div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A primeira canle da Televisión de Galicia retransmite este venres desde Riazor o partido Deportivo-Huesca

Os medios públicos propoñen esta fin de semana unha ampla oferta deportiva, con fútbol, traiñeiras, billarda, chave, o Mundial de Motocrós, a regata La Solitaire Du Figaro de vela e o descenso de bicicleta de montaña na Fracha de Pontevedra

csag.gal 19/09/2025 08:00

Santiago, 19.09.2025.-    Esta fin de semana está marcada por unha ampla oferta de retransmisións deportivas na Televisión de Galicia. A primeira canle ofrece o venres, a partir das 20:00 h, o partido da Segunda División de fútbol entre o Deportivo e o Huesca. Logo das cinco primeiras xornadas, os dous equipos presentaron as súas opcións a pelexar polo ascenso á Primeira División e só un punto os separa na clasificación xeral. Óscar Benito e Tito Ramallo encargaranse de contarlle á audiencia todo o que suceda no Estadio Municipal de Riazor xa desde media hora antes do xogo, para ofrecer a previa máis completa coa opinión dos protagonistas.

A tarde do sábado estará aberta na segunda canle da Televisión de Galicia ás traiñeiras, coa disputa desde as 17:15 h da primeira rolda dos play-off á Liga ACT e da Bandeira de Bermeo. Mentres, na plataforma AGalega.gal o protagonismo será desde Ribadumia para a Copa Xunta de billarda e chave, dúas disciplinas de deporte autóctono. Por último, ás 20:00 h, o pavillón de Narón acollerá as cámaras da canle autonómica para a final da Copa Galicia de baloncesto feminina, torneo en que compiten o Uni Ferrol, o Ensino de Lugo, o Celta de Vigo e o Maristas da Coruña.

Xa o domingo, os amantes do motocrós teñen que madrugar para seguir na G2 o vigués Rubén Fernández na proba do Mundial MXGP programada desta volta en Australia. A primeira manga comeza ás 06:30 h e a segunda ás 09:30 h. Ás 11:15 h comezará a xornada final dos play-off da Liga ACT de traiñeiras xunto á Bandeira de Portugalete. Por último, ás 12:00 h, na plataforma AGalega.gal, chegará o descenso de bicicleta de montaña na Fracha de Pontevedra.

Pola tarde, a primeira canle da TVG conectará con Vigo desde as 16:00 ata as 18:30 h para ofrecer o espectáculo da vela, coa saída da regata La Solitaire Du Figaro. Ademais, os afeccionados ao fútbol terán unha oferta variada. Na G2, desde as 16:00 h, o Lugo e o Rácing de Ferrol protagonizarán un derbi de históricos no Anxo Carro con dous protagonistas que comezaron de xeito ben distinto a temporada. O Rácing suma tres vitorias noutras tantas xornadas, compartindo o liderado co Tenerife, mentres que o Lugo só logrou un empate e ocupa a penúltima praza. A partir das 17:00 h, a plataforma dixital dos medios públicos ofrecerá multifútbol de Segunda RFEF coa emisión de tres encontros: Bergantiños-Numancia, Fabril-Salamanca e U. D. Ourense-Marino.

‘En Xogo’

Sevi Martínez conduce os domingos, ás 22:40 h e na primeira canle da Televisión de Galicia, o histórico ‘En Xogo’. Esta semana o programa ofrecerá a mellor análise do Raio Vallecano-Celta de Vigo e do Deportivo-Huesca, xunto a todos os goles dos equipos galegos nas categorías da RFEF. Tamén atenderá a viaxe dos máis de mil celtistas a Stuttgart para vivir o xoves 25 de setembro o regreso do equipo olívico a Europa League oito anos despois.

Telexornais

O deporte é imprescindible nas fins de semana nos informativos da TVG. Así, o ‘Bos Días’, o ‘Telexornal Mediodía’ e o ‘Telexornal Serán’ ofrecen amplos espazos, coa última hora dos equipos galegos, os resumos dos partidos e as opinións dos protagonistas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade