AGalega.gal estrea este xoves o documental 'Camiño ao podio', que segue o día a día das promesas do deporte galego - CSAG
AGalega.gal estrea este xoves o documental 'Camiño ao podio', que segue o día a día das promesas do deporte galego
Coincidindo coa súa chegada á plataforma, o salón de actos do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acollerá a presentación oficial desta serie
Durante estes primeiros días de xullo, a canle dixital da CSAG ampliará o seu catálogo de cinema coas películas ‘O corno’, ‘Axente oculto’ e ‘Veda aberta’

Santiago, 01.07.2026.- AGalega.gal continuará reforzando durante o mes de xullo a súa oferta audiovisual coa incorporación das principais novidades da grella da TVG, entre elas, a estrea do novo programa ‘Domar o vento’, que xa está dispoñible.
A plataforma da CSAG tamén ampliará o seu catálogo con novos títulos de ficción e documentais, consolidando unha programación que combina entretemento, cultura e divulgación. Así, este mércores porase á disposición, ata o 15 de agosto, ‘O corno’. O multipremiado filme galego, recoñecido en numerosos festivais internacionais, traslada a acción á Illa de Arousa de 1971 para contar a historia de María, unha mariscadora que tamén exerce como parteira. Un acontecemento inesperado obrígaa a emprender unha perigosa fuxida cara a Portugal na procura da súa liberdade.
O xoves 2 de xullo, AGalega.gal estreará a serie documental ‘Camiño ao podio’, unha produción de cinco episodios que segue o día a día de dez promesas do deporte galego que se forman no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. A serie amosa o esforzo, a disciplina e os soños de cinco rapazas e cinco rapaces chamados a converterse na futura elite deportiva galega, ao tempo que ofrece unha visión do funcionamento do centro nos ámbitos deportivo, académico, residencial, sanitario e nutricional.
Coincidindo coa súa chegada á plataforma, o salón de actos do CGTD acollerá ás 12.30 horas a presentación oficial da serie coa participación de María Sabucedo, en representación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia; Suso López, director do CGTD; e Damián Varela e Manuel Darriba, produtores e directores da serie. A produción, realizada por Miramemira, foi un dos proxectos seleccionados na convocatoria de contidos dixitais de AGalega.gal e foi gravada ao longo do primeiro semestre de 2026 nas instalacións do centro e noutros espazos vinculados ao adestramento dos deportistas.
Cara á fin de semana, serán protagonistas na plataforma as estreas de cinema. Así, o venres incorporarase ao catálogo a película ‘Axente oculto’, dispoñible ata o 14 de xullo. Baseada na historia real de Robert Freegard, relata como un estafador consegue facerse pasar por axente do MI5 e manipular numerosas vítimas ata que unha delas logra desenmascaralo.
O sábado 4 a novidade será a película ‘Veda aberta’, protagonizada por un matrimonio que abandona París para buscar unha vida tranquila no rural e descobre que a casa dos seus soños agocha unhas condicións inesperadas que cambiarán os seus plans. Estará dispoñible ata o 27 de decembro de 2027.
E o vindeiro luns, 6 de xullo, chegará a AGalega.gal un novo capítulo de ‘O mellor tractor do mundo’, o programa que percorre Galicia para coñecer as historias das persoas candidatas a conseguir esta singular distinción, coa participación do público na elección final.