Celta-Académica Viseu e Deportivo-C. D. Lugo, dous novos partidos de pretemporada, este mércores en directo na primeira canle da TVG - CSAG
Celta-Académica Viseu e Deportivo-C. D. Lugo, dous novos partidos de pretemporada, este mércores en directo na primeira canle da TVG
A canle pública galega continúa ofrecendo, de xeito íntegro, a preparación dos dous equipos galegos que a próxima temporada militarán en Primeira División
Os celestes disputarán este novo amigable na Cidade Deportiva Afouteza, a porta pechada a partir das 11:00 h, mentres que os coruñeses rodarán o balón ás 19:30 h en Vilalba, no estadio da Magdalena

Santiago, 28.07.2026.- A Televisión de Galicia continúa seguindo os primeiros pasos do Celta e do Deportivo antes do inicio dunha temporada en que os dous equipos galegos militarán na Primeira División. Así, os espectadores poderán gozar hoxe, a través da primeira canle, de dous novos encontros de pretemporada dos conxuntos vigués e coruñés.
Ás 11:00 h, ofrecerase en directo, desde a Cidade Deportiva Afouteza, o amigable Celta-Académica de Viseu, un partido que se disputará a porta pechada. O rival dos celestes, que no último partido de pretemporada lle gañaron ao Spórting de Xixón por 1-0, é un conxunto con experiencia no fútbol portugués e coñecido pola súa orde colectiva. Deste xeito, o Celta continúa perfilando a súa preparación estival cunha proba de gran nivel para seguir sumando minutos de xogo e ritmo competitivo.
Pola tarde, ás 19:30 h, será a quenda do Deportivo da Coruña, nun encontro de rivalidade galega contra o C. D. Lugo, que se xogará en Vilalba, no estadio da Magdalena, e que espertou unha grande expectación entre ambas as dúas afeccións. Será o segundo partido de preparación para o equipo lucense, que o sábado pasado empatou co Celta B. Pola súa parte, o Depor afronta o seu terceiro amigable de pretemporada, tras o 0-4 ante a S. D. Compostela no Verónica Boquete e o 0-0 fronte ao Real Oviedo no Carlos Tartiere.