A TVG celebra o Día de Galicia con 'A festa interminable', unha gran gala musical que une tradición e vangarda - CSAG
A TVG celebra o Día de Galicia con 'A festa interminable', unha gran gala musical que une tradición e vangarda
Luar na Lubre, Treixadura, Fillas de Cassandra, Lucía Pérez, A Roda, o Coro Toxos e Froles, Panorama e Olympus compartirán escenario con músicos que reinventan os sons da nosa música, como Dj Sonic, Gabriel Fandi, Marleny ou Capitán Sabrosura

Santiago, 25.07.2026.- A TVG celebra a noite do 25 de xullo coa gala ‘A festa interminable’ (22:00 h), un especial presentado por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar, que converterá a música galega na gran protagonista da noite. A proposta reunirá sobre o escenario artistas e formacións de distintas xeracións, que reivindican e dan continuidade ao noso patrimonio musical.
Baixo o lema ‘A festa interminable’, a gala ofrecerá un percorrido polos sons que forman parte da nosa memoria, establecendo unha ponte entre a tradición e as novas tendencias musicais. Entre os participantes desta gran celebración figuran formacións históricas e referentes da música tradicional, como Luar na Lubre, Treixadura, A Roda, Lucía Pérez, o Coro Toxos e Froles, Cantigas e Agarimos, Herba Grileira e María do Ceo.
As súas propostas dialogarán co talento de artistas e grupos actuais, como Fillas de Cassandra, Uxía Lambona e a Banda Molona, Gabriel Fandi, Dj Sonic, Capitán Sabrosura, Alejandra Pais, Marleny, Kike Varela, Gloria Cespón, Álvaro Puga e Aid, encargados de demostrar como a música galega segue sendo actual e conecta coas novas xeracións.
A festa contará, ademais, coa participación das orquestras Panorama e Olympus, que achegarán o seu espectáculo nunha noite concibida para festexar Galicia a través da súa música. A gala culminará cun emotivo peche colectivo en que todos os artistas interpretarán xuntos o ‘Himno galego’.