div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Celta-Español e Albacete-Deportivo, partidos da xornada no ‘Galicia en goles’

Nas ligas da Federación destaca o Rácing de Ferrol-Mérida

csag.gal 28/11/2025 11:16

Santiago, 28.11.2025.- O mes de novembro remata con vinte e seis horas de información deportiva durante a fin de semana na programación da Radio Galega e da plataforma AGalegaAudio.gal. O venres, a partir das oito e media do serán, Roberto Carlos Carballo conectará coa Coruña, onde o histórico futbolista Bebeto prenderá as luces do Nadal. Un reporteiro da Radio Galega tamén estará en Ferrol, onde por unhas horas o defensa Álvaro Carreras abandona a concentración do Real Madrid para acender as luces da súa cidade natal. Outros argumentos do espazo serán a clausura do congreso de eventos deportivos, coa presenza de varios olímpicos na Coruña, e a xornada de deportistas en Mondariz-Balneario coa presenza do futbolista do Celta Yoel Lago, a atleta Esther Navarrete e a boxeadora Tania Álvarez.

O sábado, a partir das dúas e cuarto da tarde, toda a atención estará posta no fútbol da Segunda División. O Deportivo da Coruña defende o liderado visitando ao Albacete no estadio Carlos Belmonte. Tras un outubro negro, novembro foi o mes da recuperación encadeando catro vitorias consecutivas ante o Zaragoza, Leonesa, Córdoba e Ceuta.

Durante a tarde haberá conexións coa Primeira RFEF xa que se adiantan ata cinco partidos: Ourense C. F.-Unionistas, Athlétic de Bilbao B-Club Deportivo Lugo, Tenerife-Arenteiro, Pontevedra-Guadalajara e Rácing de Ferrol-Mérida.

Xa o domingo, a xornada matinal principia ás doce con cobertura ao Valladolid Promesas-Coruxo da Segunda RFEF e ao Galicia-Castela e León da Copa das Rexións UEFA que se disputa no estadio La Balastera de Palencia. Tamén haberá dobre cita do baloncesto feminino de elite. O Baxi Ferrol, que vén de mallar no Sosnowiec de Polonia na Eurocup Woman, visita o Gran Canaria mentres o Ensino xoga na cancha do Girona

Desde as dúas e cuarto, Balaídos acaparará o protagonismo para recibir na Liga da Primeira División o Celta e o Español. Claudio apenas ten tempo para preparar este compromiso, xa que a expedición regresou o venres pola mañá tras perder en Bulgaria ante o Ludogorets por 3-2 na quinta xornada da Europa League. Agora, os olívicos céntranse na visita do equipo revelación en España, dirixido polo galego Manolo González. O Español ocupa postos europeos, está sexto empatado a puntos co Betis, que é o quinto na xeral.

A tarde complétase co fútbol da Primeira RFEF, categoría na que o Avilés e o Celta Fortuna pechan a xornada no Suárez Puerta. Mentres, na Segunda RFEF, o Bergantiños recibe o Oviedo Vetusta en Carballo e a Sarriana e o Fabril enfróntanse no derbi da xornada na Ribela.

A partir das once da noite, e tras a xornada futbolística, o ‘Galicia en goles’ abrirá as portas a unha nova entrega do proxecto #GaliciaEnXogo. Na primeira media hora, Rodrigo Pérez actualizará a semana do motor, e ás once e media Toni López falará coas nadadoras Carla Carrón e Paula Otero.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade