Con 'Os Crononautas', a nova aposta para o 'prime time' dos xoves, a TVG viaxará no tempo para coñecer momentos claves da nosa historia - CSAG
Con 'Os Crononautas', a nova aposta para o 'prime time' dos xoves, a TVG viaxará no tempo para coñecer momentos claves da nosa historia
Trisha Fernández e David Vilares achegaranse de primeira man aos acontecementos, personaxes e lugares que foron conformando a identidade galega
Grazas á tecnoloxía, cada entrega reconstruirá unha Galicia do pasado con imaxes espectaculares e unha posta en escena envolvente

Santiago, 10.09.2026.- Unha das propostas máis innovadoras deste outono chega hoxe á Televisión de Galicia con ‘Os Crononautas’ (22:50 horas), un espazo presentado por Trisha Fernández e David Vilares, que viaxará no tempo para coñecer momentos claves da nosa historia, e achegarse de primeira man aos acontecementos, os personaxes e os lugares que marcaron a nosa evolución.
A parella de presentadores viaxará a lugares e momentos clave do pasado para percorrelos desde dentro: observando como eran as paisaxes, descubrindo como se vivía nas vilas, conversando coas persoas que habitaban os castros… O obxectivo é coñecer, paso a paso, o nacemento de Galicia e descubrir como evolucionou social e culturalmente.
O formato apóiase no uso da intelixencia artificial como motor visual, permitindo recreacións inmersivas en que os presentadores se integran de maneira natural. Grazas á tecnoloxía, cada episodio reconstrúe unha Galicia do pasado con imaxes espectaculares e unha posta en escena envolvente que converte a viaxe temporal nun auténtico espectáculo televisivo.
‘Os Crononautas’ estrutúrase en dez grandes viaxes no tempo, comezando coa orixe de todo, a Prehistoria, cando Galicia se estaba a formar, e avanzando por distintos momentos de evolución ata a época contemporánea, que, cos seus acertos e conflitos, foron construíndo a identidade que coñecemos hoxe.
Cada entrega comezará cunha apertura impactante en que se presenta a época. Con humor e unha linguaxe próxima, ‘Os Crononautas’ porán a audiencia en contexto. Ademais, antes de cada desprazamento ao pasado, reuniranse no presente con distintos expertos que contarán como era realmente a vida naquela Galicia: como se vivía, que se comía, quen mandaba e os problemas que había. Ademais, daranlles pistas clave sobre os lugares que non poden perder e as persoas coas que convén atoparse. Unha vez alí, Trisha e David percorrerán escenarios míticos e mesturaranse coa xente na súa vida diaria, vivindo cada programa como unha aventura inesperada, divertida e chea de sorpresas.
Na primeira entrega, ‘Os Crononautas’ da TVG viaxarán á Prehistoria para descubrir como nace Galicia, quen son os seus primeiros habitantes e como é a vida nun territorio marcado pola natureza, os monumentos megalíticos e a arte rupestre.