div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 e AGalega.gal retransmiten este xoves o Liceo-Benfica da Champions de hóckey sobre patíns

A partir das 20:30 h, desde o Palacio dos Deportes de Riazor, apertura da segunda volta da fase de grupos

csag.gal 04/02/2026 09:00

Santiago, 04.02.2026.-    A Champions League de hóckey sobre patíns volve ser protagonista na programación da segunda canle da Televisión de Galicia e da plataforma AGalega.gal. Este xoves, a partir das 20:30 h, Óscar Benito e o ex-xogador López Regos encargaranse de comentar desde o Palacio dos Deportes de Riazor o partido correspondente á sexta xornada da fase de grupos entre o Liceo da Coruña e o Benfica de Lisboa. O encontro abre a segunda volta da competición, que se compón doutros cinco encontros en que se vai decidir que catro equipos acceden á final a oito.

O Benfica portugués chega á Coruña como o líder sólido do grupo B. Gañou os cinco partidos disputados, con números espectaculares: 21 goles a favor e 8 en contra. Deste xeito, o conxunto luso ofrece os mellores datos en ataque e en defensa dos seis integrantes do cadro. O Liceo, mentres, ocupa a cuarta praza, con sete puntos, igualado co segundo e co terceiro clasificados, Oliveirense e Spórting de Lisboa. O equipo que prepara Juan Copa sabe que as opcións de acceder a rolda final pasan por garantir o maior número de puntos posible ante os seus seareiros.

O hóchey sobre patíns volverá o domingo ás 12.00 h á G2 e AGalega.gal co encontro da liga española entre o Liceo, primeiro clasificado, e o F. C. Barcelona, segundo empatado co Igualada. O feito de actuar de local dálle certa vantaxe ao equipo herculino, que suma 41 puntos por 38 do equipo blaugrana.

Presentación Volta Ciclista O Gran Camiño

Padrón converterase o venres no punto de directo da retransmisión programada na G2 e AGalega.gal a partir das 19:30 h, coa presentación da Volta Ciclista O Gran Camiño. A diferenza doutros anos, a proba abandona o calendario do mes de febreiro para asentarse na primavera, entre o martes 14 e o sábado 18 de abril. 

A organización desvelará neste acto o percorrido da primeira etapa. O resto do trazado está pechado, coas saídas e chegadas en Vilalba, Barreiros, Carballo, Padrón, Xinzo de Limia, Xunqueira de Espadanedo, As Neves e A Guarda.                          

Fin de semana con moito fútbol

A Primeira Federación de fútbol presenta este sábado un derbi de históricos que ofrecerá a G2 desde as 16:15 h. As cámaras da televisión autonómica estarán presentes no estadio da Malata, onde o Rácing de Ferrol recibe o Club Deportivo Lugo.

A Segunda RFEF continúa tendo as súas ventás na plataforma AGalega.gal. O sábado, ás 17:00 h desde o campo Arsenio Iglesias de Abegondo, os afeccionados poderán seguir o derbi entre o Fabril e a Sarriana. O domingo, ás 17:00 h, haberá outro enfrontamento de rivalidade entre a Unión Deportiva Ourense e o Coruxo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade