div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A Liga Endesa volve á TVG co partido dun equipo galego en cada xornada e todos os derbis

Televisión de Galicia e ACB selan un acordo para as dúas vindeiras temporadas

Os domingos, ás doce do mediodía, a TVG e AGalega.gal emitirán un partido da Liga Endesa con presenza galega

A Televisión de Galicia tamén retransmitirá o Río Breogán na Basketball Champions League

A TVG e a Federación Española de Baloncesto teñen moi avanzadas as negociacións para transmitir os partidos do Baxi Ferrol, do Maquinaria Durán e do Celta Femxa Zorka, e tamén as competicións europeas

csag.gal 02/09/2026 13:32

Santiago, 02.09.2026.-   O baloncesto masculino de elite volve á súa casa, á TVG, cunha oferta histórica de cobertura dos equipos galegos na Liga Endesa e competicións europeas.  

A LIGA ENDESA volve á TVG

TVG e AGalega.gal ofrecerán cada domingo ás doce do mediodía un partido da Liga Endesa coa presenza dun equipo galego. A participación do Río Breogán, o Monbus Obradoiro e o Leyma Coruña constitúe un fito para o deporte galego, e a TVG acompañará este camiño con toda a súa forza mediática tras o acordo asinado coa ACB para as dúas próximas temporadas.

O acordo coa Asociación de Clubs de Baloncesto contempla a emisión, cada xornada, dun partido con presenza galega. Os espectadores poderán ver pola primeira canle da TVG e pola plataforma AGalega.gal (dispoñible en Galicia mediante xeolocalización) os seis derbis e un total de 40 encontros da competición regular. As emisións continuarán tamén en caso de que algún dos tres equipos galegos acceda aos cuartos de final polo título.

O calendario das grandes citas

As primeiras grandes citas comezan xa en setembro.

    • Domingo 27 de setembro, 12:00 horas, desde o Pazo dos Deportes de Lugo: Río Breogán-ASISA Joventut, a retransmisión coa que arranca a tempada.
    • Domingo 4 de outubro, desde o Coliseum: Leyma Coruña-Surne Bilbao.
    • Domingo 11 de outubro, desde o Multiúsos Fontes do Sar de Santiago: estrea do Monbus Obradoiro na TVG ante o Ilerna Lleida.

E os primeiros derbis:

    • Domingo 1 de novembro, no Sar: primeiro derbi galego da temporada, entre o Monbus Obradoiro e o Río Breogán.
    • Domingo 20 de decembro, ás 12:00 horas: Monbus Obradoiro-Leyma Coruña.
    • Mércores 30 de decembro, ás 18:00 horas, desde o Pazo de Lugo: Río Breogán-Leyma Coruña, o derbi coa que a TVG despide o 2026.

Un ecosistema completo para o baloncesto galego

Arredor desta aposta, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) crea todo un ecosistema para o baloncesto galego que vai máis alá da retransmisión dos partidos, para acompañar os equipos e a afección durante toda a tempada. Ademais da Liga Endesa, a Corporación ofrecerá:
 
    • Os partidos europeos do Río Breogán na G2.
    • Máis baloncesto na Radio Galega. Os oíntes terán a opción de escoitar os partidos dos seus equipos de xeito íntegro na plataforma AGalegaAaudio.gal, ademais das conexións e narracións que se farán durante a emisión de ‘Galicia en goles’ na FM.
    • Un podcast semanal en AGalegaAudio.gal e na FM, coa análise de cada xornada da man de especialistas, e un seguimento diario dos equipos galegos nas diferentes edicións do ‘En Xogo’.
    • Contidos específicos en G24, AGalega.gal e redes sociais.

Este domingo, a primeira cita: a final da Copa Galicia

Para ir quentando motores, a G2 e AGalega.gal programan para este domingo, ás 19:00 horas, a final da Copa Galicia de baloncesto. Neste clásico da pretemporada compiten os tres clubs da Liga Endesa xunto ao representante galego da Primeira FEB, o Club Ourense Baloncesto.

Este ano, a competición cumpre 40 anos e vaino celebrar cos enfrontamentos de semifinais Leyma Coruña-COB e Monbus Obradoiro-Río Breogán, no Multiúsos Fontes do Sar. Os gañadores do sábado pelexarán polo título na tarde do domingo, coa presenza das cámaras da TVG e os micrófonos da Radio Galega.

A Televisión de Galicia e a Federación Española de Baloncesto teñen tamén moi avanzadas todas as negociacións para poder repetir este esquema na Liga Endesa Femina e poder así retransmitir partidos do Baxi Ferrol, do Maquinaria Durán e do Celta Femxa Zorka, e tamén as competicións europeas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade