reflexión e situar os dereitos da rapazada e adolescentes no centro da conversa social.
Xosé R. Gayoso e Aitana del Mar pediranlle á audiencia, ao longo da gala, que colabore mediante Bizum, ao tempo que compartirán diversos vídeos divulgativos centrados nos retos e necesidades da infancia e da adolescencia.
Ademais da vertente solidaria, a noite traerá consigo un dos momentos máis esixentes para o xurado de ‘Recantos’, xa que terá lugar a primeira expulsión do certame. Dos 20 aspirantes iniciais, catro quedarán fóra da competición, unha responsabilidade que recaerá no xurado formado por Boris Izaguirre, Nuria Lorenzo e Manuel DeAndrade, chamados a avaliar a evolución dos participantes e á difícil tarefa de truncar soños de quen busca unha oportunidade profesional no escenario do ‘Luar’. Competirán, amais, nesta entrega Parawy (Terras do Eume) e Lamar (Noia-O Barbanza).
A música tamén terá un peso destacado, coa presenza de DePol, unha das voces emerxentes do pop español, que interpretará temas como ‘Te confieso’ e ‘Última bala’. A gala completarase co ritmo latino da orquestra Los Coleguitas de Venezuela, co novo tema de rock da Banda do Elías, 'Nesta noite', e coas propostas tradicionais do Folión Xograres de Lemos.
No apartado humorístico, o público gozará das aventuras do ‘arranxatodo’ Lalo Penelas, interpretado por Xosé A. Touriñán, que seguirá percorrendo Galicia coa súa particular habilidade -ou falta dela- para solucionar problemas.