As audicións de 'Recantos. O cásting' chegan esta noite a Cangas e Silleda, entre nervios e o alto alto nivel dos aspirantes - CSAG
As audicións de 'Recantos. O cásting' chegan esta noite a Cangas e Silleda, entre nervios e o alto alto nivel dos aspirantes
Senllos auditorios municipais acollen probas que farán viaxar ao mundo da animación e os musicais, mesturadas con voces inesperadas

Santiago, 31.8.2026.- Cada vez queda menos para coñecer os recanteiros e recanteiras da próxima temporada, e segundo avanzan as audicións de ‘Recantos. O cásting’, complícase a tarefa do xurado composto pola cantante Pili Pampín, o produtor musical Cristian Yennia e o director de formatos televisivos Manu Turnes.
E é que a de Cangas é unha das probas con maior nivel dos aspirantes. A Clara de Asís, Pili Pampín vaille preguntar como é posible que a súa voz aínda non sexa coñecida. Paula fará gozar da maxia dos musicais e con Santiago bailarase igual que se facía coa canción de Enrique Iglesias. Unha vez máis, o programa amosará que é moito máis que un formato musical. Antía confesará que a música é a súa maior terapia e Roma que ten unha relación complicada co seu fillo adolescente. E tampouco faltará o humor, por exemplo da man de Lois que chega ao auditorio con lentes de sol porque seica saíu de festa.
En Silleda asistirase a unha proba marcada polo nerviosismo dos aspirantes, “O programa flan”, dito literalmente por Turnes. Nervios, moitos nervios, que se mesturan con personalidades únicas que chegan ao programa empurradas polos seus pais, coa intención de deixarse fluír ou coa ilusión de cumprir o soño da súa vida.
O certo é que será difícil esquecer a emoción e as bágoas de Iria ao recibir unha crítica positiva, ou o moito que falaban os irmáns Lucía e Ángel e seguro que o xurado aínda lembra o sabor do biscoito co que Alva chegou ao auditorio.
E coma sempre, Duarte Galbán será o encargado de recibir os aspirantes e acompañar as súas familias e amigos. Unha coidada posta en escena, oito audicións e unha gran gala final, que se celebrará este mes de setembro e da que sairán os recanteiros e recanteiras que participarán na próxima temporada de ‘Recantos’ en ‘Luar’.