A TVG vive cos galegos a noite máxica do San Xoán cun especial en directo desde A Coruña - CSAG
A TVG vive cos galegos a noite máxica do San Xoán cun especial en directo desde A Coruña
Lucía Rodríguez presenta o ‘Especial San Xoán 2026’, cunha ampla despregadura de reporteiros para achegar as tradicións, os rituais e as fogueiras máis concorridas
Os informativos, a Radio Galega e os magazines da Galega tamén celebrarán coa audiencia a chegada do verán durante toda a xornada

Santiago, 23.6.2026.- San Xoán vivirase máis intensamente este ano en Galicia ao ser festivo autonómico o mércores 24, e os medios públicos galegos acompañarán a audiencia cunha cobertura informativa e de entretemento para celebralo. Os magazines do martes, ‘O termómetro’ e ‘Hora galega’ informarán sobre o intenso movemento nos mercados galegos e nas praias e barrios de toda Galicia. O prezo das sardiñas, a colleita das herbas de San Xoán ou a previsión meteorolóxica para esa noite serán algúns dos temas que se atenderán. Tamén o ‘Galicia por diante’ da Radio Galega e os seus informativos achegarán a festa coa que os galegos celebramos a chegada do verán. A TVG emitirá parte do seu informativo ‘Telexornal serán’ desa noite desde A Coruña.
A xornalista Sabela Romar conducirá o bloque de noticias desde a cidade herculina, en conexión co estudo central de San Marcos, mostrándolle á audiencia o ambiente da ‘noite meiga’, así como os dispositivos de seguridade e organización dunha das noites máis emblemáticas do calendario festivo galego.
Xusto despois, ás 21:45 h, arrincará en TVG o ‘Especial San Xoán 2026’ en directo desde A Coruña. A súa presentadora, Lucía Rodríguez, estará acompañada por catro reporteiros despregados en distintos puntos da comunidade para vivir os rituais e o espírito do San Xoán galego. O especial conectará coa praia coruñesa de Riazor; coas tradicións desta noite en Sarria, en Lugo; coas fogueiras no gran areal de Panxón, en Pontevedra; e co barrio lucense da Piringalla, onde a festa se vive arredor da carne ao espeto e o Campionato Mundial de Lanzamento de Pantufla.
A noite máis máxica do ano
En Riazor, o reporteiro Óscar Cruz seguirá os preparativos da gran falla deste ano, coñecerá a súa historia e os responsables da súa construción, así como tamén seguirá de preto o ambiente nun areal que volverá reunir centos de miles de persoas. Tamén haberá ocasión para descubrir os detalles do gran espectáculo pirotécnico que iluminará o ceo coruñés, coñecer o dispositivo humano que traballa para garantir que todo transcorra con normalidade ou festexar con auténticas lendas do R. C. Deportivo o seu ascenso a Primeira División.
Esta noite en Sarria, a tradición ten sabor propio. Mentres noutras localidades o protagonismo recae nas sardiñas, aquí a gran protagonista será a popular touciñada, na que se reparten centos de quilos de touciño de balde entre veciños e visitantes. Tamara Pérez acompañará, ademais, os preparativos da gran queimada colectiva e seguirá o ambiente festivo das festas patronais desta localidade, nunha xornada marcada pola música, a convivencia e a participación popular.
A velada tamén terá un importante compoñente máxico desde Panxón. A reporteira Adela Bértolo será a encargada de poñer a proba algúns dos rituais máis curiosos e ancestrais asociados ao San Xoán: desde o tradicional rito do ovo ata o das tres patacas ou os papeis na auga para coñecer o futuro amoroso de quen o realiza.
Por último, no barrio da Piringalla, en Lugo, Miguel Mandayo mergullarase nunha celebración que substitúe as tradicionais sardiñas por milleiros de racións de becerro ao espeto. Acompañará os organizadores no seu traballo, na preparación desta gran comida popular e nalgunhas das tradicións máis singulares do barrio, entre as que destaca o coñecido Campionato Mundial de Lanzamento de Pantufla.
Amais, Lucía Rodríguez conversará coa antiga meiga maior das fogueiras de San Xoán, Conchita Astray, que contará o que significa para a cidade esta tradición tan propia, e con Loli Gómez, condutora do programa ‘En compañía de Loli’.