div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

As ficcións galegas 'Mar Libre' e 'Reliquias' incorpóranse esta semana ao catálogo de AGalega.gal

Os usuarios da plataforma tamén poderán ver durante os vindeiros días as películas ‘Amor a distancia’ e ‘O que queda do día’

csag.gal 08/12/2025 09:00

Santiago, 08.12.2025.-    AGalega.gal seguirá apostando esta semana polas estreas do prime time da TVG e ofrecerá tamén novos contidos destacados. Este luns chega á plataforma a miniserie galega ‘Mar Libre’, rodada en escenarios naturais e ambientada no século XVIII. Protagonizada por William Miller e María Vázquez, supuxo a estrea de Dani de la Torre na dirección e traslada o espectador ao ano 1789, cando a costa galega vivía o auxe da industria conserveira de sardiña impulsada polos fomentadores cataláns. Nun contexto en que os pescadores estaban obrigados por lei a venderlles toda a súa captura, a ficción explora tensións sociais, poder económico e vida mariñeira nun tempo de grandes cambios.

O xoves 11 de decembro porase á disposición, durante sete días, a película ‘Amor a distancia’. Trátase da historia de Evi, traballadora dunha empresa de construción especializada en grandes proxectos hidráulicos, que soña cun ascenso que a leve ao Río de Xaneiro. Porén, acaba destinada a unha pequena vila do sur, onde debe afrontar un choque cultural, lingüístico e vital, pasando de Rotterdam a unha contorna rural descoñecida. Ese día tamén se estreará un novo capítulo de ‘Bótalle azucre’.

O venres 12 AGalega.gal incorporará ao seu catálogo ‘Reliquias’, unha ficción galega para televisión ambientada a comezos do século XII, que conta no seu elenco cos actores Alfonso Agra, María Bouzas e Javier Rey, entre outros. A historia segue un bispo que chega a un mosteiro dúplice acompañado do soldado Ferro tras roubar unhas santas reliquias. O equilibrio da comunidade, dirixida pola abadesa Eva, vese ameazado coa chegada do Legado papal, decidido a eliminar os mosteiros mixtos. A morte inesperada do Legado desencadea un misterio en que todos parecen sospeitosos, e Ferro deberá descubrir a verdade.

E a partir do sábado 13, os usuarios da plataforma dixital da CSAG poderán ver, durante dúas semanas, ‘O que queda do día’, o clásico protagonizado por Emma Thompson e Anthony Hopkins. Tras a morte de Lord Darlington, o mordomo Stevens rememora a súa vida na mansión, o seu estrito sentido do deber e a relación coa señorita Kenton, a quen nunca lle chegou a expresar os seus sentimentos. A historia percorre momentos clave previos á Segunda Guerra Mundial, incluíndo unha conferencia internacional con figuras como Churchill, e segue a viaxe de Stevens anos despois para reencontrarse coa muller á que nunca esqueceu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade