A Radio Galega retransmite o mércores o partido de Primeira entre o Celta e o Betis - CSAG
A Radio Galega retransmite o mércores o partido de Primeira entre o Celta e o Betis
Ás oito da tarde, desde Balaídos, edición especial de ‘Galicia en goles’

Santiago, 25.8.2025.- Este mércores volve haber Liga de fútbol. Celta e Betis adiantan o partido correspondente a sexta xornada da Primeira División, programada para 24 de setembro, xa que nesa data os dous equipos debutan na Europa League. Roberto Carlos Carballo conduce desde as oito da tarde unha edición especial de ‘Galicia en goles’, coa narración desde Balaídos de Víctor López e os comentarios técnicos dos adestradores Ramón Carnero e Jose Valtierra. O árbitro “Mr Asubío” encargarase de analizar as xogadas polémicas que se produzan durante os noventa minutos.
O Celta afronta o terceiro encontro do curso co obxectivo de sumar a primeira vitoria da temporada, que se lle escapou o pasado sábado en Mallorca nos minutos finais. Antes perdera fronte ao Xetafe de Bordalás por 0-2 e o empate a un da segunda xornada non contentou aos celestes, malia xogar fóra da casa.
Mentres, o Betis si comezou de xeito positivo a temporada, cun empate en Elche a un gol e a vitoria mínima fronte o Alavés no Benito Villamarín, por un a cero. Con catro puntos, Manuel Pellegrini cumpre as expectativas xeradas arredor do cadro verde e branco.
O ‘Galicia en goles’ volverá na fin de semana con máis retransmisións. Así, o sábado atenderá ao comezo da Primeira RFEF, co Pontevedra-Cacereno e o Zamora-Celta Fortuna como citas destacadas. Tamén principia a Primeira F, na que o Deportivo da Coruña recibe o Levante Badalona no estadio de Riazor. O domingo, o interese pasará por Balaídos, onde o Celta recibe o Vilarreal antes do paro pola xornada internacional de seleccións. Por último, o luns 1 de setembro a Radio Galega programa outra edición especial desde as nove da noite, coa emisión do Leganés-Deportivo correspondente á Segunda División.