A TVG e AGalega.gal retransmiten esta fin de semana os partidos Fabril-Rácing de Ferrol e Obradoiro-Lleida - CSAG
A TVG e AGalega.gal retransmiten esta fin de semana os partidos Fabril-Rácing de Ferrol e Obradoiro-Lleida
A G2 ofrece o domingo pola tarde o encontro da Liga feminina entre o Baxi Ferrol e o Estepona

Santiago, 09.10.2026.- A TVG, a G2 e a plataforma AGalega.gal emitirán durante esta fin de semana fútbol de Primeira e Segunda Federación, a Liga Endesa e a Liga Feminina de baloncesto, ademais de pechar o domingo con todos os goles no ‘En Xogo’.
O calendario de retransmisións comeza o sábado na primeira canle da TVG e en AGalega.gal. Ás 16:30 h, o estadio de Riazor acolle o Deportivo Fabril-Rácing Club Ferrol, correspondente á sétima xornada da Primeira Federación (Grupo 1). O filial herculino suma oito puntos tras as seis primeiras xornadas do campionato, mentres que o Rácing ten dez e está a un só punto dos postos de promoción de ascenso á Segunda División profesional.
O domingo, ás 12:00 h, a TVG e a plataforma ofrecerán o Monbus Obradoiro-Lleida, da terceira xornada da Liga Endesa, desde o Multiúsos Fontes do Sar. O Obradoiro estreouse cun triunfo en Andorra e na segunda xornada caeu na prórroga ante o Real Madrid tras un partido de gran nivel.
Ás 17:00 h, AGalega.gal ofrecerá o multifútbol da Segunda Federación (Grupo 1) con dous partidos simultáneos: Arousa-Bergantiños e Coruxo-Compostela. O Bergantiños chega como líder invicto, con 13 puntos de 15 posibles, catro vitorias consecutivas e 12 goles a favor en cinco xornadas, tras derrotar o pasado domingo o Coruxo por 3-1. Enfronte estará o Arousa, que aínda non gañou, suma tres empates e dúas derrotas. No outro encontro de rivalidade, os dous protagonistas teñen números parellos co Coruxo, con 5 puntos, e o Compostela, con 4.
A xornada continúa ás 18:00 h, na G2 e Agalega.gal, co Baxi Ferrol-Estepona da Liga Feminina Endesa. O equipo departamental estreouse cunha vitoria ante o Kutxabank Araski (82-77) e chega en plena euforia europea, tras acadar a fase de grupos da Eurocup por terceiro ano consecutivo cun contundente 85-58 ao Beroe Stara Zagora na volta da previa. O Estepona, pola súa parte, perdeu en Zaragoza por 68-41 na estrea e chegará a Ferrol tras derrotar o pasado xoves o Ensino.
‘En Xogo’
O domingo pola noite, a G2 e AGalega.gal emiten desde as 22:30 h ‘En Xogo’, con atención especial aos partidos Elx-Celta e Real Sociedade-Deportivo. Os espectadores poderán ver amplos resumos, comentados por Gustavo Varela, Roberto Lago, Dani Mallo e Xabier Rodríguez Campos. A TVG ofrecerá a redifusión a partir da unha da madrugada.
Durante a fin de semana, ‘En Xogo’ tamén informará da actualidade dos principais equipos galegos nas edicións informativas das 15.00 e 21:30 h. Ademais do fútbol profesional e da Primeira RFEF, o programa tamén analizará as ligas de baloncesto co seguimento ás citas galegas: Basquet Coruña-Zaragoza, Breogán-Xirona, Obradoiro-Lleida, Ensino Lugo-Araski, Celta-Zaragoza e Baxi Ferrol-Estepona.