A Radio Galega e AGalegaAudio.gal retransmiten o Dinamo de Zagreb-Celta da Europa League - CSAG
A Radio Galega e AGalegaAudio.gal retransmiten o Dinamo de Zagreb-Celta da Europa League
A cita é o xoves, a partir das seis e media da tarde

Santiago, 4.11.2025.- O Celta de Vigo afronta a cuarta xornada da Europa League no mellor momento da temporada. O equipo de Claudio Giráldez encadea catro vitorias consecutivas, sumando as tres competicións que está inmerso. Os tres puntos obtidos o pasado domingo no Ciutat de Valencia ante o Levante tranquilizan a competición doméstica, xa que deixa o descenso a catro puntos e sitúase a outros catro da zona europea.
O Maksimir Stadium, con capacidade para corenta mil espectadores, acolle este xoves, a partir das sete menos cuarto da tarde o cuarto encontro do equipo celeste na competición continental. A Radio Galega comezará ás seis e media da tarde unha edición especial de ‘Galicia en goles’, que os oíntes poderán seguir a través da FM e de AGalegaAudio.gal. Víctor López é o enviado especial á capital croata e estará arroupado polos comentarios tácticos dos adestradores Xosé Ramón Valtierra e Moncho Carnero. Mentres, Uxío Vázquez ‘Mr Asubío’ poñerá o foco na actuación arbitral e Gonzalo Alonso acompañará os seareiros que se xuntan en Vigo e a súa contorna para animar desde a distancia. Roberto Carlos Carballo encargarase da dirección ata as nove e media da noite, para dar tempo á emisión da conferencia de prensa do adestrador e poder falar cos mellores futbolistas do xogo.
O Dinamo de Zagreb e o Celta están separados por un punto tras as tres primeiras xornadas da liga regular. O equipo croata ocupa a cuarta praza, suma sete puntos, con dúas vitorias e un empate, marcou sete goles recibiu tres. O cadro galego é noveno, ten seis puntos, logo de perder en Stuttgart e lograr as vitorias como local ante o Paok de Salónica e o Niza.
Na fin de semana, o ‘Galicia en goles’ ofrecerá as edicións habituais. O venres, desde as oito e media do serán, o polideportivo será o protagonista co Alacant-Cangas de balonmán, Gran Canaria-Ensino e La Seu-Baxi Ferrol de baloncesto e o Santa Coloma-O Parrulo de fútbol sala. O sábado a atención estará posta no fútbol de Segunda División desde Riazor, onde o Deportivo recibe á Cultural Leonesa. Tamén haberá cobertura ao baloncesto ACB no Pazo de Lugo, co Breogán-Gran Canaria. E xa o domingo, a edición matinal pasará polo Barcelona-Deportivo da Primeira F e pola tarde ampla despregadura para contar desde Balaídos o Celta-Barcelona da máxima categoría do fútbol masculino.