A CSAG, entregada coa cobertura especial da celebración do ascenso do Dépor - CSAG
A CSAG, entregada coa cobertura especial da celebración do ascenso do Dépor
Na TVG a programación especial comezará arredor do Deportivo-As Palmas e continuará tras o partido, coa análise deportiva e o ambiente nas rúas coruñesas
A Radio Galega achegará unha edición especial do ‘Galicia en Goles’, tamén co seguimento continuo desde os distintos escenarios da festa deportivista

Santiago, 28.5.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) realizará este domingo unha ampla despregadura técnica e humana para ofrecer unha cobertura especial da celebración do ascenso do Deportivo da Coruña á Primeira División.
A TVG emitirá unha programación especial arredor do encontro Deportivo-As Palmas, con directo previo desde estudio a partir das 18:00 horas e retransmisión do partido desde as 18:30 h. Tras o encontro, a canle pública galega continuará cun especial ‘En Xogo: o Dépor en Primeira’, dedicado á festa deportivista, á análise deportiva e ao seguimento do ambiente nas rúas da Coruña.
O operativo contará con equipos desprazados en distintos puntos estratéxicos da cidade, incluíndo Riazor, a explanada exterior do estadio e Catro Camiños, epicentro tradicional das celebracións da afección branca e azul.
A cobertura incluirá conexións en directo, entrevistas, seguimento do ambiente entre a afección e dispositivos especiais de realización e produción para achegar todos os detalles dunha xornada histórica para o deportivismo galego.
A Radio Galega ofrecerá tamén unha edición especial de ‘Galicia en Goles’, cun seguimento continuo desde os principais escenarios da celebración.
Con este dispositivo especial, a CSAG reforza a súa aposta polos grandes acontecementos deportivos galegos e pola cobertura en directo das citas que mobilizan a sociedade galega.